Futbolista e antifascista

Os futbolistas son futbolistas. As futbolistas tamén son futbolistas. As doutoras son doutoras, etc. Kylian Mbappé é un futbolista xenial e tamén é un cidadán preocupado polo crecemento da extrema dereita de Le Pen en Francia. Mbappé, ademais, tamén e negro. É dunha cor que aos racistas fascistas non lles gusta. O outro día Mbappé animou aos mozos franceses a votar para defender a súa república do extremismo. Dixo que cada voto é importante. Este xogador ten centos de milleiros de fans. Mozos brancos e non brancos, como el, que nunha Francia lepenista poden ter un vida máis complicada. Aplaudo o xesto de coraxe deste xogador que tivo a valentía de falar e pedir á mocidade que voten, mentres outros tan famosos coma el quedan caladiños. Nesta época que ameaza cunha a volta as cavernas dos trogloditas fachas, a xente talentosa que move os corazóns de millóns de persoas ten a responsabilidade de falar ben alto
Frente a o crecemento do fascismo non vale dicir, como dixo Unai Simón (quen me estaba caendo moi ben despois do partido contra Croacia) que «non me gusta falar de política, que os xogadores temos moita repercusión e que as veces temos a tendencia a opinar demasiado» e que el é só xogador de fútbol. O que me molesta moitísimo das palabras deste home é que se lavou as mans. (Algo parecido fixeron cando as mulleres da selección denunciaron a Rubiales. Os seus colegas homes, caladiños durante semanas.) Como Unai é só xogador de fútbol, non pode opinar. Podería dicir, como dixo Mbappé que votar é un asunto importante. Lavarse as mans e desentenderse cando o fascismo crece de novo en Europa recórdame a historia dun avó nazi.
O certo é que o home non era do partido por vontade propia. O caso é que durante o nazismo traballaba cambiando a dirección das vías dos trens que transportaban a os xudeus como se foran gando para o matadoiro. Eso era todo o que fixo. Como lle contou á súa neta: «eu non tiven nada que ver». El era soamente un traballador do ferrocarril que seguramente non escoitou os lamentos, choros, berros… da xente que viaxaba esmagada nos vagóns. El era só un traballador do ferrocarril. Esa é tamén unha das escusas que máis se escoitou no xuízo de Adolf Eichmann en 1963 en Xerusalén.
Hannah Arendt chamoulle «the banality of evil». Reportando para The New Yorker desde o xuízo de Eichmann, Arendt escribiu que o tipo «non foi monstro, senón un clown». É máis, a filósofa escribiu que Eichmann non tiña odio polos xudeus ou ningún mal sentimento contra as vítimas. O problema era que Eichmann «era incapaz de pensar». Dixo Arendt: «O problema con Eichmann foi precisamente que había moitísimos como el, e moitos deles non eran ni pervertidos, nin sádicos, se non que eran, e seguen sendo terriblemente e ameazadoramente normal». Os artigos de Arendt no New Yorker provocaron unha axitación entre os intelectuais xudeus na cidade dos rañaceos, ela sufriu represalias, perdeu seu traballo na universidade, e máis cousas.
O que quería comunicar é que este xogador de fútbol, Unai Simón, é un tipo normal, como tamén é un tipo normal Mbappé. Que os dous deben ter cartos para rato é unha verdade, tamén que necesidade tiña Mbappé de falar de política. Eu penso que, a diferenza de pensamento e actuación entre Unai Simón é Kylian Mbappé está na súa cor de pel. Se houbera fascismo a xente negra vai pasalo moito peor, a xente gay tamén, as mulleres que non se axustan ao concepto definido polos fascistas vano pasar, tamén, moi mal.
Nestes tempos incertos nos que a violencia e o insulto contra os políticos parece ser o pan de cada día, hai que poñerse nos pés da xente que os fascistas odian máis. Ter un micrófono que chega a miles de nenos e adolescentes, como o ten Unai Simon, é un privilexio. Ter ese poder e non facer outra cousa que falar de fútbol debe ser unha incapacidade para pensar. Eu aplaudo a Mbappé como tamén aplaudo a Taylor Swift, ou a patada de Eric Cantona, Ana Peleteiro ou ás Dixie Chicks, cando no 2003 dixeron que non estaban pola guerra de Bush e que tiñan vergoña de ese presidente. Por esas palabras sufriron moitísimas ameazas e cancelacións, pero estou segura que aínda hoxe levan a cabeza ben alta. Nestes tempos non se pode ser só cantante ou só futbolista, tamén é esencial ser demócrata, é dicir, antifascista. É dicir, ser unha persoa decente.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail