“Señoras e señores, bos días. Os traballadores da Compañía da radio e televisión de Galicia estamos en folga….”
Así comezaba un inusual telexornal en 2011, un especial informativo retransmitido desde a compostelá Praza do Toural con motivo da folga convocada polas traballadoras e traballadores dos medios públicos galegos ao fío da reforma da Lei de Medios audiovisuais públicos de Galiza, pactada polo Partido Popular e o PSOE.
Sete anos despois e con vinte e seis Venres Negros ás costas, profesionais da CRTVG volven de novo convocar un calendario de mobilizacións na defensa da Galega.
A radio e a televisión públicas de Galiza fundáronse nos anos oitenta como un servizo público fundamental para garantir o dereito á información das galegas e dos galegos mais tamén para contribuír á normalización de usos da lingua propia nun espazo, o dos medios de comunicación, no que aínda hoxe resulta algo exótico; promover e difundir a cultura galega e garantir o acceso a unha información plural, reflexo da diversidade social e política que caracteriza a sociedade galega.
En tres décadas de historia da CRTVG nunca antes se producira unha mobilización tan prolongada no tempo e multitudinaria porque, por vez primeira, non só xornalistas, operadoras/es de cámara, montadoras/es ou persoal de produción saíron publicamente defender o servizo público; ducias, centos de persoas a título individual, espectadoras, usuarias, en definitiva as lexítimas propietarias da radio e a televisión pública protagonizaron, tamén, os Venres Negros.
Só isto debera provocar unha reflexión colectiva, especialmente de quen dirixe a Corporación. Mais até a convocatoria da folga ninguén en San Marcos descolgou o teléfono para escoitar as demandas do persoal.
A CRTVG conta anualmente con máis de 100 millóns de euros de orzamento, o 97% dos cales procede directamente da Xunta de Galiza. Recursos económicos –non se trabuquen- saídos dos impostos que relixiosamente pagan, pagamos, as traballadoras e traballadores deste país. Un orzamento que nos converte, a todas e todos nós, en sustento da radio e a televisión de Galiza, igual que a sanidade, a educación ou os servizos sociais.
Defende a Galega vén denunciando o control político, a manipulación, a abertura de expedientes disciplinarios contra profesionais «díscolos»; a externalización cada vez maior da produción e, nomeadamente, o incumprimento de elementos centrais da Lei 9/2011 de medios audiovisuais públicos de Galiza como o Consello de Informativos polo que levan agardando sete anos.
Que hai dunha radio e televisión ao servizo do país? Que hai da música feita en Galiza ou do cinema galego? Que hai das reportaxes en profundidade, da diversidade de fontes? E que hai do entretemento máis alá do triste espectáculo?
A modo de curiosidade, e en relación cos expedientes disciplinarios abertos recentemente contra dous xornalistas, un xa pechado, outro en instrución… Lembran o artigo de opinión do director do programa A Crónica, que entre outras lindezas dixo das forzas da oposición que eramos o «inframundo», «gentuza», unha «tropa», «carroñeiros da desolación», «liberticidas» e «profesionais da pancarta» alén de nos tildar de «caudillos da caverna» por exhibir, dixo, “«en pudor a nauseabunda indixencia moral e intelectual» na que segundo el nos movemos? Está pendurado no ABC, para quen queira consultalo.
Con esta inquina non sorprende que no espazo que dirixe non haxa máis voz que a dos que pensan coma el. Por certo, todos homes.
Ante isto e as enormes críticas que suscitou, a resposta da dirección foi trasladarlle «Felicitacións (…) pola profesionalidade, rigor, ecuanimidade e equilibrio co que procede nos seus cometidos á fronte deste programa e [a] condena da que considera sistematizada campaña de acoso persoal nas redes sociais contra o devandito profesional».
Non se trabuquen, este artigo non é un «¿que hay de lo mío?» senón «que hai do de todas?». Que hai dunha radio e televisión ao servizo do país, alén do estritamente informativo? Que hai da música feita en Galiza na TVG ou do cinema galego? Que hai das reportaxes en profundidade, da diversidade de fontes? E que hai do entretemento máis alá do triste espectáculo?