«O BNG xa é unha alternativa real ao PP»

A portavoz nacional do BNG salienta no 40 aniversario da formación as posibilidades de que o Bloque lle dispute a hexemonía política ao Partido Popular para gobernar Galicia e presidir a Xunta

A Coruña.- O BNG celebra este luns o aniversario da súa fundación hai corenta anos no antigo frontón de Riazor, na Coruña. O seu portavoz nacional, Ana Pontón, charla con Luzes-Público a poucos metros de alí, fronte á praia, e explica por que cre que o Bloque vive o seu momento de maior fortaleza e por que está en disposición de disputarlle ao PP a hexemonía política no país para convertela na próxima presidenta de Galicia.

Como lle explicaría que é o BNG a unha persoa que non viva en Galicia?O BNG é unha experiencia única, logrou unir a todo un nacionalismo que viña de tradicións diferentes ao redor dunha formulación frontista que combina a militancia en cada organización coa militancia individual. Sobre todo é unha organización moi transversal, non só desde o punto de vista da súa concepción de país, senón de funcionamento interno. É unha organización moi democrática que representa a defensa non só dos intereses nacionais de Galiza senón dos dereitos individuais e os dereitos públicos, cun programa político realmente transformador e un proxecto colectivo específico para Galicia.

E como explicaría o seu proxecto para Galicia? Non é un proxecto persoal, senón colectivo, que se basea na convicción de que hai outra forma de entender e exercer a política. Se queremos transformacións de fondo, necesitamos organizacións que se sexan capaces de enfrontar os envites que quen manda sen presentarse ás eleccións, e que van seguir querendo mandar. É un proxecto transformador que quere que os galegos e as galegas vivan mellor, que teñan unha sanidade pública mellor, unha mellor educación, que coidemos o medio ambiente, que apostemos polo feminismo e que todo iso o fagamos desde unha realidade diferente, como é a realidade galega.

«Estou moi orgullosa da historia do Bloque, con todos os seus erros e todos os seus acertos»

Vostede lidera a unha nova xeración no BNG, a que matou «ao pai» e fixo que a formación despegase. Coincide con esa apreciación? O BNG transformouse ao ritmo en que o fixo este país, que non é o mesmo que hai catro décadas. Hoxe é un partido orgulloso da súa propia transformación, reflexo dos cambios que se produciron ao longo destes anos e que non sempre recoñecemos. Eu estou moi orgullosa da historia do Bloque, con todos os seus erros e todos os seus acertos, porque fomos capaces de aprender deles. Hoxe hai unha forza viva que celebra estes 40 anos mirando ao futuro. Somos xa unha alternativa real á hexemonía do Partido Popular, estamos en disposición de disputarlla porque somos unha forza política que mira a esa maioría que quere un cambio real para construír un futuro mellor.

Foto: Miguel Fernández

Por que están tan seguros de que están en disposición de disputarlle a hexemonía ao PP? Dedúceno das enquisas, do contacto coa rúa? Primeiro, dos resultados das últimas eleccións autonómicas [o BNG pasou de seis a 19 escanos no Parlamento de Galicia, que conta con 75], que son o inicio dun cambio político que fará que por primeira vez na historia de Galicia teñamos unha presidenta coas mans libres para defender os intereses do país. E ao PP preocúpalle ter enfronte unha alternativa preparada para gobernar. En segundo lugar, porque nesta crise ao Goberno do PP víronselle as costuras. Leva trece anos debilitando Galicia e iso nótase en que a crise de prezos está a afectarnos máis. Temos unha debilidade estrutural que nos fai máis fráxiles. E o PP foi incapaz de tomar ningunha decisión de calado. Esta mesma semana paralizouse toda a acción de goberno para un acto propagandístico no que a gran medida eran 25 euros para material escolar. A Xunta está instalada na propaganda e resulta inútil para axudar aos cidadáns deste país. No medio da maior crise de prezos que tivemos, o Partido Popular permitiuse o luxo de paralizar a Xunta durante tres meses para que o señor Feijóo decidise se marchaba ou non a Madrid. E logo de que se foi, levamos outros cen días de brazos caídos.

«Esta mesma semana paralizouse toda a acción de goberno da Xunta para un acto propagandístico no que a gran medida eran 25 euros para material escolar»

Para que o BNG poida disputar efecivamente a hexemonía ao PP en Galicia teñen que atraer vostedes o voto de quen apoiou a Feijóo. Como o van lograr? Os votos non son dos partidos nin de quen encabezamos as candidaturas. Son da cidadanía, que decide en cada momento cal é a forza política que máis lle convén. E no BNG estamos convencidos e convencidas de que hai unha maioría social que comparte as propostas concretas que defendemos, que quere que este país teña un trato xusto no Estado e que é consciente de que debemos confiar en nosas propias forzas, de que necesitamos políticas que defendan os intereses dos galegos e as galegas sen ataduras a Madrid, pero tamén sen ataduras aos grandes lobbies económicos. Cando esa maioría social escoita as propostas do BNG, máis aló dos estereotipos que constrúen sobre nós, identifícase con nós e coincide en que temos razón cando reclamamos máis poder político, máis capacidade de decisión, máis recursos para Galicia para defender a sanidade, apostar pola ciencia e pola innovación… Sobre esa base imos construír un proxecto cunha vocación maioritaria, porque o BNG ten unha vocación clara de gobernar este país para transformalo en positivo.

Aínda que o proxecto sexa colectivo, vostede construíu un liderado transversal, probablemente o máis transversal e definido de todos os que tivo o BNG nestes 40 anos. Esa transversalidade é do BNG, que ten un proxecto dirixido aos traballadores e as traballadoras, á pequena e a mediana empresa, aos autónomos e as autónomas… A todos lles vai ir mellor se somos capaces de construír un país que aproveite toda a súa capacidade e todo o seu potencial. Temos que romper clichés, necesitamos unha mirada ampla e a medio prazo da política. Hoxe hai cada vez máis sectores que ven ao BNG como esa forza capaz de transformar en positivo o país e que saben que temos un proxecto para a maioría. E iso entronca cos 40 anos que estamos a celebrar, porque o BNG naceu con esa vocación de hexemonía, de ser unha forza maioritaria e un proxecto interclasista. Hoxe somos máis proxecto común que nunca.

Foto: Miguel Fernández.

Serviu de revulsivo aquel órdago que lanzou hai un ano, cando amagou con deixar a portavocía nacional do partido? Non foi un órdago, de verdade. Cada un interpreta os feitos como quere, pero o que eu podo dicir é que aquel proceso de reflexión e a asemblea que celebramos posteriormente serviu para demostrar que hai un BNG máis forte e máis unido e cunha idea moi clara: temos que desaloxar ao Partido Popular das institucións galegas e poñer en marcha un proxecto para construír un país mellor e con máis oportunidades. Imos ir por todas. O PP está a deixarnos unha Galicia cada vez máis pequena: menos emprego, menos industria, menos sector primario, menos poboación, menos xente nova… O único que crece aquí son as desigualdades e a deterioración dos servizos públicos. O PP está a deixarnos un país en peores condicións das que o atopou en 2009.

Quero preguntarlle pola política estatal. Teño unha amiga que di que vai ser moi difícil frear o ascenso da ultradereita e a dereita sen a participación activa das forzas nacionalistas de Galicia, Euskadi e Catalunya. Comparte esa idea? Para que haxa unha alternativa á dereita no Estado vai ser fundamental que medremos as forzas políticas nacionalistas e soberanistas. Vai ser clave para que a dereita non volva gobernar no Estado español, pero tamén para que o Estado español aposte realmente por políticas que poñan no centro as necesidades das persoas.

«Para que haxa unha alternativa á dereita no Estado vai ser fundamental que medremos as forzas políticas nacionalistas e soberanistas»

Dalgún modo o BNG ten agora unha posición cómoda fronte aos seus rivais en Galicia, pode zouparlle ao PP aquí e ao PSOE e a Unidas Podemos en Madrid. Non temos ningún interese en zouparlle a ninguén, oxalá non nos desen motivos para a crítica. Pero cando Pedro Sánchez asume un compromiso co BNG non o asume cunha forza política, asúmeo con todos os galegos e galegas. E hai partes importantes dese acordo de investidura que non se están cumprindo, e o trato que lle dá o Goberno do PSOE e Podemos a Galicia é en moitos ámbitos homologable ao que lle daba o Goberno do Partido Popular: menos investimento e menos execución, porque nin sequera executan o que está previsto nos orzamentos xerais do Estado. Sempre imos alzar a voz en defensa de Galicia e a reclamar políticas valentes, nun momento no que a maioría social está a pasalo moi mal. É certo que algunhas medidas do Goberno central son positivas, pero son claramente insuficientes, non están a servir para conter unha inflación desbocada e que está a afectar sobre todo ás clases populares. Non podemos permitir que esta crise volva saldarse con salarios máis baixos e cada vez con menos poder adquisitivo, con rebaixas nas pensións, con máis recortes sociais. É unha responsabilidade que temos diante do conxunto da cidadanía, porque a dereita avanza cando as forzas progresistas decepcionan ao seu electorado. É unha reflexión que deberían facer as forzas estatais.

Foto: Miguel Fernández.

Nese camiño para disputarlle a hexemonía ao PP en Galicia están as municipais do ano que vén. O crecemento do BNG nas autonómicas de 2020 pasou por captar case todo o voto das mareas e Unidas Podemos. Cre que iso se repetirá nas eleccións locais, as mareas son un proxecto esgotado? Insisto en que quen decide que forzas políticas apoia ou non son os cidadáns, que optan polo quen lle dá máis certezas, quen máis lle ilusiona e quen lle xera máis confianza. Ás veces considérase que a política local é política menor, e no BNG pensamos que é moi importante. De feito nós presentámonos co mellor aval, que son gobernos municipais que demostran que temos un proxecto alternativo para transformar o espazo urbano e devolverllo á cidadanía, apostar polo comercio local, pola calidade de vida urbana, polos servizos públicos, por xestionar ben os recursos, por apoiar a nosa cultura… É un modelo claro, pero non sei cal é o das outras forzas políticas. O que si sei é que nos estamos tomando moi en serio as eleccións municipais, traballando proxectos en cada cidade e en cada pobo e traballando candidaturas que sexan capaces de solicitar un apoio maioritario. Teño a certeza de que o BNG vai ser a forza política que suba nestas eleccións.

Que opina do proxecto de Yolanda Díaz? Yolanda Díaz é unha política moi intelixente, con moitas calidades, pero me resulta difícil valorar o seu proxecto porque ata o momento non sabemos cales son os elementos que o conforman, máis aló dese proceso de escoita que abríu.

«Yolanda Díaz é unha política moi intelixente, con moitas calidades, pero resúltame difícil valorar o seu proxecto porque ata o momento non sabemos cales son os elementos que o conforman»

Cre posible recuperar a quen abandonou o BNG en 2012? No últimos seis anos o BNG tivo un crecemento exponencial, non só electoral senón tamén organizativo. Incorporáronse moitas persoas que nunca antes participaran en política e ás que lles ilusiona o noso proxecto, e tamén persoas que se marcharon e volveron. Temos as portas abertas a toda a cidadanía deste país, a todos e todas as que pensan que Galicia necesita unha forza política propia e un proxecto sen ataduras cuxa meta é defender os intereses deste país.

Foto: Miguel Fernández.

Como son as súas relacións con Xosé Manuel Beiras? Cordiais, acabamos de convidalo á presentación do documental sobre os 40 anos do BNG, no que el participa. Queriamos que os protagonistas dese momento fundacional compartisen como foi aquilo. El foi o primeiro portavoz nacional, foino durante vinte anos e tiña que estar aí. Tamén é certo que as persoas somos o resultado das nosas decisións e os nosos actos, e en 2012 Xosé Manuel Beiras decidiu tomar un camiño que o afastaba do BNG.

Que opina desa guerra que emprendeu o PP para ver quen rebaixa máis impostos aos máis ricos? O PP está a deixar moi claro a quen defienfe. Dime a quen rebaixas os impostos e direiche para quen gobernas. O Partido Popular faino para unha minoría, goberna para os ricos. Pero é curioso que a xente se escandalice co que fan agora Ayuso e Bonilla, cando esa foi a axenda que iniciou Feijóo en Galicia hai trece anos: baixou o imposto de patrimonio e fixo rebaixas fiscais para as rendas altas durante trece anos. O ano pasado reducíronse impostos por 20 euros ás rendas inferiores a 12.000 euros, e 500 euros para as rendas superiores a 60.000. Así é como o PP entende a progresividade fiscal. Vémolo tamén nesta crise: mentres as eléctricas e as multinacionais están a forrarse, Feijóo deixa moi claro que non hai que aplicar impostos a quen nos está estafando nesta crise. E o que me parece moi grave é que a estas alturas o novo presidente da Xunta diga que non sabe que vai pasar co imposto de patrimonio, nin cal é a política fiscal do seu Goberno. Se non o sabe é moi grave, e se o sabe e está a llo ocultar á cidadanía, é moito peor. [Un día despois de facer esta entrevista, Alfonso Rueda anunciou unha rebaixa do 50% no imposto de patrimonio, que beneficiará a 7.000 contribuíntes con máis dun millón de euros sen contar a propiedade de inmobles. Ana Pontón cualificouno de «burla» e de «pelotazo fiscal», lembrou que mentres se baixan impostos «aos millonarios (…), as familias, a clase traballadora e os autónomos non chegan a fin de mes» e a Xunta «»suprime a tarxeta básica de axuda á compra de alimentos ás familias con máis dificultades». «Hai que lembrarlle ao señor Roda e ao Partido Popular que os impostos son os que pagan os servizos públicos, son os que nos permiten ter unha sociedade máis igual e máis xusta, o que nos permite pagar a sanidade, a educación, as axudas a dependencia e as escolas infantís», concluíu].

«Dime a quen rebaixas os impostos e direiche para quen gobernas. O ano pasado reducíronse impostos por 20 euros ás rendas inferiores a 12.000 euros, e 500 euros para as rendas superiores a 60.000»

A que cre que se debe esa imaxe de moderación que ten Feijóo no resto do Estado que, como di, non se corresponde coa súa acción política en Galicia? Esa imaxe construíuse en certa medida por parte da progresía e dalgúns medios estatais, co obxectivo de debilitar á dirección estatal do PP. E non deixa de ser unha ficción, porque en Galicia Feijóo non foi moderado. Gobernou para as empresas amigas do Partido Popular e para as rendas altas, e sentou as bases dos recortes sociais e as privatizacións que dinamitaron os servizos públicos. Tampouco foi dialogante porque non quixo nunca chegar a acordo ningún no Parlamento, con ningunha forza política. E tampouco foi un bo xestor, porque triplicou a débeda pública deste país debilitando os seus servizos públicos. Deixounos unha Galicia en condicións moito peores das que el atopou, pero sobre el construíuse esa falsa imaxe que ten moito de visión madricentrista.

Foto: Miguel Fernández.

Como cre que influíu na construción desa imaxe o control dos medios públicos de comunicación e o modelo de axudas ás empresas xornalísticas privadas? Hai un déficit democrático moi importante. Necesitamos unha lei que regule a relación entre os medios de comunicación e o poder público. A pasada lexislatura rexistramos unha proposta de lei de publicidade institucional porque cremos que esa relación ten que ser regrada e transparente. Pero sobre todo temos que democratizar a CRTVG. Desde ese madricentrismo que existe na política e na información, é curioso como se está obviando que os traballadores da CRTVG levan catro anos de «venres negros» denunciando a manipulación informativa, e que hai sentenzas firmes que condenan á CRTVG por vulnerar o dereito á libre expresión de traballadores e perseguilos por exercelo. Quitáronse a presentadores e presentadoras por ser críticos e denunciar a manipulación. E todo iso non causa escándalo? Se iso pasase noutras cadeas públicas do resto do Estado, os medios estatais estarían todo o día falando diso.

Á marxe da publicidade institucional, vostedes cambiarían o modelo de repartición de axudas aos medios mediante subvencións e convenios opacos outorgados a dedo? Todo iso ten que ser transparente e estar regulado por lei. É unha cuestión fundamental.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail