Milei, un paso máis do necroliberalismo

Hai un tempo, cando aínda non se sabía de Milei, pero xa se tiña constancia dos Trump, Bolsonaro e compañía, publiquei un artigo no que perfilaba un concepto ao fío do que estaba acontecendo. O concepto en cuestión era «necroliberalismo». Formulabase como unha declinación particular da matriz teórica liberal no horizonte dun devir ecofascista.

O certo é que o necroliberalismo aínda non é un ecofascismo de seu. E porén, este concepto sinala unha mutación en curso do neoliberalismo. De entón a hoxe o evoluír só foi o peor. O caso da Arxentina de Milei, último da serie, vén a confirmar as peores expectativas: non é só que se verifiquen os indicadores dos casos previos; é que mesmo se están a agravar de xeito acelerado.

Poñamos a mutación necroliberal en perspectiva. Aló polo século XVII irrumpía con forza en Inglaterra unha teoría política: o liberalismo ou, en palabras de C.B. Macpherson, a «teoría política do individualismo posuisivo». O liberalismo axiña gañaría a súa batalla ao seu principal rival: o republicanismo. Serviriase para isto de varias aportacións: un principio de individuación baseado nun «eu-desvencellado» (o unencumbered self de Michael Sandel); unha dupla esfera do goberno, na que o Leviathan cedía espazo á sociedade mercantil; un concepto de liberdade como non-interferencia, contraposto á liberdade romana da non dominación; etc.

O caso é que para cando os movementos sociais sacudiron a política burguesa a prol da democratización, a matriz liberal aínda era unha anomalía. A escala global contaba, porén, cunha enorme avantaxe: deviña hexemónico nas metropoles imperialistas. En menos de cen anos, a difusión deste primeiro liberalismo, acompañaría por todo o globo á expansión democrática no século XX. Non deixa de ser paradóxico, pois nos inicios do século pasado estivo a piques de perecer, cal a reliquia dun mundo burgués en decadencia.

Librada ás súas inclinacións naturais, a matriz do individualismo posuisivo levara ao Crack do 29 e á auxe dos totalitarismos. Só logo dunha II Guerra Mundial chegaría forzada unha primeira avaluación crítica e mutación ideolóxica: o «ordoliberalismo». Sobre as ruinas de Europa decidiuse por en marcha unha reorientación sustantiva: mesmo se a matriz permanecería intacta, os excesos do liberalismo clásico debían ser contidos por un Estado de benestar.

A cousa foi tan ben que seguiron os Trinta Gloriosos; un tempo de desenvolvemento único. O problema é que, á súa vez, desencadeouse unha vaga de movementos de liberación como nunca se vira. As institucións da modernidade saltaron polos aires: a familia nuclear remataba en divorcio, a clase obreira deixaba a fábrica fordista, a mocidade rexeitaba unha vida baseada na rutina, as prisións vivían insurreccións, os manicomios eran pechados; e así, institución a institución, implosionaba o «grande encerro» (Michel Foucault) da modernidade.

A reacción non tardou en chegar e rápidamente, desde os think tanks doutrinais máis duros do liberalismo, deu comezo o «neoliberalismo». Durante os setenta librouse unha dura batalla que gañarían Thatcher e Reagan. E nos oitenta, o neoliberalismo impúxose como sentido común.

Durante catro décadas o neoliberalismo fixo o seu traballo de disciplina desde dentro das mentes, conquistando a estética, a cultura, toda unha economía libidinal ao servizo de lemas como «non hai alternativa» ou «a sociedade non existe» (Thatcher). A caída do Pano de Aceiro foi celebrada como a fin da Historia e o triunfo do mercado, ao que a politoloxía consideraba indisociábel e conditio sine quae non da democracia. En 2008, porén, chegou unha nova crise total. Ao seu xeito, un novo crack do 29.

Nestas andabamos cando chegou Trump, a pandemia, Bolsonaro, as extremas dereitas europeas e toda unha serie de síntomas da implosión neoliberal. Aínda así, a oligarquía neoliberal optou por dobrar a aposta. Antes de que o realismo capitalista (Mark Fisher) colapsase, principiou unha nova mutación: o necroliberalismo; un liberalismo que se desentendeu dunha política responsábel da vida ou «biopolítica» (Foucault).

As 7.291 víctimas da neglixencia de Ayuso («se iban a morir igual») ou a indiferencia psicópata de Milei (se polo seu desgoberno vai morrer xente de fame, «alguien lo va a resolver») son xa unha mutación que declarou a guerra á vida. Xa non se trata de gobernar biopolíticamente a vida precaria. Agora temos ao mando un poder de morte, sen escrúpulos nen o menor pudor. O obxectivo último, non é manter a matriz liberal. Trátase de transitar a unha economía á que lle sobra a metade da humanidade; un ecofascismo no senso máis estricto. E todo isto non fixo mais que comezar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail