O Gran Devalo dos servizos públicos en Galicia

A mala praxe argumental adoita ser o primeiro indicador dunha mala gobernanza. Cando a falacia do falso dilema ocupa o centro dun discurso, repetida con teimosía, como arma de distracción masiva, acaba invalidándoo todo e ten un efecto búmerang. Tiñamos un problema e agora temos dous. O xefe dos bombeiros, en lugar de preocuparse polo avance das lapas, critica aos veciños que demandan socorro: cómpre queimarse en silencio. E así ocorre cos grandes churrascos de servizos públicos vitais que estamos a padecer neste período autonómico, anos vinte do século XXI , que poderiamos denominar O Gran Devalo.

 Se, por exemplo, se critica a programación banal e o control despótico da información política nos medios de comunicación públicos, a resposta gobernamental é esa falacia de que a crítica prexudica e deslustra o traballo dos profesionais. Coa xa habitual apostila do presidente Rueda: son críticas «politizadas». A mal intención ten, neste caso, un efecto cómico. A alternativa á «política» é o silencio. E facer política, exercer os dereitos, equivale nunha democracia á función respiratoria. Mais foi esa tamén a reacción coa que se pretendeu deslustrara gran convocatoria en defensa da Sanidade Pública e contra o desmantelamento da Atención Primaria. Que estaba «politizada»!

 Os graves problemas de acceso á asistencia sanitaria coa hexemonía da ineficiente consulta telefónica, listas de espera que poñen en perigo aos pacientes, falta de persoal médico de familia e pediatrías, e péchanse PAC e centros de saúde no rural. Os servizos de Urxencias están nunha especie de colapso continuado. Mais o instinto intimidatorio da baixa política está a topar coa alta conciencia política dun SOS cívico que abrangue a grande parte da sociedade galega. Coa saúde non se xoga. A xestión e os orzamentos na Sanidade, a comezar pola atención á infancia e aos sectores máis vulnerábeis, son a mellor varade medir o benestar social e a propia saúde dunha democracia.

 Hai que pór fin ao  Gran Devalo dos servizos públicos en Galicia. E o máis urxente, o que esixe xa un Plan Extraordinario, é soerguer a Sanidade pública. Arestora, os orzamentos destinados á atención primaria en Galicia veñen ser a metade do que recomenda a Organización Mundial da Saúde. O gasto sanitario por persoa en atención primaria en Galicia é dos máis baixos do Estado, mentres seguen crecendo os seguros privados. Mesmo o incremento da mortalidade non é alleo a este desleixo e mal goberno.

 A sociedade galega, unha gran parte, estase a mover. Está politizada, si. Agora son os gobernantes os que teñen que facer política, ser útiles á sociedade, saír do estado de avaría, e non xerar máis mal de aire.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail