O rexeitamento á enerxía eólica consolídase fronte aos 315 novos macroparques que tramitan a Xunta e o Goberno

Os proxectos afectan a dous de cada tres municipios da comunidade, aínda que a administración autonómica e a patronal eólica aseguran que a maioría deles non se aprobarán.

A Coruña.- En Galicia sucede algo paradoxal: en plena crise enerxética e de prezos, que está a asfixiar a moitas familias que non saben se poderán quentar as súas casas no inverno, e recentemente pasado o verán máis caloroso da historia do país por mor do cambio climático, a contestación social contra a enerxía eólica non para de crecer.

A comunidade é unha das principais produtoras do Estado de electricidade proveniente de fontes limpas e renovables, que deberían servir para elevar a oferta de enerxía, reducir o seu prezo e, ademais, combater o quecemento da Terra. Os aeroxeradores, que noutros territorios estatais e extranxeiros se identifican co coidado do medio ambiente e a conciencia ecolóxica, en Galicia empezan a levantar unha enorme antipatía. Hai xa máis de 4.000, e os galegos non parecen sentirse orgullosos diso. Ao contrario. As manifestacións e actos de protesta, convocados precisamente por asociacións ecoloxistas, sucédense periodicamente desde hai anos. A última foi o pasado sábado na Coruña.

A razón de tanto descontento? Entre a Xunta e o Goberno central tramitan na actualidade 315 proxectos de parques eólicos que afectan a máis de 200 municipios. En Galicia hai 313, así que son case dous de cada tres os concellos nos que se planea instalar un parque.

Algúns afectan a zonas legalmente protexidas polo seu interese natural, biolóxico, paisaxístico ou patrimonial, pero é moi rara a semana na que o Diario Oficial de Galicia non publica un acordo ou resolución para someter a información pública unha autorización ou un estudo de impacto dunha nova instalación, dunha liña de evacuación –o tendido necesario para transportar a electricidade– ou de estacións e subestacións eléctricas contiguas.

«Un parque de só tres ou catro ocupa hoxe máis de 700 hectáreas», advirte Ana Varela, avogada da asociación Petón do Lobo, que mantén na actualidade oito recursos contenciosos contra os proxectos que tramita a Xunta.

Imaxe da manifestación do pasado sábado na Coruña / Foto: Stop Eólicos.

Fronte aos primeiros aeroxeradores dos anos oitenta e noventa e na primeira década do século XXI, que non levantaban máis dunha trintena de metros, o desenvolvemento da tecnoloxía eólica permite agora instalar verdadeiros xigantes de ata máis de douscentos metros de altura, que precisan unha cimentación e unha separación moito maior, e tamén maiores desmontes e movementos de terra.

«Deixan unha paisaxe fragmentada, con illas biolóxicas sen continuidade, e a súa construción rebenta os montes e os camiños de terra que funcionan como corredores ecolóxicos para o tránsito de biodiversidade, convertidos en autoestradas de aceiro», engade Varela.

«Hai proxectos para instalar muíños sobre lagoas e humidais, en zonas a menos de 500 metros da liña de costa, en áreas de Rede Natura, de protección a aves, de dominio público marítimo terrestre, de especial interese paisaxístico… Moitas acabarán sendo descatalogadas porque van perder ese valor», conclúe.

Galicia produce o 14% da electricidade eólica que se produce en España. Ten xa máis de 4.000 megawatts (Mw) de potencia instalada, capacidade suficiente para iluminar máis de 1,3 millóns de fogares durante o mesmo tempo en que os muíños estean en funcionamento efectivo.

Segundo a vicepresidencia primeira da Xunta, que dirixe Francisco Conde, tamén conselleiro de Economía, Industria e Innovación, na actualidade hai en trámite 250 expedientes de proxectos eólicos que dependen do goberno autonómico, que representan 6.500 Mw de potencia engadida e outros 65 por un total de 5.200 Mw, cuxa tramitación corresponde ao executivo central, a quen compete a autorización dos de máis de 50 Mw, os marítimos ou os que se instalan en territorio de máis dunha comunidade autónoma.

«A responsabilidade é das administracións porque ou ben non saben explicar o que está a pasar ou ben sucede que lexislaron mal»

Se todos eses proxectos se chegaran a autorizar, Galicia acabaría tendo o cuádruplo da potencia instalada que ten agora. Pero a patronal galega do sector sostén que non será así, e que o rexeitamento social á enerxía eólica en Galicia se debe á Administración, a unha lexislación trasnoitada e á inseguridade xurídica que esta provoca.

«A responsabilidade é das administracións porque, ou ben non saben explicar o que está a pasar, ou ben sucede que lexislaron mal», afirma Manuel Pazos, presidente da Asociación Eólica de Galicia (Aega), que agrupa unha corentena de grandes e medianas empresas, entre elas varias da comunidade, pero tamén outras, as grandes multinacionais do sector, con sede fóra dela, como Iberdrola, Endesa, Naturgy e Acciona.

Pazos foi un dos pioneiros da enerxía eólica en Galicia, participou na construción dos primeiros parques nos anos oitenta, cando ninguén cría que os muíños podían ser a mellor alternativa para descarbonizar a economía.

«O Plan Sectorial Eólico de Galicia, que estableceu as zonas onde se podían levantar aeroxeradores, ten máis de vinte anos e, aínda que é o único aprobado ata o de agora en todo o Estado, é evidente que quedou vello. É verdade que se presentan centenares de proxectos por decenas de promotores que pensan no negocio, pero a inmensa maioría deles non se van aprobar», sostén.

Aeroxerador nas Pontes / J.O.

O presidente de Aega considera «terrible» o feito de que «o principal problema de Galicia sexa a enerxía eólica», e así como critica a Xunta pola «parálise e a inseguridade xurídica» ás que están sometidos o sector e os funcionarios que deben avaliar os proxectos, tamén o fai coa oposición política «por inventar polémicas». «A eólica non pode ser motivo de enfrontamento político. Critican a Xunta, cando a Xunta leva tres anos sen conceder nin unha soa licenza nova», engade.

Para quen rexeitan os parques, en cambio, existe risco de que os proxectos saian adiante, porque as avaliacións de impacto as fan as propias empresas, porque os «tallan» para que non exista capacidade de medir globalmente a súa afectación ambiental e porque a Xunta «non fai un seguimento que permita facer esa avaliación correctamente», sostén Ana Varela.

No debate político galego sobre a enerxía eólica tamén se coou o suposto agravio con outras comunidades, especialmente Madrid, cuxo consumo enerxético total equivale ao 97% de toda a enerxía eólica que se produce en España, pero que é a única comunidade que non ten un só muíño no seu territorio.

A iso súmase que, a pesar da proliferación de muíños, os consumidores galegos seguen tendo que pagar nas súas facturas o custo de transportar a enerxía á Meseta, e que, aínda estando rodeadas de aeroxeradores, hai industrias que se ven abocadas ao peche ou á deslocalización porque non poden asumir os custos da electricidade.

Cartel contra os aeroxeradores no Alto da Gabiñeira, na Serra da Groba / Foto: Alba Tomé.

O caso máis emblemático é o da multinacional Alcoa, unha das que máis electricidade consome nos seus procesos de produción de aluminio e que ameazou con pechar a súa planta de Xove e San Cibrao, en Lugo, polos seus custos enerxéticos. Se fose así, deixaría na rúa a máis de 600 familias. Nun radio de 25 quilómetros ao redor da fábrica hai máis de 1.500 muíños aeroxeradores.

Os críticos cos macroproxectos de parques eólicos sosteñen tamén que apenas crean emprego a nivel local e que, en moitos casos, explotan un ben común para levar os beneficios fóra de Galicia, onde apenas deixarían ganancia algunha. Manuel Pazos desménteo: «Hoxe estamos presentes en 105 municipios de Galicia, pagamos máis de 150 millóns de euros en impostos e deles 23 millóns son do canon eólico en Galicia. A responsable de que deses 23 millóns só cheguen 11 millóns aos concellos non é nosa, senón da Administración», advirte.

Pola súa banda, a vicepresidencia de Francisco Conde sostén que a Xunta defende «un desenvolvemento eólico ordenado». «Nun contexto xeopolítico e socioeconómco como o actual, a implantación de enerxías renovables é moi importante. Con todo, o número de proxectos eólicos que se están tramitando non quere dicir que todos eles se vaian construír, porque tal e como se puido comprobar con algún caso recente de declaración de impacto ambiental negativo, tramitar non é autorizar. A Xunta está a poñer todos os medios posibles para que só os proxectos que cumpran con todos os requisitos necesarios e teñan viabilidade ambiental poidan ser autorizados», finaliza.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail