Da Vinci ou as prioridades en investimento sanitario

O SERGAS recentemente acordou destinar uns fondos procedentes de subvencións de orixe europea a mercar sete robots cirúrxicos Da Vinci, un para cada área sanitaria da nosa comunidade. Non parece o momento de criticar investimentos no noso ferido sistema de saúde, pero sempre debe haber tempo para valorar de forma crítica decisións coma estas, xa que decidir centrar recursos nunha área específica asistencial implica necesariamente deixar de facelo noutra área. Os recursos son limitados, mais a demanda é case infinita se non se intenta priorizar no que realmente aporta saúde á nosa poboación. Aínda que ninguén pode discutir que a chegada da cirurxía laparoscópica supuxo un avance clarísimo en todos os sentidos, resultados comparábeis con moita menor invasividade, esta afirmación está lonxe de sustentarse con solidez no que respecta aos robots cirúrxicos. Polo menos resulta controvertido, existindo publicacións científicas nun e noutro sentido.

Quirófano robotizado. Wikimedia

Parece que as administracións son incapaces de resistir a chamada do imperativo tecnolóxico, no que con tanta frecuencia caemos tamén os sanitarios, asumindo equivocadamente que todo o que pode ser feito debe ser feito pola vida dun doente, e que abrazar unha innovación tecnolóxica sempre é beneficioso. Como afirmou o celebre neurocirurxián Henry Marsh, «levoume tres meses aprender a facer unha operación, tres anos saber cando facela e trinta saber cando non facela». Non é un caso único. Está especialmente chea a actividade hospitalaria de exemplos similares. Nas unidades de coidados intensivos estamos a usar de forma crecente outras tecnoloxías como a osixenación extracorpórea, que sen dúbida debe estar na carteira de servizos dos hospitais de maior complexidade asistencial, pero sempre hai que pedir un momento de reflexión para revalorar a quen se lle ofrecen estas técnicas, e quen se vai beneficiar realmente da súa aplicación.

Nunca se reivindicará con suficiente intensidade a necesidade de potenciar a nosa maltratada atención primaria, a medicina preventiva, a atención domiciliaria e os coidados paliativos

A espectacularidade de certos tratamentos e estratexias, que sempre atopan ecos na prensa xeneralista, non pode ocultar que existen vertentes da asistencia sanitaria con moita mais evidencia científica da súa utilidade, e isto debería ter quedado claro despois de seguir batallando contra a epidemia co coronavirus. Nunca se reivindicará con suficiente intensidade a necesidade de potenciar a nosa maltratada atención primaria, a medicina preventiva, a atención domiciliaria e os coidados paliativos. Estamos desexosos de ter unha administración que por unha vez transmita que non só os investimentos tecnolóxicos son importantes. Algún día ten que ser o momento do protagonismo de actividades cos pes no chan de probada utilidade e moito mais claramente coste efectivas.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail