Nadal, calcetíns e o inconstitucionalista Pablo Casado

Un amigo meu xulgaba que o calendario electoral non estaba ben afinado senón que había que pór unhas eleccións por ano: primeiro as municipais, despois as autonómicas, logo as xerais e por último as europeas, ou á inversa, tanto ten, e volta a comezar. Sostiña que os meses previos a pasar(nos) polas urnas eran o máis parecido ao Nadal, non só polas luces por toda a cidade e anuncios de paz e irmandade, como cantaban os Soziedad Alkoholica nos 90, que tamén. O primordial para el era termos unha outra cita anual co «Se te portares ben, os reis serán bos contigo».

Será que non hai patria mellor que a infancia pero ao meu amigo non lle faltaba razón e, acho, non hai forma igual de regresarmos aos mellores momentos dela como un período electoral: a ansia porque chegue, dunha vez, o día; os anuncios con sorrisos profidén e felicidade a mancheas; as promesas e máis promesas de todo tipo para que sexas bo; as carreiras da mañá de reis cara a árbore chea de agasallos e ir abrindo, todos e cada un cun fervor tan inmeso como inmensa era decepción ao ver que o paquete vermello co papel do Alcampo agochaba un xogo de calcetíns. Ai, as expectativas, cárgaas o demo!

Se todo vai ben non teremos que volver ao cole electoral até 2023, galegas mediante. Se todo vai ben porque tal foi o cristo que houbo desde 2015 que un xa non sabe por que se vota o 28 de abril

Non lle preguntei aínda ao meu amigo que pensa sobre esta triloxía electoral que temos nun mes. Andará o pobre con desacougo, supoño, pensando no vagar de tres anos polo deserto sen que nos prometan o maná día tras día! Porque, se todo vai ben (e crucemos os dedos para que así sexa) non teremos que volver ao cole electoral até 2023, galegas mediante. E digo se todo vai ben porque tal foi o cristo que houbo por aquí desde 2015 que un xa non sabe se o 28 de abril vota pola vila, por Moncloa, por Europa ou por Monte Pío ou por todo á vez.

É comprensíbel, xa que logo, tal lío na persoa media. Na clase política, en cambio, pedímoslle algo de saber estar, que lle vai no soldo. E máis, especialmente, se loce na parede do despacho e visíbel ás visitas o título dun mestrado de Dereito Autonómico e Local da Universidade Xoán Carlos I de Madrid. Ao posuidor de tal papelorio pedímoslle que saiba para que pide o voto e non confunda o Congreso coa Xunta, sexa como for como o obtivese, se con aprobado raspado, se xuntando as tapas dos iogures da sobremesa, ehem.

Tampouco queremos cuestionar o mantra de «garantir a igualdade de todos os españois, sexan de onde sexan» ao que lle falta o remate «menos dos que falan outras linguas, que son menos iguais»

Supoñemos que iso foi o que lle pasou a Pablo Casado, a confusión non o dos iogures, ao soltar que prohibirá esixir linguas cooficiais para empregos públicos. É o que ten pasar de ser un segunda liña dun partido a todo un cabeza de cartel en pouco máis de medio ano, que aínda o pobre non ten a cabeza centrada, máis ben escorada cara a dereita.

Non queremos entrar a valorar a apoloxía da ignorancia que tal promesa agocha. Nin tampouco a explicación dada de que «o coñecemento do castelán será un requisito indispensable para o acceso ao emprego público». Como se xa non o fose: se vas a Pozuelo de Alarcón sendo falante de swahili, dispensando, xa podes ser bo facendo quinielas que se non sabes nin ler en castelán, a ver como cobres ti o exame tipo test. Xa non digamos cando toque o caso práctico e teñas que falar e/ou escribir. Tampouco queremos cuestionar o mantra de «garantir a igualdade de todos os españois, sexan de onde sexan» ao que lle falta o remate «menos dos que falan outras linguas, que son menos iguais».

É imperdoábel nun especialista con mestrado en Dereito Autonómico e Local que descoñeza que son as CCAA as que teñen a competencia en materia de normalización

O que si que é imperdoábel nun especialista con mestrado en Dereito Autonómico e Local é que descoñeza que son as comunidades autónomas as que teñen a competencia en materia de normalización e, por tanto, as que teñen que establecer o nivel de competencia lingüística do seu persoal público.

Mais o que non agardabamos dun fervente defensor ad nauseam da Constitución, líder dun autoproclamado partido constitucional, é que un dos paquetes máis lindos da árbore, estrela do seu programa cara as vindeiras eleccións xerais, sexa unha atentado contra  la-constitución-que-nos-hemos-dado, que rache o consenso constitucional e que vaia en contra de múltiplas sentenzas do tan usado para o que quere Tribunal Constitucional.

Permanezan atentas: nestas eleccións, as árbores van estar cargadas de calcetíns e máis cando se xunta todo menos a Xunta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail