Sexo, matrimonio e a Conferencia episcopal

As vodas civís superan xa ás canónicas desde 2017 en Galicia, segundo as estatísticas dispoñibles. Agora, a Conferencia Episcopal Española propón un mestrado de entre dous e tres anos de duración en sesións de quince dias.

«Como vai ser que a carreira sacerdotal dure sete anos e a preparación ao matrimonio e a ser nais e pais teña un cursiño de 20 días!» explicou Mario Iceta, presidente da Subcomisión Episcopal para la Familia y Defensa de la Vida de la Conferencia Episcopal, na presentación do documento.

Unha alegría que as persoas que nada saben de matrimonio, de paternidade e nada digamos de maternidade, de sexualidade compartida e ata de sexualidade a secas, elaboren e propoñan un mestrado de dous anos mínimo para preparar ás persoas aspirantes a casar polo seu rito e que ese matrimonio dure ata a fin das vidas dos contraentes.

Retiraron xa varias cousas do documento ao comprobar o rebumbio que ergueron coas súas ideas. Porén, retiradas ou non, escribimos delas porque segue no seu ADN e teñen moito poder de espallar as súas ideas (púlpitos e confesionarios; educación concertada pagada en boa medida con cartos públicos; TV e radio dos bispos).

Que saben do desexo sexual é seguro, porque o terán experimentado, pero, por que din que ten a ver coa canseira? Se durmiches a sesta si, se non a durmiches, non? A sesta só a teñen que durmir elas? Eles non precisan descansar para manter sexo? De que están falando?

Escoitarán centos de veces nos confesionarios, que as mulleres eluden o «débito conxugal» dicindo que están cansas, que lles doe a cabeza, que… escoitarano, si, porque eles adoitan ser morbosos e preguntar e volver preguntar, porque as cuestións de sexo «les ponen» (lembran a Fermín de Pas, o cóengo Magistral de La Regenta, confesando a Ana Ozores?).

«O varón, o día que queira ter relacións sexuais, deberá facer un esforzo maior e asumir certas tarefas para que a muller poida durmir a sesta»

Dino moitas mulleres porque non teñen ganas, o desexo sexual non lles acode na súa vida matrimonial ou non coa frecuencia que os seus maridos queren sexo con elas e zafan con estas escusas no canto de dicir «contigo, agora, non me apetece». E tanto ten se os «agora» se repiten múltiples veces.

Pero o mellor de todo é cando din: «o varón, o día que queira ter relacións sexuais, deberá facer un esforzo maior e asumir certas tarefas (por exemplo, levar aos fillos pola tarde ao parque ou pasear un par de horas) para que a muller poida durmir a sesta». Non é xenial? A partir de agora, se vemos varóns nos parques coas crianzas botarémonos a rir.

Que é o que predican estes señores sobre a participación dos varóns nos traballos da casa e nos coidados e atención de fillas e de fillos? Un intercambio: levo os fillos a pasear ou ao parque a cambio de sexo. Dos fillos que se ocupe a nai. O varón, cando queira sexo.

Así de claro.

E así nos vai con esta xerarquía católica de España que non fixo, nin fai, ningún esforzo para entender que homes e mulleres deben aspirar á igualdade de oportunidades e poñer os medios para lograla e iso esixe compartir a crianza das fillas e dos fillos, os esforzos que os traballos domésticos implican para que unhas e outros estean igual de cansos ou descansados e que a práctica de sexo require consentimento, non débito conxugal.

Nada importa o que pensen da castidade, da pornografía, da masturbación. Sabidísimo o que opinan e ata se permiten falalo como se fose cousa de fe.

E seguen, erre que erre, predicando que o sexo, a sexualidade, é o máis íntimo do corpo.Para eles si? Que saben disto? Por que esta teima? Iso queda para outras irreflexións.

Visto isto, preguntámonos, conseguirán máis persoas adeptas ao matrimonio católico?

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail