O bo do Fonso da Suíza

imaxe de portada De We rock together – Obra propia, CC BY-SA 4.0

Como di Pepe Mujica, a política é a loita pola felicidade de todos. Isto é o que fai Alfonso Gómez Cruz, o galego fillo de emigrantes que a partires de mañá, 7 de xuño, será alcalde de Xenebra. Un galego de lei, formado, ecoloxista, activo, sereo, humilde, solidario. Coñecino xa fai moitos anos, un sábado pola tarde en Suíza. Lembro que chovía moito e que iamos percorrendo centros como A Nosa Galiza. Eu era asistente de Camilo Nogueira e o BNG enviábame percorrer os lugares da emigración galega nalgunhas fins de semana, así que acabei nun estudo de radio falando cunha xente que facían unha audición radiofónica en galego, Xesús, Baldomero, e coincidiu que aquel día tamén andaba alí Alfonso. Pareceume moi intelixente. Daquela aínda traballaba en Acnur e non estaba en política activa. Cos anos fomos falando e avisaba cando pasaba por alí. Cando a súa implicación política pasou á responsabilidade representativa, empezaron a chamalo «o ecolo». Volvemos ter moito contacto por distintas accións e visitas. Alá fomos Ana Pontón e eu e falamos de urbanismo, de ecoloxía e enerxía, de democracia e internacionalismo. Foi a última vez que nos vimos, coa xente do Bloque de Suíza que foi cando convidou para a ir á investidura, nese galego de Corme tan fermoso.

No 2015 estivo en Bruxelas coa plataforma de emigrantes retornados e alá veu, ao fin e ao cabo, el tamén era produto da emigración, receptor de queixas e interlocutor in situ. Sempre falamos de política, deses soños de transformación da sociedade. Alfonso colle a bici e marcha cara unha nova etapa na súa esperanza colectiva de mudar o establecido, de cambiarlle á vida á xente, de procurar unha sociedade menos racista e menos consumista, comprometida cun modelo que loite contra o capitalismo devorador e a urxencia climática.

Alfonso Gómez, na protesta en Bruxelas da Plataforma de Emigrados

A Alfonso hai que importalo, nun proceso de emigración de reviravolta. Sentimos orgullo del, é un home de lei, como cando de neno lle chamaban en Corme, o Fonso da Suíza. Nestes anos nunca perdeu a orixe, nin a esencia, a memoria, o enfoque do público, nin o repenique. É dos nosos, do País, do Pobo. Galiza ten un alcalde máis alá na terra onde chegaron tantas galegas e galegos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail