O roteiro dos alcaldes franquistas da Coruña

O sábado 2 de outubro, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña convocou o V Roteiro da Vergoña, para reivindicar a retirada de placas e rúas a varios alcalde do franquismo.

A de Peñamaría de Llano substituírona por Mártires de Valdeorras, como reparación ás vítimas da represión fascista nesta comarca pola bandeira da lexión, comandada polo tenente Peñamaría. A de Liaño Flores por Mártires do Portiño, lembrando ás 19 persoas asasinadas na fuga do Portiño en marzo de 1937. Jaime Hervada por Arturo Meirás, de 24 anos, do Sindicato de Hojalateros da CNT, boxeador afeccionado, paseado en Bastiagueiro en novembro de 1936. Salorio Suárez por José Boedo López, o pai do cantante Pucho Boedo, executado pola súa militancia na CNT.

 

No roteiro, presentado por Xurxo Souto e Isabel Risco, e no que participaron familiares das vítimas, léronse escritos sobre os feitos ocurridos naquel golpe de estado de 1936. Reproducimos Un heroe do pobo, de Manuel Rivas; A fuga do Portiño, de Eliseo Fernández e Os crimes de Peñamaría de Llano en Valdeorras, do concelleiro da corporación do Barco Xesús Vilasánchez.

Un heroe do pobo

Arturo Meirás, Arturo da Silva, foi un heroe da clase obreira e do pobo e así debe ser lembrado fronte a tanto silencio e esquecemento. Neste arrabalde coruñés, de espírito ceibe e loitador, Arturo Meirás foi un dos fundadores, con outra xente moza, do ateneo popular e centro de estudos sociais que levaba por nome Resplandor no Abismo, unha iniciativa xa mítica na historia do movemento libertario.

Arturo da Silva era de oficio fontaneiro e amador do boxeo, chegando a ser campión dos pesos lixeiros de Galicia. Mais sobre todo o seu mester era ser solidario, loitar pola emancipación humana e contra a gaiola de ferro da escravitude social e a desigualdade. Foi membro do grupo editor da revista Brazo y Cerebro, unha referencia na mellor prensa anarquista da época, creada o 1 de maio de 1935 e que no seu último número alertaba da inminencia do golpe fascista.

Aquel mozo valente e lúcido, de 25 anos, foi unha vítima dese réxime de terror que se puxo en marcha en xullo de 1936, perseguido como un trofeo de caza, torturado cruelmente e asasinado. Mais a memoria ten natureza indómita e hoxe lembramos a aquel mozo martirizado como o que foi: un heroe do pobo.

 Manuel Rivas

A fuga do Portiño

Ás once da noite do 3 de marzo de 1937, un empregado da Radio Costeira era abordado na Agra do Orzán por un grupo de seis descoñecidos, que buscaban o camiño do monte de San Pedro. Asustado, deu voces que alertaron a Manuel Castro Pérez, un veciño seu, de oficio garda civil, que se comunicou telefonicamente cos seus superiores. E, de inmediato, artellouse un operativo policial para localizar a aquel grupo de persoas, do que se sospeitaba que podían estar organizando un ataque contra as baterías costeiras do monte San Pedro. Forzas da garda civil e militares da batería comezaron a bater a zona ata que, ás dúas da madrugada, localizaron a un numeroso grupo de persoas na enseada do Portiño.

Aos poucos momentos comezaba un tiroteo que foi aproveitado por algúns dos descoñecidos para tirarse ao mar; mentres outros conseguían fuxir nunha pequena buceta, protexida pola brétema, fuxindo dos disparos de militares e gardas civís. As batidas continuaron por toda a noite, e concluíron coa captura de vinteoito persoas. Ao interrogalas averiguouse que un grupo de entre sesenta e cen militantes de esquerda estaba concentrado naquela zona para tentar fuxir da Coruña cara a zona republicana, por vía marítima.

O plano consistía en que algúns militantes do Sindicato de Industria Pesquera da CNT, embarcados clandestinamente nos pesqueiros Generoso e José Linares, tomaran o control desta parella (chamada «Os de Miguelín») en alta mar, para dirixirse á proximidade do Portiño. Unha vez alí, farían sinais luminosas cara a terra, para que os concentrados embarcaran en bucetas para ira ata a parella. A fuxida frustrouse tanto pola intervención do Portiño como pola imposibilidade de tomar a parella, ao espertarse algunhas sospeitas entre as tripulacións das mesmas.

O resto das persoas que agardaban o embarque fuxiron como puideron por mar ou por terra, burlando o cerco dos militares e gardas civís. Algúns tiveron que ser rescatados do afogamento polos seus compañeiros de fuxida. Outros non tiveron tanta sorte e morreron, ben afogados, ou ben a consecuencia dos disparos das forzas da orde. Un deles era Emilio Rodríguez Doldán Xanetas, do Sindicato de Empregados Municipais. Outro cadáver sen identificar aínda se atopou case un mes despois dos sucesos, sen que poida saberse cal foi realmente o número total de afogados.

Os detidos foron xulgados por un consello de guerra o día cinco de xuño de 1937, acusados de poñerse de acordo para fuxir á zona republicana e por opoñerse con armas á súa detención. Estes feitos foron cualificados polo consello de guerra como delicto de rebelión militar, e, como consecuencia, quince dos acusados foron condenados á pena de morte. O día 9 de outubro de 1937, en Punta Herminia, tivo lugar a execución de Salvador Mateo Domingo Lliso, Alejandro Dopico Saleta, José García Vázquez, Ramón Díaz Valeiro, Francisco Díaz Moreno, Antonio Lorenzo García, Federico Rivadulla Rivero Iquiño, Luis Lafuente Naveira, Manuel Bergantiños Pose, Ramiro Fontenla Andújar, José Rodríguez Serantes, Manuel Tellado Villar, Antonio Vidal González, Manuel Baldomir Vázquez e Ramón González Canosa.

