Vimos de coñecer a sentenza do caso da dragaxe da ría de Ferrol pola que dous ex-altos cargos da Xunta resultaron absoltos do delicto de falsidade en documento público. Iniciado en 2012 cunha denuncia de ADEGA, a entidade ecoloxista actuou como acusación particular a carón da Fiscalía. O fondo da cuestión son as actuacións destes dous funcionarios no procedemento administrativo do proxecto de dragaxe dos fondos da ría de Ferrol en 2011.
Malia a que a sección 6 da Audiencia da Coruña recoñece na sentenza a falsificación cometida polo ex-subdirector de espazos naturais e biodiversidade Rogelio Fernández e o ex-xefe do servizo de conervación da natureza da Coruña, Carlos Muñoz, para a Sala este proceder non é suficiente para constituír delicto de falsidade documental e absólveos.
A cuestión é –e son feitos probados para a Sala– que os funcionarios simularon un documento, criaron a posteriori unha nota interior cando non a había asinándoa cunha data anterior, faltando así á verdade en canto á datación. O Tribunal recoñece ademais que os acusados actuaron de forma dolosa –á mantenta–, xa que ao asinar os documentos sabían que as datas non eran verdadeiras.
Que extraordinarias circunstancias concorreron entón para que estes dous funcionarios ficaran absoltos?
Resulta curioso que o tribunal, malia recoñecer a comisión dunha falsificación e mesmo a intención dos acusados de cometela –dolo–, considere que semellante conduta «carece de relevancia penal». Na sentenza chega a cualificar a «elección» (sic) dos acusados deste particular xeito de completar un expediente como «errónea», permitíndose apuntar como consello quizáis, que había outros xeitos de facelo «sin necesidad de falsificar la fecha de los documentos de forma, además, chapucera».
Para demostrar a «irrelevancia penal» da falsificación, invócase a sentenza do Caso Noos. A Sección 6 da Audiencia Provincial da Coruña calca a argumentación e a conclusión do Supremo: a «antedatación» non é relevante e os feitos probados (a falsificación) non constitúen delicto
Porén, para a Sala non acaba de ficar clara a fin coa que actuaron os acusados: ocultar datos para enganar a Fiscalía?; completar un expediente e deixalo «pulido» (sic)? E ao haber dúbidas sobre a intencionalidade (non sobre a comisión dunha falsificación «chafalleira»), pois tira de presunción de inocencia –in dubio pro reo– e absólveos.
No entanto, este fundamental principio que emana do dereito romano non parece suficiente para facer pasar o camelo polo ollo da agulla. E eiquí aparece o Caso Noos (si, o de Urdangarín e a Infanta): para demostrar a «irrelevancia penal» da falsificación, invócase a sentenza STS 277/2018 Caso Noos, en cuxo sumario tamén hai un documento cuxa data foi alterada a posteiori, daquela volta pola man de S.A.R. O Supremo considerou que este feito non constituía unha «acción falsaria típica» e que non alteraba «a confianza da sociedade no valor probatorio dos documentos». A Sección 6 da Audiencia Provincial da Coruña calca a argumentación e a conclusión do Supremo: a «antedatación» non é relevante e os feitos probados (a falsificación) non constitúen delicto.
Unha Infanta de España ao rescate de dous directivos «creativos» da Xunta. Cousas veredes… Funcionarios e funcionarias do Estado español: sabede que se falsificades un documento nun expediente administrativo, sempre que esa vosa «elección» careza de entidade «suficiente» ou as falsidades que contén sexan «inocuas» ou «penalmente atípicas», nada tedes que temer. A xurisprudencia do Supremo (Caso Noos) ampara a vosa conduta. Falsificade pois, ma non troppo…
*Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA.