Por unha nova lei de Publicidade Institucional

Unha quincena de medios independentes piden ao Goberno que aplique criterios de respecto á igualdade e á diversidade para fomentar a pluralidade informativa.

Un grupo de medios independentes, formado por Ara, Carne Cruda, Catalunya Plural, Crític, Ctxt.es, Cuartopoder, Diario16, El Salto, La Marea, La Voz del Sur, Luzes, Praza Pública, Pikara Magazine e Público enviou hoxe á Secretaría de Estado de Comunicación e a diferentes partidos políticos unha petición formal para impulsar unha reforma urxente da Lei Acordo Marco de Publicidade Institucional de 2005.

Nos últimos anos, esta norma foi utilizada por moitos medios de comunicación para obter campañas públicas e privadas falseando as súas audiencias con métodos diversos e foi incumprida por administracións de todas as cores políticas, que a usaron de forma discrecional e opaca para favorecer a medios afíns.

A proposta ten o obxectivo de fomentar a pluralidade informativa e protexer o dereito da cidadanía a recibir unha información veraz, contrastada, respectuosa coa igualdade de xénero e co xornalismo de calidade. Os medios que forman o grupo agrupan a máis de 30 millóns de lectores e oíntes mensuais, e contan con máis de 60.000 subscritores de pago.

PUBLICIDADE INSTITUCIONAL PARA O FEMINISMO E A IGUALDADE

De acordo coa Constitución española e as directivas europeas, o Estado velará polo dereito da cidadanía a unha información contrastada e veraz, e para iso debe protexer a liberdade de expresión e o pluralismo dos medios, garantir a independencia e efectividade das autoridades do sector, así como os estándares e a protección da profesión xornalística. Para avanzar na defensa deses dereitos, propomos as seguintes medidas:

A- Entre os criterios para a inclusión de publicidade institucional debería incluírse un principio establecido pola Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, que, no artigo 39, recolle que “todos os medios de comunicación respectarán a igualdade entre mulleres e homes, evitando calquera forma de discriminación”. Ademais, as administracións públicas comprométense a promover “a adopción por parte dos medios de comunicación de acordos de autorregulación que contribúan ao cumprimento da lexislación en materia de igualdade entre mulleres e homes, incluíndo as actividades de venda e publicidade que naqueles se desenvolvan”. Normas similares ás establecidas na Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, en materia de medios de comunicación, aparecen recollidas tamén nalgunhas leis de igualdade autonómicas.

B.- Estas medidas son necesarias para cumprir de forma máis eficaz co punto terceiro do artigo 3 da Lei 29/2005, de 29 de decembro, de Publicidade e Comunicación Institucional, onde se recolle que “as campañas institucionais contribuirán a fomentar a igualdade entre homes e mulleres e respectarán a diversidade social e cultural presente na sociedade”.

C.- A posibilidade de introducir cláusulas sociais e a favor da igualdade na contratación pública está amparada pola Directiva 2014/24/UE do Parlamento Europeo do 26 de febreiro de 2014. Para transpoñer esa norma europea, o Consello de Ministros de 12 de abril de 2109 aprobou o Plan para o impulso da contratación pública socialmente responsable no marco da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público.

D.- O espírito destas normas non debería ser transgredido beneficiando a quen se manifestan claramente en contra dos principios de igualdade que as inspiran. Por iso, avogamos porque se establezan uns parámetros obxectivos baseados máis no cualitativo que no cuantitativo (tamén de máis que discutible verificación, por outra banda). En concreto, suxerimos que se teñan en conta:

    • Porcentaxe de mulleres no cadro de persoal.
    • Porcentaxe de mulleres nas sinaturas colaboradoras e de opinión.
    • Equiparación salarial mulleres-homes dentro das redaccións, nas mesmas condicións de antigüidade laboral e posición na compañía.
    • Implantación efectiva de protocolos para combater o abuso contra as mulleres xornalistas, tanto dentro das redaccións como fóra delas (redes sociais, etc.).

 

PUBLICIDADE INSTITUCIONAL PARA FOMENTAR O EMPREGO, A INDEPENDENCIA, A DIVERSIDADE E A PLURALIDADE

A.- As administracións deben establecer criterios transparentes, plurais e estritamente xornalísticos para a repartición da publicidade institucional (anuncios e contido patrocinado). Así mesmo, deberán revelar o destino e contía das súas campañas e dos seus convenios con medios. Isto afecta tanto ás institucións como ás empresas públicas.

B.- Distribuír a publicidade institucional atendendo única ou principalmente a criterios de audiencia é promover un darwinismo incompatible coa diversidade que debería promover calquera institución. Ademais, non é un criterio fiable xa que moitos medios utilizan métodos de agregación de audiencias tolerados polo auditor oficial ComScore que distorsionan o volume de lectores reais de cada publicación e acaban beneficiándoos na repartición de publicidade institucional. Por tanto, non é xusto nin equitativo que a distribución das campañas institucionais se realice, como ata agora, en función exclusivamente da audiencia e non teña en conta outras variables, asociadas ao xornalismo de calidade máis enfocado á análise e á reflexión, como o número de sesións por visita ou o tempo de permanencia e lectura.

C.- Por iso, é necesario establecer topes máximos para os grandes grupos e establecer unha serie de parámetros reguladores para a repartición ao resto dos medios. Entre eles:

    1. As axudas estatais, autonómicas e locais, e os incentivos institucionais terán como primeiro obxectivo reducir o desemprego do sector e apoiar ás pemes xornalísticas para favorecer a pluralidade, así como facilitar a consolidación de Pemes, medios comunitarios, cooperativas e entidades sen ánimo de lucro que permitan desenvolver novos modelos de negocio.
    2. As administracións premiarán na repartición da publicidade institucional a aqueles medios que contraten a xornalistas en paro, especialmente a mocidade menor de 30 anos e a mulleres maiores de 40, os colectivos máis afectados polo desemprego no sector.
    3. A publicidade institucional primará aos medios que establezan  alianzas con outros editados en distintas linguas do Estado, sumando as súas audiencias á hora de facer a repartición, para favorecer a solidez desas pemes e os modelos plurilingües e innovadores.
    4. A repartición da publicidade institucional deberá ter presente o feito de que non só son socialmente representativos os medios radicados na sede de cada administración, senón que o son todos aqueles que se publiquen no ámbito de actuación de cada institución ou organismo.
    5. A repartición primará a aqueles medios que se dotaron de medios efectivos de defensa da independencia da redacción. Ben sexa a existencia de Comités de Redacción (sen presenza de directivos) ou da representación das traballadoras e traballadores nos Consellos de Administración, con dereito a voto.
    6. Primarase a aqueles medios que teñan unha política de transparencia informativa en canto á propiedade do medio, a súa estrutura de ingresos (incluído o volume de publicidade institucional que reciben, certificado polo Ministerio de Industria) e política informativa.
    7. Serán excluídos da publicidade institucional os medios que realicen EREs sen reducir previamente a fenda salarial entre directivos e traballadores, e os medios que manteñan relacións directas con partidos políticos ou reciban financiamento destes, salvo no que respecta á publicidade de períodos electorais.
    8. As institucións reducirán as axudas a aqueles medios que incorran en prácticas enganosas ou desleais cos lectores e a liberdade de información, como a agregación ilexítima de tráfico (por exemplo, co uso de bots ou de sitios web que nada teñen que ver coa información), o uso de trampas tecnolóxicas para aumentar o número de páxinas vistas, ou a publicación de noticias pagas por anunciantes e empresas sen identificalas como tales.
    9. As administracións serán obrigadas a publicar as listas de medios que recibiron diñeiro público no últimos dez anos. A partir da entrada en vigor da nova lei, un comité independente formado por técnicos/funcionarios vinculados ao Consello de Transparencia e Bo Goberno velará por que non se produzan tratos de favor ou posicións de monopolio e abuso, así como pola correcta aplicación dos estándares aprobados.

 

  1. OUTRAS MEDIDAS COMPLEMENTARIAS: VANTAXES FISCAIS PARA PEMES, SUBSCRITORES, COOPERATIVAS E MECENAS

A.- Todas as subscricións directas ou indirectas aos medios de información desgravarán na declaración de Renda, e as Pemes non contabilizarán esas partidas como ingresos no Imposto de Sociedades, senón como doazóns equivalentes ás que reciben as ONGs e as fundacións.

B.- Axudas fiscais e innovacións lexislativas para que as persoas que lean un medio ou se subscriban a el poidan converterse en accionistas ou cooperativistas do mismo, e ter presenza sindicada e activa nos consellos de administración e nos comités editoriais.

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail