A Burla Negra do Océano Pacífico

Colectivos afectados pola vertedura contaminante de Repsol no Perú en 2022 emprenden a xira #RepsolHazteCargo ao longo e de diversos enclaves do país para denunciar o desastre ambiental e a crise humanitaria resultante, buscar redes de apoio e compartir experiencias con vítimas de experiencias similares noutras latitudes. As comunidades prexudicadas percorren a península cunha dobre pretensión: dar a coñecer as consecuencias do derrame e reclamar responsabilidades á multinacional de matriz española e salvagardar o seu medio de vida, a pesca artesanal, que defenden como parte inherente da súa identidade

TEXTO Marta Otero FOTOS CooperAcción Perú

O 19 de novembro de 2002 o casco do buque petroleiro Prestige, cargado con 77.000 toneladas de cru, rachaba pola metade e afundía fronte ao litoral galego, tinguindo de negro máis de 2000 kilómetros de costa e selando a maior catástrofe medioambiental da historia do país. Vinte anos e 9000 kilómetros máis aló, no Perú, unha operación de descarga na Refinería La Pampilla S.A.A. (Relapasaa) subsidiaria da petroquímica española Repsol, orixinaba un vertido de máis de 11.000 barrís de petróleo no distrito de Ventanilla, provincia de El Callao, un dos núcleos poboacionais máis desiguais do país. A mancha oleosa espallouse a través de 80 kilómetros de costa e alcanzou outros catro distritos, Santa Rosa, Ancón, Aucallama e Chancay.

Nin a distancia temporal nin a localización xeográfica esvaecen os puntos en común de ambas traxedias medioambientais. Onte e hoxe, un patrimonio natural ferido de morte. Un medio de vida estragado. Miles de familias ligadas ao sector marítimo-pesqueiro á intemperie. Onte e hoxe, desleixo e ineptitude das administracións na xestión da catástrofe. A inestimable acción dos voluntarios. Onte e hoxe, tamén, a loita dun pobo que se sobrepón ao shock inicial e decide que non vai tolerar a mentira. E onte e hoxe, moito que perder.

«O que está en risco é a nosa cultura, o que o meu pai me transmitiu a min e o que eu lle transmitirei aos meus fillos. Iso ten que prevalecer». Fala Luis Antonio Díaz Barroso, de 24 anos, terceira xeración de mariñeiros da súa familia e presidente da Asociación de Pescadores Artesanais do distrito de Aucallama. Díaz Barroso evoca a catástrofe dende o coruñés mercado de Santo Agustín, unha das paradas da xira que, baixo o lema RepsolHazteCargo, percorreu distintas cidades do Estado epromoveu unha manifestación fronte a sede da petroleira en Madrid ao abeiro da asociación Entrepueblos/Entrepobles, para visibilizar o desastre ambiental e social que ameaza coa desaparición da pesca artesanal no Perú, demandar a Repsol que asuma responsabilidades e, sobre todo, coller folgos a través do intercambio de experiencias con actores de outras latitudes que pasaran por transos similares, que poden acreditar que existe un final. E en Galicia, abofé, puideron atopalos.
Canda Luis Antonio Díaz escoita Zenón Gallegos, que chegou ao cuarto de século na actividade da pesca artesanal co sabor amargo na boca e cheiro a fuel nas súas capturas. Gallegos preside a Asociación Sindicato de Pescadores artesanais do porto de Chancay, un distrito de 62.000 habitantes e que ata non hai moito foi unha vila pesqueira de peiraos de madeira e cebicherías, e que hoxe se prepara para dar acubillo un megaporto colosal que está chamado a cambiar as inercias do comercio en América Latina. Pero polo momento, en Chancay vívese de pescar. «Como pescadores, exercemos a nosa actividade na pesca extractiva e a captura de especies marítimas. O mar do Perú é un mar rico, con grande biodiversidade de recursos. Diso vivimos», comenta Gallego.

As consecuencias dos derrames foron medioambientais, cun impacto de 11.600 hectáreas, un área que comprende 48 praias e dúas áreas naturais protexidas: a Reserva Nacional Sistema de Islas, Islotes y Puntas Guaneras e a Zona reservada de Ancón. As verteduras foron responsables da morte de máis dun milleiro de especies animais, algunhas delas en perigo de extinción; mais, como adoita acontecer, os ecos do petróleo, alén da afectación ao medio, redundaron na xa feble economía do sector pesqueiro dos distritos afectados.

As consecuencias do derrame espalláronse, en paralelo ao avance do petroleo, por toda a cadea de empregos e postos de traballo xerados a raíz da actividade pesqueira. Dos intermediarios minoristas e maioristas, ás asociacións de mulleres que tratan e limpan o peixe, a transportistas, empregados de loxística dos peiraos, comerciantes, traballadores do sector turístico. Un efecto dominó que fixo que ninguén saíra indemne da catástrofe. «Todas esas actividades quedaron paralizadas por este ecocidio. É unha economía quebrada. Quedamos sen traballo, pero non só iso: quebraron familias pola situación de estrés de non poder dar de comer aos fillos», comenta Zenón Gallegos.

Restos de petróleo na roupa e na pel dun dos operarios encargados dos labores de limpieza. Fotos: Ramón Plaza Yelo/Fuser News/CooperAcción Perú

Os pescadores do litoral peruano séntense abandonados polo Estado e enganados por Repsol. Ao primeiro achácánlle incompetencia ao non ser quen de facer fronte á urxencia social desatada pola catástrofe. En un principio, o estado acordou entregar unha cesta de produtos alimentarios básicos ás familias afectadas e de bonos mensuais de 1000 soles. Nunha segunda fase, dispúxose que se faría entrega as vítimas de 2000 soles mensuais dunha indemnización que se tramitaría máis adiante coa empresa, un proceso atrancado pola crise política acontecida no país durante o período posterior, que percutiu na indefensión das vítimas. As contías pactadas, porén, están lonxe de cubrir as necesidades das familias e o volume de ingresos das que estas dispuñan antes da catástrofe. A cadea de empregos indirectos que agroma da actividade da pesca artesanal recibiu compensacións dispares ao non considerar a empresa que a catástrofe impactara nas súas economías de xeito parello, e moitos quedaron fora por non ser quen de acreditar o volume real dos seus ingresos.

Manifestación de pescadores artesanais afectados pola vertedura, amosando unha das aves mortas como consecuencia da contaminación. Fotos: Ramón Plaza Yelo/Fuser News/CooperAcción Perú

A Repsol repróchanlle un comportamento neglixente e unha cadea de enganos e malas artes para dividir ao asociacionismo do sector que, unido por unha pretensión común, organizouse para facer unha todas as voces. A transnacional, lonxe de afrontar as consecuencias ambientais e económicas dos derrames produto da súa actividade, quixo desvincularse, dende o inicio, da súa responsabilidade. A empresa acusou á Marina de Guerra de non advertir das ondadas anómalas, e culpou ao buque que transportaba o crudo. A empresa acometeu a limpeza dalgunhas zonas públicas afectadas, como praias accesibles, e en abril, tres meses despois do derrame, declarou a finalización satisfactoria das principais labores de limpieza. Para os pescadores, porén, escenificábase un paradoxo que en Galicia a moitos antollouse familiar: mentres que a empresa afirmaba unha limpa satisfactoria, os cantís e as praias seguían recibindo mareas negras. «Foi unha limpeza mal efectuada. En praias como a da Aucallama, o hidrocarburo quedou enterrado no sedimento. As ondadas non son suficientes para limpar o hidrocarburo, mais si para que apareza na superficie o que está enterrado no sedimento», lamenta Zenón Gallegos.

O resultado, unha realidade maquillada: a empresa certificou 96 enclaves declarados libres de hidrocarburos, pero a verdade agóchase nas profundidades. «Cando volven a sacar mostras, sae contaminación. Este radio de 100 kilómetros mantense contaminado permanentemente. Chancay está levando a peor parte», lamenta o Luis Antonio Díaz Barroso. Dos 11.900 barrís guindados ao mar, Repsol só puido recuperar 2.500, pero sobre o papel, a realidade é outra. «Repsol difunde material vendéndose como unha empresa verde, pero é todo marketing. As accións que din ter promovido non se viron reflectidas. O estado pouco fixo», asevera.

Luis Antonio Díaz Barroso e Zenón Gallegos, profesionais da pesca artesanal, interveñen en distintos actos para denunciar a vertedura.

Divide e vencerás

A situación de emerxencia xerada pola catástrofe e a lenta acción da empresa e Goberno para poñer coto ás consecuencias da vertedura non foi quen, porén, de repregar os ánimos dos traballadores do sector marítimo-pesqueiro, que fixeron fronte común para reclamar reparacións económicas e medioambientais, mais tamén para afrontar a urxencia social de xeito cooperativo. Ante a adversidade, comunidade. Primeiro, cunha resposta similar á que recibiu Galicia naquel 2002 aciago: a dos miles de voluntarios que se achegaron ás costas feridas para colaborar nas labores de limpeza e salvagardar ás especies afectadas. «Foi un grande esforzo, porque o seu labor tivo moitas dificultades. Os voluntarios ían equipados con traxes EPI para COVID, que non protexían fronte ao petróleo», conta Alejandro Chirinos, sociólogo e cooperante.

Chirinos conforma, a carón de Gallegos e Díaz Barroso, a terceira pata da xira RepsolHazteCargo. O seu papel, como director da ONG CooperAcción e experto en dinámica marítimo-costeira, é denunciar e visibilizar os estragos da crise humanitaria xerada pola neglixente actuar da empresa. O sociólogo pode testemuñar de primeira man a acción conxunta das comunidades afectadas, non só na limpeza, tamén no sostén das necesidades básicas dos fogares máis abatidos pola conxuntura a través de mecanismos de solidariedade como a ola común. «Nos primeiros meses, as mulleres organizáronse para facer fronte á crise alimentaria a través da ola común. O 80% das capturas destínanse ao comercio na zona, o 15% ao consumo familiar e o 5% á solidariedade comunitaria en zonas como Ventanilla, onde bate a fame. Os pescadores xuntan os peixes do día para que a xente con menos recursos poidan alimentarse», relata Chirinos.

Manifestación fronte a sede de Repsol en Madrid o pasado mes de febreiro.

Malia que a presión das asociacións de pescadores e traballadores do mar afectados conseguiu arrincar algún compromiso de asunción de responsabilidades a Repsol, a intención da petroleira foi, denuncian os afectados, a de fragmentar ao asociacionismo e apelar cada acción sancionadora imposta dende as administracións. A trasnacional adoptou no seu proceder o mantra «divide e vencerás», acudindo a zonas afectadas polo vertido para pechar acordos de transacción extraxudiciais individuais coas vítimas, co fin de restar forzas á pretensión colectiva. Moitos, presos da desesperación da carestía na mesa e da fame dos fillos, optaron por asinar a proposta da empresa, que taxa as compensacións económicas moi por debaixo das perdas reais. Máis da metade das vítimas, preto de 7.000, acadaron coa petroleira acordos individuais. «Rompeu o bloque dos pescadores afectados, porque moitos pensaron que si non asinaban, perdían todo, porque hai crise e o Estado non ten capacidade para facerlle fronte. O acta era moi lesiva aos intereses dos pescadores. Moitos outros decidiron resistir e están loitando fronte a empresa», sinala Chirinos. Denuncian que os representantes da empresa se aproveitaron da situación de vulnerabilidade dos asinantes, con actas que non respectaban as garantías do proceso. «Facían entrar ás vítimas ao salón, deixábanlles ler o acordo durante dous minutos e asinaban. Non teñen sequera unha copia do acta», lamenta Chirinos. Ese compromiso leva impresa, na letra pequena, un caramelo envelenado: ao asinar, os afectados exoneran a Repsol de responsabilidades sobre o medio ambiente e recoñecen a eficacia das labores de limpeza.

Cartel do acto na Coruña da Xira #Repsolfaitecargo”.

Luis Antonio Díaz Barroso e Zenón Gallegos atópanse entre eses últimos irredutíbeis que non queren asinar. Non lles importan os cartos, defenden: queren, por riba de todo, preservar o seu modo de vida, que consideran un anaco inherente da súa identidade e da súa cultura, hoxe en risco de desaparición se non se acometen de xeito serio, eficaz e competente as tarefas de limpieza correspondentes. Luis Antonio Díaz Barroso e Zenón Gallegos, cada vez máis fartos, cada vez máis cansos, atopan, porén, un chisco de esperanza no mercado de Santo Agustín, na Coruña, dende onde fían o relato do acontecido, por enésima vez nesa xira interminable coa que buscan que a historia do mar do Perú non morra embaixo da capa negra de cru. Atópano nas verbas dun grupo de patróns, mariñeiros e percebeiros coruñeses, que se achegan a escoitar, pero sobre todo a relatar que a historia ten un final que non sempre é a derrota. Falan do Prestige, do Nunca Máis, da Burla Negra, da mentira, da manipulación e do relato. Falan de solidariedade internacional, de miles de voluntarios vestidos de branco sobre fondo negro, da xente do mar facendo comunidade para quitar chapapote coas mans, da cooperación, dos vínculos e da unión. E no Perú, co día, semella aparecer un novo sol.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail