Coidado con Rueda

Despois da cantidade de perfís sobre Alfonso Rueda publicados na Galiza nos derradeiros meses, non sei que vai achegar outro máis. Supoño que nesta revista procuran a visión dun pontevedrés coma Rueda que, a pesar de atoparnos nas antípodas ideolóxicas e de visión do noso país, mantén desde hai anos unha relación cordial co presidente da Xunta.

Pero esa visión nunca podería ser obxectiva. Se quere ler vostede una crítica furiosa, terá que atopala noutro número. A miña misión, imaxino, é a de afastarme desa amizade e achegarme ao personaxe coma se non o coñecese de nada, cousa imposible. Así que a ver como fago.

Dadas as circunstancias da sucesión de Feijóo, o ascenso de Rueda á croa do goberno da Xunta foi o lóxico, o natural e o predicible. Con Feijóo na presidencia da Galiza, acabáronse os líderes que gozaban dunha ou dúas grandes cualidades. Podemos traballar cos anteriores modelos antagónicos de Manuel Fraga e Xosé Manuel Beiras. A pesar das diferenzas evidentes, un e outro líderes compartían un carácter moi marcado, unha personalidade carismática e un fondo ideolóxico que pesaba moito nos seus discursos. Un e outro, por certo, marcharon do Parlamento galego derrotados.

Raúl.

Mentres socialistas e nacionalistas ían de líder en líder e de derrota en derrota, Feijóo amosou un novo tipo de liderado: o da persoa que non é a mellor nunha ou dúas cousas pero é boa en moitas máis. Sendo iso certo, penso que Rueda é mellor que Feijóo. Outra cousa é que aínda non o saibamos. É mellor parlamentario, ten máis reflexos, é máis ocorrente, sabe máis de política; achégase con máis facilidade ao electorado, é máis novo. Desde que comezou o proceso sucesorio, advirto sen moito éxito que erran os que pensan que bater con Rueda vai ser cousa de meniños; ou que cren que vai ser un presidente de ida e volta, de transición, de paso. Poderá selo, quen o sabe, pero para nada é esa a súa intención. Rueda veu para ficar e quen non o comprendan poden levar unha boa labazada.

Abonda con dicir que, ben por outros camiños, o BNG chegou ao liderado de Ana Pontón, que non ten un perfil tan diferente. Falo de perfís como candidato e candidata que son, loxicamente, pois calquera comparanza que saia dese ámbito non ten razón de ser. A batalla política está servida entre dúas persoas que teñen o que hai que ter: un pouco de todo. Non son os máis simpáticos, nin os mellores oradores, nin os que teñen a personalidade máis abraiante, nin os máis carismáticos, pero unha e outro teñen o suficiente de todo iso como para mobilizar o pobo da Galiza, xa se verá en que medida.

Tendo en conta a irrelevancia do socialismo galego no Parlamento e a baixa calidade do seu candidato, a batalla está servida entre o PP e o BNG. E vai ser a morte, xa nas municipais de 2023, que están aí mesmo, nas que os socialistas sempre teñen o seu protagonismo, pero mirando cara ás autonómicas de 2024, onde a loita a morte será entre populares e nacionalistas. E o BNG non irá pelexar tanto polos votos socialistas coma polo galeguismo moderado que vota ao PP. Non hai outro xeito de que o BNG acade o Goberno galego.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail