Ons, a vida illada

Hai persoas que chegan ao peito dun xeito moi sinxelo. Pola súa forma de ser, de traballar, de compartir, de emocionar. Tocan nunha tecla secreta do noso corpo, do noso subconsciente e fan que se prenda vida e arrase con todo. Iso é o que produce Alfonso Zarauza, que levaba demasiado tempo sen agasallarnos con obra nova, con imaxes e discursos frescos. Pero este 2020, dentro da súa escuridade e caos, vese iluminado por un momento ao contar cunha estrea magnífica, necesaria e ansiada. A do novo traballo do compostelán, Ons, que chega aos cinemas o próximo 18 de decembro.

O director, Alfonso Zarauza, durante a rodaxe de Ons.

O filme vén de pasar por lugares como o Festival de Sevilla, Márgenes ou Cineuropa, onde ademais Alfonso Zarauza recibiu o Premio de Honra do festival galego por toda a súa traxectoria cinematográfica. Coa premisa de dicir non ao artificio, á sobrecarga de experimentación, e apostar polo real dende unha perspectiva misteriosa pero intelixente, Ons preséntase como unha película orixinal que cobre un baleiro que se daba no cinema español e, sobre todo, no galego nos últimos anos.

O doutor Vicente (Antonio Durán «Morris») vive unha profunda depresión pola morte da súa amante nun accidente de coche. A súa esposa, Mariña (Melania Cruz), sofre tamén as consecuencias. A parella en crise visita a illa de Ons no verán buscando tranquilidade e recuperar e fortalecer o seu matrimonio. O tempo estival parece ofrecerlle a Vicente o que precisaba, polo que lle pide a Mariña alongar a súa estancia por uns meses. O doutor vai mellorando día a día pero o outono galego faise aínda máis intenso nun lugar tan particular coma Ons, illado no medio do atlántico. Un temporal, un naufraxio e a aparición dunha muller estranxeira con amnesia fan que nada volva ser coma antes.

Anaël Snoek e Melania Cruz nun fotograma de Ons.

Ons convértese no filme de madurez de Alfonso Zarauza, cunha carreira e presenza xa consolidadas no mundo do cinema. Non podía faltar, polo tanto, nesta produción, unha equipa técnica e artística de gran categoría que o acompañaran, como acostuma a facer. Melania Cruz, Antonio Durán «Morris», Xúlio Abonjo e Marta Lado, levan toda a carga interpretativa deste drama intimista, ao que tamén se suman actores de categoría como Anaël Snoek, Diego Anido, Cris Iglesias ou Miguel de Lira. A dirección e traballo actoral nos filmes de Zarauza sempre ten un gran peso e é perfectamente detectable a importancia que o director lle outorga. Destaca sobre todo o traballo de Cruz e Abonjo, estes irmáns desconsolados e perdidos. A nivel técnico, a man de Jaione Camborda no guión xunto con Alfonso Zarauza produce unha combinación marabillosa de sensibilidade, desconsolo e realidade. Finalmente, cabe mencionar que un dos puntos máis fortes de Ons é a súa dirección de fotografía, a cargo de Alberte Branco. As imaxes sobrias e crúas da paisaxe combínanse cuns interiores espectaculares, que son fogar e ruína ao mesmo tempo.

Miguel de Lira falando con Melania Cruz nunha escena da película.

O público agardaba con ganas que Alfonso Zarauza creara de novo, e este non os deixará indiferentes con Ons, que se desliga algo da súa anterior filmografía, pero para mostrar novos vieiros de experimentación que non lle sentan nada mal. A esta historia de afectos, de roturas e de fríos súmaselle a da realidade da propia illa, que o director introduce co concepto do turismo, os nativos e a propiedade. Ons é un filme de preguntas sen resolver ou resoltas a medias, porque Ons mostra a vida e na vida poucas veces obtemos as respostas desexadas.

Marta Lado, no papel da fareira de Ons.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail