Rueda e Feijóo entregaron en cinco anos 6,6 millóns de euros a cinco editores de xornais mediante convenios a dedo

A Coruña.- Os gobernos do Alberto Núñez Feijóo e o seu sucesor na Xunta, Alfonso Rueda, pagaron no últimos cinco anos máis de 6,6 millóns de euros a cinco editores propietarios dunha ducia de xornais mediante convenios a dedo e sen concurso público, sobre os que non existe constancia de que fosen fiscalizados para garantir nin a súa correcta execución, nin o cumprimento dos fins para os que se asinaron.

Son 170 acordos bilaterais asinados entre 2019 e 2024 a favor deses medios por dúas consellerías e dous organismos da administración paralela da Xunta —dúas axencias e un instituto —. O Executivo autonómico motívaos con argumentos vagos e inconcretos, pero recorrentes porque se repiten cos 12 diarios: desde promocionar a capitalidade de Santiago a fomentar a lectura de prensa nos colexios, potenciar o uso do galego, promover a compra de produtos culturais, difundir como información a propaganda da acción política do Goberno autonómico…

Nunha trintena de acordos o financiamento comprometido pola Xunta superou os 100.000 euros, pero o gasto non se fundamentou en memoria económica algunha nin se explicitan os criterios polos que se obxectivizaron nesas cantidades.

Na maioría dos expedientes, as empresas editoras tampouco detallan en que accións concretas ou que custos de persoal van asumir para cumprir os obxectivos pactados, nin como avaliar se estes foron finalmente alcanzados ou non.

Pautas de fiscalización

A diferenza dos contratos públicos, nos que a Administración paga por adquirir bens e servizos ou pola xestión privada de materias da súa competencia, e establece pautas concretas de fiscalización antes, durante e despois de adxudicalos, os convenios enténdense como acordos entre dous partes que perseguen un fin común, entre o que non adoita figurar o ánimo de lucro. Cando este existe, a normativa adoita encamiñalo cara á fórmula máis común e garantista dos contratos públicos convencionais.

Neste caso, con todo, hai sobrados exemplos de que moitos dos convenios da Xunta cos medios en realidade camuflan ben subvencións discrecionales, ben pagos por prestación de servizos, non sometidos á rixidez dos principios de publicidade, concorrencia, competitividade e fiscalización aos que si están suxeitas as licitacións públicas abertas.

Moitos dos convenios camuflan subvencións discrecionales ou compras de servizos que deberían sacarse a concurso

Así se desprende, por exemplo, dos máis dos 44 acordos subscritos durante o últimos cinco anos pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía da Xunta por valor de máis de 1,6 millóns de euros para que os 12 xornais publicasen información relacionada coa actividade dese departamento. Ou os 30 asinados nese mesmo período pola Consellería de Educación e Cultura para apoiar o uso do galego na prensa, precisamente nos medios que o utilizaban antes e ségueno utilizando agora de maneira residual.

Nalgúns expedientes si se desagregan con algo de detalle as obrigacións dos diarios, aínda que se fai en forma de compromiso de publicación de contidos que xa parecen propios dos seus respectivos negocios. Como os relacionados con temas de educación. Por difundilos polo menos unha vez á semana e enviar a cada colexio da súa zona un exemplar cada sete días , os cinco editores recibiron da citada Consellería de Educación e Cultura outros 950.000 euros.

Incentivos económicos

Á contra, hai acordos nos que non queda moi claro se quen os financia ten realmente competencias sobre o obxectivo que se persegue con eles, nin que este precise de incentivos económicos para que os xornais lles presten atención.

Ocorre coa Axencia Turismo de Galicia, que en maio de 2020 pagou ás cinco grandes editoras preto de 530.000 euros para que difundisen noticias sobre os protocolos de desescalada das medidas contra a covid. Foi xusto tras o confinamento, é dicir cando todos os xornais do Estado informaban a diario sobre a emerxencia sanitaria.

Santiago Rey, editor de La Voz de Galicia, con Feijóo, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

Outros convenios parecen ideados para ocultar a contratación de servizos cuxa prestación que debería canalizarse a través dunha de licitación pública. Un exemplo son os catro consecutivos asinados entre 2019 e 2022 polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con La Voz de Galicia para o desenvolvemento e mantemento dunha plataforma dixital de contidos vinculados á actividade do organismo.

O argumento con que as partes xustificaron eses acordos foi que ambas entendían importante «fomentar, promover e divulgar actividades e información específica» sobre o que fai o Igape. O diario con sede en Arteixo cobrou por iso medio millón de euros.

La Voz de Galicia, 3,77 millóns

Precisamente, o empresario máis beneficiado polos convenios a dedo da Xunta foi o propietario dese medio, Santiago Rey, que recibiu 3,77 millóns de euros durante o últimos tres anos e medio de mandato de Alberto Núñez Feijóo e o primeiro ano e medio de goberno de Alfonso Rueda,

O segundo é Javier Moll, propietario de Prensa Ibérica, que edita na comunidade tres cabeceiras: Faro de Vigo, El Correo Gallego de Santiago e La Opinión da Coruña. Entre 2019 e 2024, a Xunta asinou con eses diarios acordos que lles reportaron máis de 1,41 millóns de euros.

La Voz de Galicia recibíu entre 2019 e 2024 preto de 3,8 millóns de euros mediante convenios a dedo

Séguenlle Blanca García Montenegro, propietaria de El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra, con máis de 725.000 euros; Óscar Outeirño, editor de La Región de Ourense e Atlántico Diario de Vigo, con 533.000 euros; e José Collazo, propietario de Editorial La Capital, que edita El Ideal Gallego da Coruña, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños e Diario de Arousa, e que se levou no último quinquenio 208.000 euros.

Esas cantidades súmanse á publicidade institucional convencional e aos créditos e subvencións públicas ás que as compañías editoras teñen acceso como calquera outra sociedade mercantil.

Más 45 millóns en 15 anos

Tamén se engaden aos dous millóns de euros por exercicio que a Xunta vén repartindo entre os editores galegos desde hai anos como axudas directas á prensa e tamén sen concurso. Entre esas subvencións e os convenios, os cinco editores e os seus 12 diarios facturaron máis 45 millóns de euros durante os últimos 15 anos.

O quiquenio no que se subscribiron eses convenios foi o que rexistrou a maior intensidade electoral de toda a historia da democracia en Galicia: tres eleccións ao Congreso e o Senado (abril e novembro de 2019 e maio de 2023); dous ao Parlamento autonómico (xullo de 2020 e febreiro de 2024); dous municipais (maio de 2019 e maio de 2023), e outras dúas ao Parlamento Europeo (2019 e as previstas para esta fin de semana). De media, unha chamada ás urnas cada sete meses. Salvo as europeas de 2019 e as xerais de abril dese mesmo ano, o PP gañounas todas na comunidade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail