Na memoria de Saleta Goi García

A primeira luz de Luzes (disimulen a doada redundancia), o primeiro número da revista, incluíu unha ampla entrevista coa dedicataria deste artigo, da man de Belén Regueira. Non a teño agora á vista (o meu arquivo de prensa leva anos nun beatífico estado de conservación e aumento, á espera dunha man clasificadora), mais lembro perfeitamente o seu contido. A xornalista (como Cláudia Morán recentemente nas páxinas de Nós Diario) atinou a entrevistar Saleta en por ela, non como «muller de» ou «viúva de».

Saleta e Manuel María na libraría Xistral que tiñan en Monforte. O cliente é Suso Veiga Buxán. Foto Fundación Manuel María

Afloraban así recordos e vivencias dun tempo caracterizado pola coerción e a constrición a todos os níveis, mais onde a intervención pública feminina, à rebours de todas as dificuldades, non foi pequena nen insignificante. Falo, claro está, da Galiza e, en concreto, do nacionalismo galego contemporáneo. Tal constatación debería levar a unha seria revisión da historia, no que esta ten de repetición de tópicos ben acomodados no relato convencional. Aínda non está ben ponderado o feito de ser unha muller a fundadora da literatura galega contemporánea, Rosalía de Castro. Na década 1860-1870, no noso país, a investigadora Celia María Armas García documentou (hai vinte anos), non menos de vinte e tres asinaturas femininas en prensa galega. Cen anos despois, Elvira Souto Presedo foi eleita como primeira secretaria xeral da Unión do Povo Galego. Pilar Allegue lembraba como, nas primeiras eleicións municipais, tres foran as candidatas a senllas capitais galegas.

Saleta e Manuel, con Uxío Novoneyra no Courel. Foto RAG

O ponto de chegada, en fin, cómpre xulgalo sempre téndomos en conta o ponto de partida, nada beneficioso para unha actividade pública e de incidencia social das mulleres. Saleta Goi foi unha loitadora en tempos adversos e un exemplo de entrega militante… sen pedir permiso, libre e decidida.

Saleta, Manuel e Ernesto Cardenal, na Xistral. Foto Felipe Senén

Para as leitoras e leitores de Luzes, oferezo as palabras que lle dediquei en Outeiro de Rei, na sede da Fundación-Casa Museo Manuel María, o día 12 deste mes de Setembro de 2022, no acto de recordación que acompañou o seu enterramento. Velaí:

Hai só catro días, estabamos aquí mesmo, na Carballeira de Santa Isabel, convocados pola Irmandade Manuel María e pola Asociación Xermolos, relembrando o noso escritor, o noso amigo, o compatriota esclarecido que dá nome e sentido a esta Fundación. Mal sabiamos que tan logo habiamos de voltar para despedirmos Saleta, na viaxe que por todos agarda. Mais esta recordación tamén quer ser, como aquela, unha resurreición, a homenaxe a unha vida plena dedicada ao tan necesario oficio de procurar sermos galegos normalizados, como el gostaba de se definir. Saleta é a muller de Manuel María e ben podemos afirmar que el foi o que foi e fixo o que fixo grazas a ela, á súa presenza leal e agarimosa, ao seu apoio constante, á entrega incondicional a unha causa chamada Galiza, chamada povo galego. O xuízo, porén, é reversíbel, pois non estamos a evocar unha voz ecoica, un satélite, senón unha muller de forte personalidade, de firmes conviccións nacionalistas, de loitadora sen pausa por lle dar a este noso país un rosto cultural, unha práctica lingüística e unha conciencia política que nos redima de tantos séculos de ignorancia e de desprezo. Así que falamos dunha compañeira de vida e de fadigas, dunha libreira que ergueu a bandeira galega como imán de leitores, de vocacións e, en suma, de galeguidade. En tempos de represión desatada e en tempos de represión sofisticada. Non deixemos morrer os nosos mortos, pedía Eduardo Blanco Amor. Por iso dicemos: viva Saleta Goi García, viva o seu exemplo. Longa vida á súa memoria. Para ela, este galano poético, pequeno na miña voz, grande na do seu autor, Manuel María:

Miña confidente, amiga verdadeira,

unicamente a ti, Lagoa do Ollo,

lle mostro eu a miña intimidade:

unha folla xa murcha e amarela

que o impiedoso vento do Outono

arrastra polo chao cara a ningures.

Confíoche, pois, o meu desexo:

considérame digno e garda,

na túa firme memoria cristalina,

a miña imaxe, xuntamente

coa amadísima imaxe de Saleta:

fai delas unha soia raioliña

tremando, con lucidez apaixonada,

nas derradeiras luces do solpor.

Saleta Goi, na entrevista para o nº 1 de Luzes. Foto Gabriel Tizón

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail