Conservando a memoria (MIT 2022)

Volveu a famosa normalidade. E con ela a gana de ir ao teatro sen máscara. Atoparnos na praza de Ribadavia coma antes, ou algo así. Queixábanse os propietarios dos locais da dixitalización das entradas; antes a xente tiña que pasar por alí si ou si. Roberto Pascual, director do festival, apuntaba na presentación que a primeira fin de semana era a dos clásicos e a segunda a da memoria histórica. É verdade isto, poderiamos dividir a programación en dous e atopariamos dous escenarios bastante recoñecibles. Un Hamlet que chegou dende Perú e unhas Aves de Aristófanes abriron o festival. Emocionámonos, bailamos e rimos (venres 15 e sábado 16). A ritmo de pasar os clásicos pola contemporaneidade.

O domingo (17) chegou un golpe no estómago: La infamia. Marina Salas na pel de Lydia Cacho, xornalista mexicana perseguida por publicar un caso de pedofilia moi polémico. O luns (18) chegou Demente, coa compañía de Fran Sieira. Coa súa elegancia e precisión, tratando as enfermidades mentais a través do filtro base do baile galego (mesturado con outras estéticas). No ecuador viaxamos cos nenos da rúa (o martes 19), coa adaptación libre dos Capitães da areia de Jorge Amado. A produtora de Victor Hugo Pontes, dramaturgo e director portugués, investigou sobre casos actuais destes nenos na actualidade. Os casos reais intepretáronos actores e bailaríns seleccionados para o proxecto.

O mércores 20 tivemos a visita da compañía José y sus hermanas, na que as catalás falan a ritmo de aceda crítica do turismo contemporáneo. O xoves 21 Alberto Conejero e Xavier Bobés trouxéronnos a historia dun mestre fusilado na Guerra Civil, polo «absurdo» motivo de ensinar dunha forma libre e ilusionante. O venres 22 Manuel María no corpo de A lúa vai encuberta tróuxonos a memoria política e social galega a Ribadavia, a través do traballo de Vanesa e Davide (Incendiaria) e Tito e Melania (A Quinta do Cuadrante). O sábado 23 Marta Pérez coa súa Inversa teatro puxo nas táboas a súa propia historia familiar, coa que enfiou máis casos de fusilados da comarca de Ribadavia. Para rematar, tivemos á compañía Marie de Jongh con Ama, un espectáculo sen texto cunha sensibilidade e elegancia abafantes.

Estes foron os espectáculos do castelo, pero houbo máis. Marta Alonso estreou Sofá, un divertidísimo espectáculo de rúa no que mestura (como lle gusta a ela) diferentes estilos. Galeatro coa súa «impro» medieval con Arte sen guión. Guillem Vizcaíno e o seu POI, no que explora o seu dominio da buxaina cun espectáculo marabilloso para todos os públicos. Tamén a danza de ERTZA e o Quixote de Pedras de Cartón, que fixo desfrutar aos nenos e nenas da localidade o sábado 23. E, por último, Conservando Memoria, de ElPatio, na que Izaskun Fernández nos relata con enorme beleza e cariño a historia dos seus catro avós.

Esta 38ª MIT lembrounos que a memoria está para usala, para xogala, e que nos tempos presentes é unha ferramenta clave para non permitir determinadas inxustizas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail