O compositor brasileiro Lenine foi capaz de definir o medo «como um laço que se aperta em nós». A escuridade, ratos, cans grandes ou mesmo lugares fechados poden apertar moito máis ese lazo. Neste episodio cada unha das womansplainers soubo explicar os seus principais medos: algúns deles vixentes, outros superados e outros incribelmente herdados do proceso de hominización.
Para desenredarmos ese lazo podemos comezar por considerar cantos deses medos son aprendidos e cantos deles teñen un viés de xénero. Evidentemente, a nosa experiencia vital como mulleres e a educación que recibimos é moi marcante, pero sabemos que hai quen teña medo de que non teñamos medo. É por isto que non podemos obviar a parte lucrativa deste asunto. O medo incrementa a venda de desinfectantes, alarmas, reixas… Estes elementos que se publicitan como protección son, as máis das veces, outro nó que aperta e afoga.
Parece un paradoxo, mais este sentimento pode ter un lado positivo. O medo é capaz de activar mecanismos de defensa, fuxida e superación. Podemos até sentir pracer invocando o medo co visionado dun filme de terror. E de filmes algo sabemos. Este programa, que conta co patrocinio de PuntoGal, non esquece os consellos culturais de costume. Temos orientacións sobre literatura, cinema e música que nos producen esta emoción ou provocan unha reflexión sobre ela.