Da lingua aproveitase todo, como o porco

Unha das grandes frases maxistrais que nos deixou Castelao foi cando desexaba emitirmos billetes sen caras longas de políticos nin de sabios nin de artistas, só coa figura dunha vaca. Non vou ser eu quen contradiga, madia leva!, o noso máis senlleiro sabio, político e artista, pero acho que ao noso papel-moeda lle acaería máis a figura do porco. Non só porque non hai nada que máis nos identifique nas épocas de abundancia, ou de aparentala, que unha mesa pantagruélica a rebordar de lacón, fociño, costela, orella, chourizo, filloas de sangue e omeprazol, senón porque, cando pinta bastos, somos de tirar proveito de até o último céntimo: por algo os petiños para os aforros teñen forma de porco!

Un exemplo deste aproveitamento do diñeiro “até os andares” témolo na Secretaría Xeral de Política Lingüística. Non é de estrañar esta astucia económica pois, desde a chegada á Xunta de Feijóo I O Austero, “las cosas del gallego” son a área que máis orzamento perdeu: dos 23 millóns de 2008 aos pouco máis de 8 que terá neste 2019. E aínda menos mal, que desde 2011 non chegaba a esta cifra…

Política Lingüística pagou a edición e impresión de revistas da Confraría da Humildade de Santiago de Compostela e obras sobre Nosa Señora das Virtudes. Tamén a Gala de Empresarios ‘Gallegos’ en Barcelona, na que interveu –en castelán– Feijóo.

En época de crise, xa que logo, toca aproveitar todo todiño de cada céntimo e aquí é onde a Política Lingüística feijoana está a dar unha lección maxistral de xestión cuns cativos recursos que até semella que se fan milagres. Será por iso, pola procura dunha intermediación divina, polo que o departamento lingüístico pagou a actuación do Coro Cantabile nas festas da Semana Santa estradense, onde tamén colaborou na edición de libros para as programacións culturais desa semana; ou será tamén por iso polo que se destinaron cartos ao Ciclo da mitoloxía e sacralidade do Pico Sacro, polo que investiu no Boletín trimestral e a elaboración de 150 guías de voluntariado de Cáritas Interparroquial da Coruña, na edición e impresión de revistas da Confraría da Humildade de Santiago de Compostela, e nas obras sobre Nosa señora das Virtudes e Missa brevis pro natura, das que se pagaron as súas edicións e deseños, ou polo que se mercaron 200 exemplares do libro Os mosteiros de Santa María de Castro de Rei e de San Facundo de Ribas do Miño. Toda axuda é pouca para o galego e máis se esta é divina.

Pero se toca falarmos de aproveitamento de recursos, quen máis sabe son os nosos sufridos empresarios. Miren, se non, as fotos da gala do 25 aniversario da comarca do Deza, con esas mesas austeras no Hotel Spa Norat Torre do Deza, un modesto ágape que contou coa presenza de Feijóo e con actuación musical pagada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ou miren, senón, a cea de gala anual da Asociación de Empresarios Gallegos (sic) en Catalunya no hoteliño Eurostars Grand Marina de Barcelona, onde tivo lugar a tradicional cerimonia de entrega dos títulos de Excelencia 2018 e a onde foi tamén Feijóo a loar, en castelán, off course, “el mejor patriotismo”, dos premiados. E a onde tamén foron 3.630,00 euros “del gallego”.

Mais non todo vai ser economía e Deus, valla a redundancia. A lingua dá para moito, que digo, para moitísimo máis!: para os Carteis de Promoción dos Xenerais do Ulla e a súa divulgación nas redes sociais; para o subtitulado ao italiano do documental Vértice de Versos; para a compra de discos do Mestre Vide; para os 2336 euros en carteis da Feira Internacional Equina 2018; para os Actos nomeamento dos xuíces honorarios do Couto Mixto; para a presentación en Madrid da Enxebre Orde da Vieira, para enviar por valixa diplomática material informático para centros docentes de Bos Aires (Arxentina); para cubrir informativamente unha viaxe institucional do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; para crear o logo e o manual de indentidade corporativa da Fundación Galicia América; para promocionar da Ribeira Sacra ou  a Candidatura das Illas Cíes como Patrimonio Natural; para non só un video senón dous vídeos distintos para anunciar a Exposición Castelao Maxistral e mesmo houbo que pagar  gastos de aloxamento e viaxes para asistentes á mesma exposición, por valor de 8451 euros…

A subvención para Plan de Dinamización da lingua Galega na Mocidade en revistas como ECO leva anunciándose desde 2016 que estaría para 2018, pero quedou a medio camiño

O diñeiro da lingua serviu mesmo para promocionar as actividades da lingua nos medios de comunicación, especialmente o Plan de Dinamización da lingua Galega na Mocidade en revistas como ECO (setembro e novembro), por exemplo. Pero non deu, mágoa!, para rematar ese Plan de dinamización que leva desde  2016 anunciándose, que ía estar en 2018 pero semella que quedou a medio camiño

Esta pequena mancha non pode lixar o que é unha maxistral lección de aproveitamento económico. Desde aquí propoño que, se nun futuro a Xunta ten capacidade de imprimir billetes, se non foren con imaxes de vacas como dicía Castelao, ou de porcos como eu argumentaba ao comezo, fagamos unha excepción e poñamos a cara do secretario xeral de Política Lingüística.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail