Cisma!

Aínda que son unha señora maior, teño a fortuna de compartir espazo de debate sobre o que pasa no mundo con xente moi nova e moi lista. Hai uns días, falando da entrada en vigor da lei trans e da ofensiva da dereita para crear un relato contrario, pola vía da suposta «protección» das menores, aos dereitos das persoas afectadas, saíu a idea de que este debate estaba afondando nun cisma no interior do feminismo. Curiosamente, esta mesma idea do cisma aparece seguido nos debates dos medios da dereita, incluso nas homilías de determinados columnistas e voceiros parlamentarios.

Cada ano, ao redor do 8 de Marzo, parece bo momento para reflexionar sobre os retos e as crises do feminismo. O feminismo, dicía Angela Davis, é a idea radical de que as mulleres somos persoas. Unha idea simple que o cambia todo, que está a ser o motor de transformación social máis potente no último século, que nos últimos anos conseguiu as maiores mobilizacións populares. Ser feminista deixou de ser un estigma para converterse nunha medalla. E na contenda electoral, no debate populista no que están inmersos os partidos, os temas do feminismo acadan, para ben e para mal, grande protagonismo. Teñen moita audiencia entre un público moi variado en idade, clase ou adscrición ideolóxica. Son extraordinariamente emotivos, xa que comportan en moitas ocasións a existencia de vítimas de ofensas ou delitos e a manifestación pública da empatía. Incorporan críticas ou cambios do código penal, que constitúe o «decálogo» do pecado dunha sociedade laica, así que definen a moral do momento.

Este ano as mobilizacións locais do 8M en Galicia mostrarán as controversias que existen no interior do movemento. Diferentes manifestacións, ou diferentes manifestos, ou as bandeiriñas verdes que identifican dentro da marcha ao grupo abolicionista. Digo controversias e non cisma. Cisma transmite a idea dunha separación definitiva, de diferencias irreconciliables, e ten tamén unha connotación relixiosa. Porén, controversia refírese a diferentes formas de ver ou interpretar unha realidade, a diferentes prioridades nas propostas e incluso a diferentes intereses de grupo.

Esta diversidade que é inevitable e ao tempo unha fonte de riqueza expresiva propia das sociedades complexas nas que vivimos, consecuencia asemade do cúmulo de avances das xeracións anteriores en dereitos e liberdades para as mulleres, estase a resolver aquí e agora pola vía da competición para o control do relato en lugar da vía máis complicada da colaboración. É unha competición alimentada dende a dereita que historicamente obstaculizou os avances da igualdade.

Máxima preocupación polos agresores sexuais liberados, contando cada día os que reducen pena, forzando ao CXPX que dea datos sen contraste nin garantía. Máxima preocupación de que os varóns decidan maioritariamente definirse como mulleres para aproveitar as «numerosas vantaxes» de ser muller nesta sociedade ou para abusar das mulleres «auténticas». Será que os convencemos? Será que realmente entenderon que estaban errados cando interpoñían recursos e impedían os avances no divorcio, no aborto, nas cotas electorais…? Ou será que en época electoral pretenden desmobilizar pola vía do desencanto e a frustración o voto feminista que non vai para eles?

A reacción de persoeiros do PP ao intento de Feijóo de sumarse ao relato feminista no tema do aborto como un dereito das mulleres mostra que non están polo labor. Como a reacción de Cuca Gamarra coa lei de paridade que anuncia o goberno, seguida dunha batería de declaracións rexeitando a cotas: «nas listas, nos gobernos e nos consellos de administración deben estar os mellores». Unha vella idea, que supón non recoñecer a existencia do teito de cristal, que considera que se so hai varóns nun espazo será porque son os mellores e porque non hai mulleres que o merezan. As cotas, temos que lembrarllo de seguido, non son para as mulleres, son para os varóns, que están sobrerrepreseentados nos lugares de poder, incluso cando non teñen os méritos para estar alí,e non queren abandonalos.

Ao ser unha señora maior é xa ter pasado por estes debates ou outros moi semellantes, Tendo a preguntarme «quid prodest?» Ter sido unha muller cota, que non tería estado en goberno e parlamento de non existir esta norma, da certa perspectiva no debate e alerta da fugacidade dalgúns apoios. É difícil xestionar a diversidade, é difícil manter as controversias fora da linguaxe bélica propia do populismo. Mais ninguén, amigas, pode dar carné de feminista. Este anuncio do cisma no feminismo forma parte do relato desmobilizador da dereita. Se cadra non deberiamos compralo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail