Á tribo de Luzes:
Este Nadal de 2023 cumpriranse dez anos de vida da revista Luzes.
Mes a mes, a aventura foi posíbel.
Conseguimos exercer o dereito a soñar: en galego, coa cabeza en Galicia, un viveiro de información e creatividade cunha ollada de arcea, de 360º, que abranguese o mundo.
Luzes non é unha excepción, mais dalgún xeito é excepcional nun panorama informativo precario, onde a supervivencia independente e ceibe, sen dono, hai que conquistala día a día e só é posíbel pola axuda mutua.
Por iso, a excepción de Luzes sodes vós. Cada persoa subscrita.
Coa verdade por diante, queremos pedirvos que continuedes e anovedes o compromiso para facer historia do futuro. Para seguir exercendo o dereito a soñar.
Durante estes dez anos, non se variou o prezo da subscrición. O incremento de custes, principalmente na primeira materia, mais tamén na remuneración das persoas colaboradoras, obriga á necesidade dunha suba do prezo das subscricións de papel. Recibirás como sempre os doce números de Luzes, e tamén, antes do fin de ano, o agasallo da Axenda de Galicia, unha ferramenta útil, co selo da calidade e o deseño vangardista de Luzes.
Grazas por chegar aquí.
Grazas por garantir a posibilidade deste traballo de información, creatividade e descuberta incesante.
Benvidos os días do porvir.
Xosé Manuel Pereiro / Manuel Rivas