Rueda endebeda á Xunta en 500 millóns de euros máis ata 2031

A Coruña.- A Xunta de Galicia anunciou a emisión con éxito de obrigacións de débeda pública da comunidade autónoma por valor de 500 millóns de euros, segundo unha orde da Consellería de Facenda do Goberno de Alfonso Rueda que publica este martes o Diario Oficial de Galicia.

Segundo os últimos datos do Banco de España, a débeda da administración autonómica galega elevábase antes da operación a 12.170 millóns de euros. É dicir a sétima máis alta da clasificación estatal, por detrás de Catalunya (85.986 millóns), País Valencià (57.993 millóns), Andalucía (38.649), Madrid (35.875), Castela A Mancha (16.156) e Castela e León (13.865 millóns).

A débeda de Galicia representa uns 4.500 euros por habitante, o que sitúa á comunidade como a cuarta con menor endebedamento per cápita no Estado, e un 16,1% do seu produto interior bruto (PIB).

Bonos sostibles

A Xunta asegura que o diñeiro obtido mediante o que denomina «bonos sostibles» destinarase a investimentos sociais e ambientais e economía verde vinculadas á Axenda 2030. E sostén que non aumentará o endebedamento grazas ao «equilibrio orzamentario» e á amortización de débeda precedente.

Tamén destaca a concorrencia á operación dun 30% de investidores estranxeiros, especialmente de Alemaña e Reino Unido, o que a xuízo do Executivo do PP «demostra a solvencia da comunidade autónoma».

Cando Rueda accedeu ao Goberno en maio de 2022 tras a dimisión de Alberto Núñez Feijóo, a débeda pública galega estaba en 11.824 millóns. Galicia triplicou o seu endebedamento desde que o PP obtivo a súa primeira maioría absoluta no ano 2009 . O exercicio anterior a que Feijóo alcanzase a Xunta, alcanzaba os 3.954 millóns de euros, o que significa un crecemento do 298% en 15 anos.

A oposición veu denunciando nos últimos anos que ese aumento progresivo do endebedamento supuxo un gran negocio para a banca, e que non se traduciu noutro similar dos investimentos en servizos e políticas públicas de benestar, senón, ao contrario, de recortes.

Un 9,5% menos en educacion

Aplicando o incremento do prezo do diñeiro desde 2008, o orzamento de sanidade subiu apenas un 3,4% nos últimos 15 anos anos, mentres que o de educación caeu un 9,5% con respecto ao do exercicio inmediatamente anterior a que Feijóo accedese á presidencia da Xunta. As políticas activas de emprego tamén rexistraron unha baixada do 12,2% na súa dotación orzamentaria.

Luzes-Público dirixiuse á Consellería de Facenda para preguntar polo custo anual terá o pago dos intereses dos bonos sostibles e en que medida contribuirán estes a engordar a súa porcentaxe de endebedamento con respecto ao PIB , pero ao peche deste artigo non obtivera resposta.

As novas obrigacións teñen un interese anual do 3,296%, o que supoñería ao redor de 16,5 euros anuais. É dicir 116 millóns durante o período de amortización ata o vencemento dos bonos en abril de 2031, máis os 500 millóns de euros do capital inicial.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail