Estou farta do mes de xuño

Esta frase soltouna Lola, compañeira de ALAS nun grupo de Whatsapp. E deume que pensar.

Ten toda a razón Lola. Durante o mes de xuño e xullo, enchémonos de Orgullo. As institucións e empresas colgan as bandeiras da diversidade nos seus edificios. Correos fai negocio e visibilidade, coa nosa bandeira. As institucións organizan, ás veces con sorte xunto aos colectivos, festas do orgullo e até contratan carrozas, todo iso con bos orzamentos. Poderiamos gastar un pouco menos en festa e, con parte desa dotación económica, facer políticas reais LGTBI.

Durante xuño, a nosa bandeira arco iris e as demais bandeiras da diversidade enchen os espazos públicos e as redes sociais. A última moda é pintar material urbano coas cores da diversidade LGTBI. Alegrámonos moito diso, a visibilidade é moi importante para nós. Porque é certo que se non somos visibles, deixamos de existir.

Mais remata o orgullo e volvemos levar a bandeira ao trasteiro até o xuño que vén.

E o resto do ano, que pasa?

Seguimos sen ter unha lei de Igualdade LGTBI a nivel estatal. As persoas trans seguen rexendo a súa identidade por unha lei de 2007, que quedou anticuada. Os menores trans teñen que saír adiante grazas á gran loita dos seus proxenitores nos tribunais. Si, nos tribunais.

A lei LGTBI de Galicia está sen desenvolverse, escondida nun caixón. Só se reuniu dúas veces o Observatorio LGTBI da Xunta de Galicia en seis anos, sen orzamento. Imposible pór en marcha políticas sen fondos. Ademais é unha Lei sen réxime sancionador. Quen a vai cumprir?

O Observatorio contra a LGTBIfobia da Coruña cada vez rexistra máis incidentes deste tipo e delitos de odio. Pero ve recortado en 10.000 euros o seu orzamento, quedando nos 24.000 euros. Os demais observatorios do Estado funcionan cun orzamento de entre 74.000 e 125.000 euros.

Cantas charlas en centros escolares se dan ao longo do ano neses concellos que tan orgullosamente colgan a bandeira en xuño?

Quen e como se atenden os mozos ou mozas que sofren acoso nas súas aulas?

Onde están os protocolos educativos e sanitarios para facer a vida máis fácil aos e as menores trans?

Por que as persoas trans teñen que pasar dous anos de tratamento psicolóxico para ser legalmente elas mesmas?

Que pasa coas persoas que sofren LGTBIfobia nos centros de traballo?

Ou cos nosos maiores LGTBI, que cando se xubilan a súa vida volve a un gran armario solitario.

Falta un compromiso real e firme dos partidos políticos coas verdadeiras políticas LGTBI. De todos os partidos políticos. Políticas que deben realizar todas as institucións: Goberno central, Xunta, deputacións e concellos. Políticas que nos facilitarían as nosas vidas, que nos axudarán a vivir en cidades ou pobos seguros, conseguindo a igualdade real pola que todos e todas loitamos. Permitiríanos vivir libremente como somos e onde queiramos vivir.

É certo que os partidos de esquerdas son máis sensibles ás nosas reivindicacións. Pero moitos cren que coa Lei de matrimonio igualitario e a Lei trans de 2007 xa cumpriron coa nosa comunidade. Estes dous fitos foron un gran paso para os nosos dereitos. Pero a meta para a igualdade aínda está lonxe de conseguirse. E necesitamos o compromiso político conxuntamente cos e as activistas para chegar a ela.

Lola, tes razón, estamos cansos do mes de xuño.

Necesitamos que os 365 días dos anos sexan todos días da diversidade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail