Fratelli Fascisti

«Tívenlles tanto medo ás palabras
tanto medo
víaas, coma se puidesen afogarme
coma se puidesen trastornarme
sen me atrever nunca a acercarme a elas».
Fran Alonso (1990), A lúa no probador.

Son moitas as veces nas que sinto que estou a fracasar na batalla de ser adulta. Que hai pezas que non encaixan ou, directamente, que non sei xogar empregando as mesmas regras que o resto. Esa sensación dáse, sobre todo, cando algo que de entrada parece moi sinxelo a min me resulta inexplicablemente complexo ou difícil de entender.

Así, sinto que fracaso como adulta cando vexo outras persoas xestionar os seus horarios, axendas e vidas á perfección mentres eu afogo ás carreiras. Sinto que fracaso como adulta cando sigo ao pé da letra unha receita que me envía miña nai, cen veces feita por ela, e non só non sae igual, senón que seguramente acabe no lixo. Sinto que fracaso como adulta cando me poño diante dos tests da autoescola e me pregunto por que todas as persoas que coñezo foron quen de superar esta proba de transición vital na adolescencia e eu levo 20 anos, 4 suspensos e 5 matrículas de autoescolas sen conseguilo.

Pero cando máis sinto que fracaso como adulta é cando os feitos e o relato sobre os mesmos non van da man. Cando escoito ou leo unha cousa que identifico como «A» e o resto do mundo, inexplicablemente, empéñase en dicir que é «B». Aí non só sinto que fracaso, aí directamente fago curtocircuíto.

Cando máis sinto que fracaso como adulta é cando os feitos e o relato sobre os mesmos non van da man. Cando escoito ou leo unha cousa que identifico como «A» e o resto do mundo, inexplicablemente, empéñase en dicir que é «B».

«Non houbo outro político coma el nos últimos 50 anos», dixo Giorgia Meloni referíndose a Mussolini («e menos mal», engadiría eu). Pero por algún motivo que me escapa, tras declaracións coma esa eu a esta señora non podo chamala fascista. Porque malia falar coma unha fascista, pensar coma unha fascista e louvar a un fascista, nos medios e na rúa non estamos a falar de fascismo. Ah, non, iso non, que queda feo. Chamémola «de centrodereita» (carallo, que será a extrema dereita entón!?).

A ultradereitista italiana Giorgia Meloni, na Conferencia de Acción Política Conservadora este mesmo ano.

Cando penso na torsión que facemos da linguaxe venme á cabeza o poema de Fran Alonso que ilustra esta peza. O medo que lle temos a chamar ás cousas polo nome, de onde vén? Que necesidade hai de suavizar o relato ata infantilizarnos entre todas? Non podemos chamarlle «fascismo» ao fascismo porque iso nos leva irremediablemente á morte, a asasinatos por odio, á represión e a épocas moito máis escuras. E cal é o medo? Chamémoslle fascismo. Perdamos o medo a sinalalo como o que é porque suavizar a realidade, reinterpretala, retorcela ata que asuste menos, non vai evitar que aconteza.

Non podemos chamarlle «fascismo» ao fascismo porque iso nos leva irremediablemente á morte, a asasinatos por odio, á represión e a épocas moito máis escuras. E cal é o medo? Chamémoslle fascismo. Perdamos o medo a sinalalo como o que é porque suavizar a realidade, reinterpretala, retorcela ata que asuste menos, non vai evitar que aconteza.

Torcer as palabras ata que digan o que nós queremos non vai evitar que se sinale, acose, golpee e mesmo mate o colectivo LGTBI+. Torcer as palabras non vai impedir que se me persiga por abortar. Torcer as palabras non me vai salvar de recibir unha malleira por parte dun machirulo. Torcer as palabras non vai desfacer as desigualdades económicas e devolvernos o acceso a unha educación e sanidade públicas, universais e de calidade. Así que deixemos de facelo.

Chamémoslle fascista a Giorgia Meloni porque só mirando ao medo á cara poderemos ser conscientes do que é. Meloni é unha fascista, como tamén o son Abascal, Ayuso, Olona e tantos outros. Perdámoslle o medo ás palabras dunha vez, porque mirar para outro lado só nos levou, ata o de agora, a permitir que entrasen nas nosas casas, nas nosas vidas, nos nosos corpos discursos de odio que parecían do pasado. Perdamos o medo a chamarlle fascismo ao fascismo e fagamos o que mellor se nos dá: penduralo boca abaixo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail