S02E07: Natural

No episodio desta semana das Womansplainers introducimos o tema do «natural» desde varias perspectivas. Caseiro, artesán, sen químicos…Durante anos a publicidade ten mostrado estas cartas como reclamo para facernos crer que a nosa maneira de consumir vai ser máis ambientalista ou até menos prexudicial para a saúde. Será que todo o non procesado é necesariamente bo?

Marilar Aleixandre é bióloga, investigadora, escritora e membro da RAG. Con ela do noso lado puidemos facer unha revisión histórica sobre se ás mulleres lles son reservados unha serie de deberes naturais ou se a natureza de homes e mulleres é tan diversa que pode definir ou, mellor dito, distinguir, as súas capacidades e aptitudes. Os coidados, o histerismo, a reprodución, etc, son colocados no punto de mira neste programa.

Existe unha maneira natural de criar? se así fose, estaríamos tamén a afirmar que debe haber un modo artificial de facelo. O calificativo «natural» non nos abandona e está ao redor de moitos asuntos, como os partos. Observamos que cada vez existen máis reflexións sobre a adecuación das prácticas hospitalarias e que hai quen opte por outras alternativas por temor á violencia obstétrica ou ao exceso de medicalización.

Os ácaros, as bacterias ou os xermes son tamén elementos naturais con que convivir, pero chegou a pandemia e isto provocou un abuso de desinfección. Aínda nos falta distancia temporal para poder ver as consecuencias.

Nesta semana as mulleres explicamos cousas con toda naturalidade. Esperámosvos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail