O dente de Lumumba

Cismei algunha vez en cal sería a primeira nova de prensa de que tería noticia na miña infancia. Prensa escrita e radial. Televisión non existía (mellor dito: non a había na miña casa; cando chegou, xa eu era adolescente). A escrita era El Progreso e La Hoja del Lunes. Nesta, foi meu pai quen me informou de quen era Neumandro (pseudónimo de Ánxel Fole), que nela colaboraba. Lembro, por exemplo, en letras enormes, a noticia do atentado e morte de J. F. Kennedy, mais non a que vou comentar nestas liñas. No recordo de nena o nome de Lumumba, mais si o de Katanga e tamén o do Congo belga, así que a miña información sobre o líder da independencia deste país é moi posterior. O ano pasado foi entregado aos familiares de Lumumba un dente por parte das autoridades belgas, que foi todo o que ficou dos seus restos, após asasinado, e aqueles, feitos desaparecer. En 1961 foi o asasinato e 61 anos demorou a potencia colonial, Bélxica, en «pedir perdón» e recoñecer a violencia do seu dominio imperial. Podía ser pior: o Vaticano –ou mellor dito, o Papado– poden agardar algún século que outro en «rehabilitar» a memoria dalgún queimado na fogueira inquistorial por ousar desmentir a ortodoxia imposta verbo do movemento da terra arredor do sol, por caso.

Non só Bélxica estivo envolvida no asasinato de Lumumba. A CIA, con participación directa e documentada, e a ONU, coa súa pasividade, tamén se implicaron, en plena Guerra Fría, máis un contributo á hexemonía imperial norteamericana no mundo. Occidente resolve, moitos anos despois, cando o xulga oportuno, «pedir perdón». Pedir perdón por xenocidios varios, destrución de países, aproveitamento incesante de recursos naturais e mineiros, imposición inclemente das linguas coloniais, favorecemento de éxodos masivos… e un longo etcétera. A responsabilidade histórica e política fica así deslocada a unha reparación moral: do ámbito da política ao da relixión. Unha sorte de pseudoconfisión que garante o perdón final dos pecados, onde non existe, desde logo, propósito de emenda, como na confisión sacramental. As grandes potencias coloniais europeas continuaron o seu dominio, mesmo despois de proclamada a independencia da metrópole das antigas colonias. Sobran exemplos.

Ora ben, o complexo de superioridade europeo mantense vivo e vixente. O horror que Europa experimentou en carne propria na primeira e na segunda guerra mundiais e, en concreto, o provocado polo nazismo, ten antecedentes sobrados nos outros continentes, nunha expansión globalizadora que só triunfou a base de exterminio, aniquilación, destrución ou deformación do vencido. Eis as súas armas. Cando existían no continente europeo voces críticas contra os designios USA de hexemonía mundial, Europa incluída, houbo quen (Jacques Servan-Schreiber) se escandalizou apelando a que a vella Europa non era Arxelia nen Senegal. Of course! Faltaría máis! A grandeur francesa tiña todos os avais para manter e reforzar os seus vínculos coloniais nas posesións africanas, asiáticas ou americanas, tortura e morte incluídas, como tamén está máis que documentado.

O dente de Lumumba. Único resto físico dunha aniquilación programada, como se ela puidese facer desaparecer a memoria da súa persoa e loita. Porque continúa habendo «Lumumbas» no mundo actual. Pergúntome: a filla e fillos do nomeado Heroe Nacional do Congo, que pensarían no acto de entrega (o ano pasado) dese «recordo» de seu pai?

Cantos anos haberán de se pasar para a Unión Europea actual «pedir perdón» polo seu apoio, directo ou indirecto, ás políticas imperiais dos USA polo mundo mundial?

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail