A miña primeira Diada: unha historia de amor

O título deste artigo, que existía antes do artigo mesmo, ten un matiz arrogante. Falar de «primeira Diada» implica que haberá máis, cando nada garante que, dentro dun ano siga tendo recursos para vivir en Barcelona.

Mudeime á cidade hai cousa de tres meses. Dígolle á xente que viñen por traballo, xa que me ofrecían unha suplencia na redacción dunha revista. É verdade, pero a medias. En realidade viñen por amor, fórmula verbal que soa esponxosa e cutre, pero que esconde a única certeza da miña estancia aquí. Se a rapaza á que quero non traballase en Barcelona, eu non tería enviado nunca o currículo a esa revista.

Agora ela está de vacacións en Galicia e eu asisto á miña primeira Diada o día despois de empezar a traballar nunha segunda revista (o contrato coa primeira xa venceu). De camiño á concentración, compro pa nacional nun forn comercial: as franxas vermellas están feitas de sobrasada. Será a primeira de moitas esteladas. Xa na manifa, vexo que as venden os mesmos ambulantes que ofrecen cervexa no Raval. Noutras pastisserias poñen á venda exemplares de presos polítics a 2,50 a unidade: son bonecos de galleta atravesados por barrotes de chocolate.

É unha celebración onanista, de xente que se felicita por nacer nun sitio, ou por ser acollidos con moita amabilidade. Os cidadáns cataláns de orixe estranxeira falan de Cataluña como Messi do Barça, ou como James Rohdes de Madrid

Hai moita xente, disposta a recibir instrucións. A ANC convídate a que te rexistres na súa páxina web para reservar sitio nalgún dos 38 tramos que percorren a Avinguda Diagonal desde Gloriès ata Palau Reial. Tamén a que compres a camiseta oficial deste ano, dunha cor salmón esplendorosa. Moitos levan esta camiseta, aínda que outros visten a de anos anteriores. É igual porque todos os lemas rezan que a República, ou a felicidade, está ao virar a esquina.

Viñen a esta cidade por amor, e agora estou aquí, un pouco desorientado, só, botando de menos a alguén e seguindo un tumulto de xente tan namorada coma min, só que de si mesmos, como pobo. A Diada, como calquera festa nacional, é unha celebración onanista, de xente que se felicita por nacer nun sitio, ou por ser acollidos con moita amabilidade, como dando as grazas. Os cidadáns cataláns de orixe estranxeira falan de Cataluña como Messi do Barça, ou como James Rohdes de Madrid (outro namorado, que no seu caso proxecta o que sente pola súa moza no que sente pola cidade da súa moza, de xeito tenro e tamén ridículo, igual que todo o que ten que ver co amor).

A Diada podería ser o soño húmido de calquera gobernante: centenares de miles de persoas manifestándose a favor do teu discurso, e non en contra. Hai moitos nenos, que roxen a favor da independencia con furor deportivo, como se puidesen acadala a goles. É natural, non hai que escandalizarse, en plan Helen Lovejoy, de que os nenos vaian ás manifestacións. Unha das imaxes máis emblemáticas da Transición tiña a un cativo como protagonista, alzando o puño. Era, ademais, guapo: a súa fotoxenia parecía encapsular a esperanza dun pobo. Houbo unha España que quixo que aquela fose a última fotografía en branco e negro do seu país, e así se creu durante anos.

Agora que a Transición é considerada máis ou menos unha estafa, vexo vespinos coma corceis ondeando senyeras, e nenos de 7 anos abxurando de forma musical contra un artigo da Constitución que non poden entender. A Diada deixa moitos instantes así, icónicos e coloridos, en amarelo ou en salmón, protagonizados por xente convencida da imposibilidade de seren retratados en branco e negro; xente que segue instrucións para facer unha «onda sonora» capaz de percorrer sete quilómetros ata derrubar un muro de cartón; xente segura de que ninguén os está estafando.

Dise sempre que o individual é plácido e o colectivo, heroico. Non sei. Semella máis difícil amar a unha persoa, sobre todo se se muda a unha cidade cara, que a sete millóns. Como persoa educada na esquerda, non lle podo perdoar á Diada que me faga sentir tan liberal como se tributara en Andorra.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail