O poder das sombras e as sombras do poder

O escritor Gustave Flaubert refírese así a un personaxe: «Era tan corrupto que pagaría por venderse». En poucas palabras, un retrato xenial que nos achega máis información sobre o individuo que todo un informe usual de detective. Mais, tomado no sentido literal, na esmagadora historia da corrupción contemporánea hispana non consta ninguén que levara o seu entusiasmo protervo a semellante elevación de querer pagar para venderse. Como demostra toda o xa infindo memorial, a pegañenta corrupción que proe no Ruedo Ibérico non é obra dunha especie invasora e circunstancial de exóticos pillabáns. Avanzouse algo cando se comezou a caracterizar a lacra como «sistémica» e xulgar algúns grandes casos de corrupción como propios dunha «organización criminal». Un poderosísimo «círculo vicioso» enxertado no Estado, mesmo en altos estamentos, que entangaraña a democracia. Non é esta unha apreciación de ollada susceptíbel e xornalismo sacafaltas. O tesoureiro do principal partido da dereita española, Luis Bárcenas, na confesión dirixida ao fiscal Anticorrupción, escribiu que lamentaba «o mal que puiden inferir á sociedade froito dunha España na que todo valía». Sería un erro conxugar ese «todo valía» como un tempo pasado. Neste mes de xullo de 2022, soubemos que a Comisión Nacional de Mercados e a Competencia impuxo unha multa de algo máis de 200 millóns de euros ás seis principais construtoras españolas por ter actuado como un cártel dende 1992 para alterar e amañar para o seu beneficio miles de licitacións de obra pública. Non era unha práctica esporádica. Facíase o reparto do pastel en xuntanzas semanais. A minúscula sanción semella unha broma, grande broma, iso si, ante a continuidade e gravidade dos feitos e o volume económico manexado polo cártel das xigantes construtoras, como demostra o contido do propio informe da CNMC. O Todo Valía, ou Todo Vale, vén funcionando como un réxime tan soterrado como efectivo. É neste marco de «círculo vicioso» onde cómpre analizar e alumear as escuras coordenadas das «cloacas», o poder das sombras e as sombras do poder, cos seus meridianos mediáticos e paralelos policiais. Para pór fin a este gran patio de monipodio faría, fai falta unha revolución democrática da Xustiza. Unha sinxela e honesta revolución: que funcione. Mais iso, o bloqueo da Xustiza, non será un eixe principal da trama?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail