De Boston á Ulloa

A finais do século XIX, os bosques de Boston transformáronse en museos de arte de gran valor. Así o imaxinou o paisaxista norteamericano Charles Eliot. Por aquel entón, Boston convertérase nun dos maiores centros de fabricación dos Estados Unidos. A poboación non deixaba de medrar e os espazos naturais eran vítimas da industrialización salvaxe. Máis xente, menos árbores. En 1890, Eliot fixo un chamado para a conservación: se os amantes da arte puideran crear un museo e salvagardar o seu patrimonio anos atrás, os amantes da natureza terían que ser capaces de preservar as súas paisaxes. Darlle aos bosques a consideración de museos, protexelos para as xeracións futuras e aproveitarse dos seus beneficios. O aire fresco e os lugares para un descanso tranquilo serían os antídotos contra os males da vida urbana. Para conseguilo, Eliot propuxo crear unha organización sen ánimo de lucro, composta por voluntarios, que se encargase da súa conservación. Desa idea naceu a que sería a primeira entidade de custodia do territorio: The Trustees of Reservations, que actualmente coida dunhas 11.000 hectáreas no estado de Massachusetts.

Mapa dos xardíns comunitarios de Boston, elaborado por The Trustees of Reservations.

Despois de anos de traballo, distintas organizacións formalizaron a Rede Galega de Custodia do Territorio en 2015. Antes diso, xa houbera experiencias pioneiras como a de Ridimoas, que desde hai máis de trinta anos compra parcelas na comarca do Ribeiro para a súa conservación. Da mesma forma, a asociación Quercus Sonora traballa na Ulloa desde 2007 para protexer as árbores autóctonas contra o aumento do eucalipto. Compran, alugan ou chegan a acordos de cesión cos propietarios para preservar o bosque que aínda queda na comarca. Tamén fan traballo de recuperación: entre os seus próximos proxectos está o de adquirir un eucaliptal para rehabilitalo con especies propias. Aos seus dous socios fundadores, Sandra Goded e Rudi Esteban, sumáronse outros moitos desde o seu comezo, e hoxe xa son 132 os que custodian, grazas ás súas cotas anuais, un total de 6,54 ha. de bosque.

Os membros da asociación Querqus Sonora, Sandra Goded e Rudi Esteban.

Ademais do labor de conservación, as entidades de custodia do territorio combaten o modelo curtopracista de boa parte do sector forestal. Cartos rápidos para hoxe, perda de biodiversidade e potencialidades do monte para mañá. Asociacións como Ridimoas ou Quercus Sonora, así como outras tantas, levan adiante políticas forestais que o Goberno da Xunta ignora ano tras ano. O patrimonio natural desapareceu hai moito –se é que estivo presente algunha vez– das preocupacións dos nosos gobernantes. As árbores tardan máis dunha lexislatura en dar os seus froitos. A falta de quen se atreva a gobernar, moitas veces contra os intereses dos que non queren ver máis alá da súa finca, precisamos dunha sociedade civil ben organizada. Unha cidadanía que saiba e queira tecer redes fortes, difíciles de rachar por propios e alleos, para conservar os bosques e o país mesmo. Cómpre facelo xa, canto antes, sen perder tempo. Sen esperar a que alguén se desfaga dos cadros e quedemos sen museo.

Eucalyptus, de Elena R. Flores en Vimeo.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail