Mallou, Galicia profunda

Mallou é Galicia profunda. Non sei que me diría Javi Camino, director de Jacinto, se lle solto semellante parvada. O seu último filme, premio do público na sección Panorama Fantástico do festival de cine de Sitges e premio do xurado Dark Matters do festival de Austin, pode verse como unha recreación máis que fantasiosa, realista da Galicia profunda, como diría a inefable Rosa Díez, no sentido pexorativo da expresión.

ALERTA: as liñas que seguen destripan o argumento! Rodada no sur de Lugo e definida como unha comedia negra, Jacinto aborda coa retranca de Camino e a mesura que lle dan os anos (atrás queda, aínda que nos pousos, o gore de ¡Maldito bastardo!) moitas das tradicións e teimas de calquera pobo galego. O da súa aldea compostelá, Mallou, é o nome que lle da o cineasta á localidade ficticia na que transcorre esta particular revisión do crime de Petín, que podería ser facilmente apertura do Telexornal da TVG sen que ninguén se asombrase de máis.

En Jacinto, que abre o vindeiro día 19 o Maratón de Cineuropa, hai todo un imaxinario composto polas referencias ás aldeas que se venden por catro pesos, camisolas do Xabarín, eucaliptos que contribúen á renda das casas, porcos e matanza, viño feito coas uvas da vide propia e que polo tanto non ten alcol, tabernas co logo de Estrella Galicia, vertedoiros incontrolados, cabezudos, enterros e farlopa.

Pedro Brandariz, disposto a entrar en acción

O protagonista é o pailán do lugar e a trama introduce o black metal, pretendidas vampiresas e a práctica dos youtubers no ámbito do rural. A violencia, a súa monetización, a hipocrisía, o animalismo, o veganismo e o folk son elementos dun guión que presenta as súas cartas dun xeito sinxelo, sen pretenciosidades.

Cara o final da cinta, un dos veciños manifesta algo así como que «son catro tolos coma estes os que nos dan a fama de país atrasado». Galicia profunda? Como diría Jacinto: «Xa non somos nenos, carallo!»

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail