Non, isto non é unha guerra, é un xenocidio. Non son ningún iluso, sei que na guerra só hai regras en papeis que asina quen nunca vai ás guerras. Sei que nas batallas as atrocidades están á orde do día. Sei que isto non vai de Israel defendéndose, senón de Estados Unidos librando unha guerra de civilizacións a través dun proxy. Sei que hai un grupo armado islamista, Hamas, que comete atentados, asasina e secuestra civís. Sei que non son inocentes. Mais, outra vez, isto non é unha guerra, é unha vinganza política que só busca exterminar un pobo que quedou atrapado no medio de dous bárbaros a fungueirazos. É, tamén, unha operación de marketing do Likud para non perder as seguintes eleccións. Mais non, non é unha guerra. Nesta masacre perpetrada en nome do pobo de Israel coa complicidade das elites estadounidenses e europeas non hai máis que un estado asasino, armado até os dentes, disparando indiscriminadamente a civís, a familias, para agochar a súa propia incapacidade de controlar un grupo paramilitar armado que eles mesmo alimentaron cando lles foi conveniente. Aquí non existe a capacidade de atacar e defenderse. Isto non é unha guerra, é un holocausto. Bombardear un pobo pechado nun territorio como animais nunha gaiola, un pobo que non pode defenderse nin fuxir. Non é unha guerra, é unha matanza. Unha execución sumarísima. Unha solución final.
Estas semanas asistimos arrepiados ás novas e imaxes que chegan dende Palestina e que asolagan as escaletas e as páxinas dos medios de comunicación. Cifras de mortos e feridos, fotos da devastación e da destrución homicida do exercito israelita, vídeos de armas, tanques, mísiles, uniformes, mortos, feridos. Anuncios de escalada, de invasión, de guerra. Mesmo falan de operación cirúrxica para referirse a esta carnicería.
Eu non podo nin comprender a dor, a impotencia, o medo que teñen que estar sufrindo as familias palestinas bombardeadas sen descanso dende hai semanas.
A desesperación.
Non son quen de poñerme na pel daqueles que mandan a un dos exércitos máis poderosos, destrutivos e inhumanos do mundo a masacrar civís, destruír hospitais, escolas e templos. Tampouco daqueles que, desde a comodidade e a paz de Catar, ordenan un ataque a unha das nacións máis e mellor armadas do mundo sabendo que a resposta da teocracia sionista ía ser borrar da face da terra ao seu pobo. Non sei quen é menos humano nesta traxedia.
Non sei vostedes, pero eu non podo máis. Xa non teño máis bágoas. Xa non podo pechar os puños con máis rabia. Non me caben nos ollos máis crianzas despezadas, mutiladas, mortas. Non me caben nos ouvidos máis disparos, berros e choros de nais amortallando fillos e fillas. Non me caben nos miolos máis titulares contando a fame, as epidemias e a destrución. Non son quen de dixerir este festín de sangue, vísceras e dor co que se alimenta a maquinaria fascista comandada polo ditador e xenocida Netanyahu e a banda de carniceiros que executan esta barbarie. Recoñezo a miña covardía, non podo mirar máis. Non podo con máis atrocidades. A miña saúde mental non aguanta máis esta salvaxada atroz e abominábel de Benjamín o matachín. Isto non é casualidade, amosando ese nivel de brutalidade buscan que non soportemos máis e deixemos de ver as novas que chegan de Gaza. Saben que hai un nivel de tolerancia co horror. Por máis, non aturo a propia impotencia de asistir a este espectáculo sen poder facer nada, só implorar unha intervención humanitaria e de paz.
Non podo máis con esta barbarie e non entendo que fan os gobernos de Europa, nin a propia Unión Europea. A posición de complicidade con esta masacre vai ter consecuencias moi graves a nivel interno e a nivel externo, serias ameazas de seguridade de todos os bandos a todos os bandos. Máis odio, máis violencia e máis mortes de inocentes. O fracaso das políticas e o goberno da UE nunca foi tan evidente como agora, non foron quen de parar a guerra na Ucraína nin de buscar unha solución diplomática. Para que sirve a diplomacia europea? A onde miran os nosos gobernos? Quen é Von der Leyen e en nome de quen actúa? Por que deciden mirar a Washington e apoiar ao primeiro gran xenocida do século XXI?
Paren esta maldita masacre, por favor!