Aínda que conseguira fuxir en primeira instancia do Portiño, o militante do sindicato da Construcción da CNT José Antonio Boedo Núñez (irmán de Pucho Boedo), foi detido a comezos de xuño de 1937. Víctima dun xuízo sumarísimo pola súa participación na resistencia ao golpe militar e pola súa implicación na fuxida, Boedo foi condenado a morte e executado, antes incluso que os seus compañeiros de fuxida, o 11 de setembro de 1937. Correu a mesma e fatídica sorte que tempo antes tivera o seu pai, o vello militante do Sindicato da Construcción José Boedo López.

E os feitos do Portiño aínda se cobrarían unha nova víctima na persoa de Manuel Parga Suárez. Xulgado cos seus compañeiros de fuxida, Parga fora condenado á pena de reclusión perpetua; mais o 27 de abril de 1938, morreu no cárcere da Coruña, víctima dunha tuberculose, sen chegar a recobrar nunca a  liberdade perdida.

Eliseo Fernández

Os crimes de Peñamaría de Llano en Valdeorras

A comarca de Valdeorras é unha terra de montes duros e coa friaxe das neves no inverno, onde anda o lobo, o corzo, o xabaril, e no seu tempo tamén os homes e mulleres do monte: a guerrilla antifranquista. E cara eses tempos imos, aos tempos das castañas, deste mesmo mes de outubro do ano 1939 tempos non tan antigos como para non existir testemuñas presenciais que relatasen o que alí aconteceu, e eles viron cos seus ollos, aos varios autores de estudos históricos sobre esa época.

Sergio Peñamaría de Llano foi tenente do I Terzo da III bandeira da lexión, destacada en Viloira, a encargada da represión na comarca de Valdeorras. Peñamaría de Llano instaurou ou permitiu un réxime de terror baseado nas malleiras e torturas, existindo descricións de xentes colgadas polos pés e queimadas con chisqueiros para facerlles confesar o que ao mellor nin sabían. José Antonio Gurriarán, no seu libro As mulleres do monte (Galaxia, Vigo 2015) atribúelle estes feitos:

«Como tenente ao mando e xa rematada a guerra, participou directamente o 18 de outubro de 1939 na execución de Domingo Rodríguez e Amalia López, veciños de Soulecín (O Barco de Valdeorras) diante dos veciños da aldea. Un acto de barbarie sen ningún tipo de acusación ou defensa. Peñamaría de Llano non só estaba ao mando da tropa, senón que persoalmente deu o «tiro de graza» aos citados veciños. Así mesmo, como lembra unha das testemuñas: «colleron as cousas de valor da casa e da corte, as vacas, os porcos e as galiñas que tiña a familia, e en carros levárono todo para o Barco».

-«O 19 do mesmo mes e ano, o tenente Peñamaría de Llano ao mando da tropa da lexión, cometeu tamén na aldea de O Val (concello de Rubiá) o asasinato de Adoración Fernández Cardóniga e a súa filla Remedios, pendurándoas dunha árbore, sen motivo legal de ningún tipo; queimaron a súa vivenda só como acto sanguinario, obrigando igualmente os veciños a contemplar o crime».

Algúns opinan que foi por seren acusadas de dar refuxio na casa aos fuxidos, e outros, que buscaban a súa irmá Felicitas que naquel momento estaba a traballar no campo, por ter amoríos cun fuxido.

Ninguén pode pensar que a obediencia debida dun tenente da Lexión ante os seus superiores xustifica estas cousas, como non se xustificou o mesmo en Mauthausen nin en Treblinka, nin en Dachau nin na Escola Superior de Mecánica da Armada na Arxentina. O quinto mandamento di «non matarás», e este home por respecto ás vítimas, non debera ter honores ou rúas co seu nome que recorden continuamente a súa historia.

Ante estes actos e historia, os concelleiros do BNG e Riada Cidadá no concello do Barco presentaron conxuntamente unha moción no pleno deste mesmo mes de outubro do ano 2019 para que o concello do Barco solicitase ao concello da Coruña que retirase do seu cadro de honra dos alcaldes o retrato de Peñamaría de Llano, e así mesmo retirase o nome da Rúa Peñamaría de Llano. A moción como tal foi emendada polo grupo de goberno por non parecerlle procedente dende un concello instar a outro a que tome unha decisión, mais aprobouse por unanimidade (PSdeG, PP, BNG e Riada) o seguinte acordo:

«Unha vez constituídos os novos concellos para o mandato 2019-2023, e dado que no concello da Coruña se creou unha concellería denominada «Educación, Cultura e Memoria Histórica», o Concello do Barco de Valdeorras informa ao Concello da Coruña sobre os feitos acaecidos ao remate da guerra civil en terras de Valdeorras e nos que participou o tenente da Lexión Sergio Peñamaría de Llano, aos efectos de que, en caso de iniciar algún procedemento relacionado coa Lei de Memoria Histórica ( Lei 52/2007 de 26 de decembro), sexan tidos en conta, e así, en concordancia coa devandita Lei, contribúan a promover a reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorras e a recuperar a súa dignidade».

Xesús Vilasánchez

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail