S02E10: Consumismo ?️

Un capítulo onde a Malvada Profe, Sara, Saboridinha e Ghanito falan cara a cara, sen convidadas, sobre compras, consumismo e capitalismo.

Era de lóxica que tocásemos este tema na semana do Black Friday. Sendo así, fixemos exame de consciencia e até confesamos as nosas adquisicións máis inútiles. Concluímos, por tanto, que todas as nosas compras están arrodeadas de certa parafernalia que nos incita ao consumismo, a comprarmos produtos que poucas veces necesitamos, a que a nosa autoestima creza pola falsa sensación de exclusividade que nos dan as marcas.

Estamos a romper os marcos do capitalismo con novas formas de consumo? Aquel tabú de usar pezas de roupa xa usadas está a esvaecer? falamos das tendas de segunda man, debatemos sobre a calidade dos produtos e os tamaños que ofrecen. Comentamos tamén a posibilidade recente de alugarmos a roupa por uns meses e así termos a opción de variar, tal e como as marcas exclusivas levan a facer sempre.
Por outra parte, o mundo virtual parece que se presenta como unha alternativa para un consumo máis consciente. Existen apps de venda de produtos de segunda man, algunhas até focadas nas roupas, e hai outras de aproveitamento de alimentos de restaurantes e supermercados. Con todo, isto non deixa de ser unha espada de dous gumes se pensamos nos envíos de lugares afastados, na publicidade personalizada, na fast-fashion e na pegada de carbono. Achar o equilibrio non parece estar fácil.

Comprométeste connosco a mudar os teus hábitos? Acepta o desafío e escóitanos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail