O ecosistema métrico decimal

Ben sei que o termo «ecosistema» admite un uso metafórico ou un uso ampliado a partir da súa primixenia denotación. Ora ben, levo un tempo longo (perdón, «lonxevo»: agora resulta que este adxectivo se fai sinónimo de «duradoiro») a ler a aplicación do tal conceito a mensaxes e contextos diversos. Que lembre agora, o ecosistema literario, o financeiro, o empresarial, o cultural, por suposto… O prefixo «eco», seica, converteuse nun sinal de prestancia intelectual e demostra que os seus utentes están à la page. Só que, por esta vía, chegaremos a que perda todo o seu significado orixinal. Posta a propoñer, deixo anotado que o podemos aplicar ao sistema métrico decimal. Faltaría máis! Como non vai ser un «ecosistema» o convivio de quilómetros de autovías sen completar, toneladas de peixe impedidas de pescar, miles de vidas femininas segadas polos matadores, metros de alcatifa vermella de tantas solemnidades, litros de bebidas alcohólicas que cómpre seguir vendendo, miles de euros pagos á banca para seguiren a cobrar comisións leoninas e desatenderen a clientela…? Un «ecosistema» perfeito, si, señor, que diría don Ánxel Fole.

O prefixo «eco», seica, converteuse nun sinal de prestancia intelectual e demostra que os seus utentes están à la page. Só que, por esta vía, chegaremos a que perda todo o seu significado orixinal

Acontece con esta palabra o que xa ocorreu con outras moitas. O caso é que calquer escrebedor que se precie de sabido as poña de moda e, a partir de aí, xa comeza a rotineira repetición. Lembren, se non, o uso de «mantra». Máis atrás no tempo, o de expresións como «buque insignia» ou de adxectivos como «emblemático». Xa nos temos referido ao problema «territorial», hipócrita-cínica maneira de esquivar o descomunal problema nacional do Estado español.

Modas van, modas veñen. Hoxe, uns adxectivos moi usados son «decente» e o seu antónimo, «indecente». Na miña infancia-adolescencia, rebelabámonos contra a «decencia» imposta, por estreitez moral. O uso ampliado daquel dúo vulgarizou o binarismo «bon / mau», «xusto / inxusto», mais dáse o caso de que tamén se pode devaluar o seu sentido. Un empresario pode ser moi «decente» na súa vida privada e continuar a ser un explotador laboral na súa relación con empregadas-empregados.

Un empresario pode ser moi «decente» na súa vida privada e continuar a ser un explotador laboral na súa relación con empregadas-empregados

E resulta ben curioso que, face a esta campaña de renovación cosmética (ben coñecida, de por parte: mudemos a tona do vocabulario para que a semántica real prosiga o seu curso), continúan vivas definicións-categorías de antano que si precisarían, coido, unha revisión a fondo. Sirva de exemplo «ama de casa». De que é «ama», se depende dos ingresos-rendas proporcionados polo cónxuxe? Antano, a «profisión» de moitas mulleres aparecía epigrafada como «sus labores», isto é, os traballos asociados connaturalmente ao sexo feminino. Que é unha «ama de casa»? Traballadora full time sen horario nen salario? Multiempregada? Responsábel de múltiplos servizos doméstico-familiares, entre os que se inclúen millóns de euros de aforro ás institucións públicas?

Mais, en fin, non nos queixemos, cando altas autoridades continúan a confundir «traballo» e «emprego», como se todos os «labores» adxudicábeis ao primeiro tivesen un pagamento como o que se reclama do segundo.

En fin, a operación de camuflaxe denunciada é máis vella que andar a pé. Múdese a epiderme da lingua, convértase este encobrimento nun fetiche… e até o novo invento.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail