Feijóo promete acabar coa pobreza en España tras deixar case 600.000 persoas pobres en Galicia

O número de persoas que non poden acceder a bens e servizos básicos creceu en 57.000 durante os trece anos nos que estivo á fronte da Xunta

A Coruña.- Se Feijóo coñece a receita para acabar coa pobreza en España, o certo é que en Galicia non a aplicou. Ou si, e sucede que non funciona. Despois dos seus trece anos de mandato, a comunidade suma 597.264 persoas pobres, case 22.000 máis que no ano 2008, o inmediatamente anterior á súa chegada ao goberno da Xunta. Delas, máis de 312.000 son mulleres, e outras 253.000 están en situación de pobreza severa.

Os datos están dispoñibles no undécimo Informe Arope (as siglas da expresión inglesa at risk of poverty and exclusion, é dicir, en risco de pobreza e exlusión) que publicou o ano pasado a Rede Europea Contra a Pobreza (ENAP, nas súas siglas en inglés), unha coalición de ONG, asociacións e plataformas involucradas na loita contra a exclusión social na Unión Europea.

O pasado martes, Feijóo falou de pobreza e riqueza durante a súa intervención nun acto da Asociación de Traballadores Autónomos en Madrid. «Nun país que ten como obxectivo fundamental crear riqueza, hai xente cuxo obxectivo fundamental é acabar coa riqueza. Acabar cos ricos. Eu creo que o obxectivo fundamental é acabar coa pobreza. Se non acabamos coa pobreza, repartindo a riqueza, é absurdo acabar coa riqueza para facernos máis pobres a todos», dixo.

O trabalinguas dá poucos indicios de cales son realmente as políticas que propón o líder do PP para acabar coa pobreza en España. Pero sexan as que sexan, se se trata das mesmas que aplicou en Galicia, os datos advirten que non deron o resultado esperado. Máis ben tiveron o efecto contrario.

O 25,7% da poboación de Galicia está en situación de pobreza

O 25,7% da poboación da comunidade que presidiu desde maio do 2009 a maio de 2022 está en situación de pobreza ou exclusión social, cunha renda media por baixo dos 11.469 euros ao ano, fronte ao 25,1% de 2008. O informe, que considera que unha persoa é pobre cando non dispón dos recursos para satisfacer as necesidades consideradas básicas na sociedade na que vive.

O 9,4% da poboación galega vive en situación de pobreza severa, é dicir, con menos do 40% da mediana de renda estatal, que son 281 euros mensuais para o caso dunha familia con dous adultos e dous menores, ou menos de 535 euros ao mes se esa persoa vive soa. Son máis de 85.000 persoas máis que o ano inmediatamente anterior á chegada de Feijóo.

A peor evolución rexistrouse no segmento máis vulnerable, o de persoas en situación de privación material severa, que se define pola súa dificultade para acceder ao consumo de certos bens e servizos básicos. Non poden alimentarse ben, manter unha temperatura adecuada nos seus fogares ou pagar o alugueiro, a hipoteca ou as facturas de servizos esenciais. Durante os mandatos de Feijóo, o número de habitantes de Galicia que padecen esa situación creceu en máis de 57.000 persoas, desde as 82.463 de 2008 a máis de 140.000 en 2020. Máis da metade, case 80.000, son mulleres.

Segundo o informe Arope, un 15% dos galegos non poden permitirse unha comida con proteínas de carne, polo ou peixe cada dous días (era o 1,1% da poboación hai catorce anos); e un 8,5% non pode pagar en prazo alugueiros ou facturas (en 2008 a porcentaxe estaba cinco puntos por baixo, no 3,4%). O 31,3% ten ingresos de menos de 11.685 euros anuais; o 21,1%, de menos de 9.450 euros ao ano; e o 9,7%, menos de 6.600 euros en doce meses.

Un 15% dos galegos non poden permitirse unha comida con proteínas de carne, polo ou peixe cada dous días

Non é a primeira vez que Feijóo critica as poltícas sociais do Goberno acusándoo de querer acabar «cos ricos», cun discurso que insinúa que quen son pobres sono porque queren ou porque non se esforzaron en non selo. «Non creo en persoas superiores aos demais. Non creo que han de ter máis dereitos os que teñen máis, pero tampouco creo que aos que teñen máis se lles deba sinalar na rúa por traballar máis», dixo Feijóo en marzo en Valladolid nun mitin das primarias á presidencia do PP.

Os redactores do informe Arope subliñan, con todo, que boa parte das persoas máis vulnerables nin sequera dispoñen da posibilidade de saír da pobreza polos seus propios medios. É o caso da poboación pensionista, cuxos únicos ingresos proveñen das prestacións sociais e para as que «a súa situación de pobreza depende absolutamente de decisións políticas e en ningún caso do seu esforzo persoal».

Na Galicia que acaba de deixar Feijóo hai máis de 404.000 persoas cunha pensión inferior a 688 euros, o mínimo considerado para non ser pobre, e que non poden facer nada para deixar de selo. Se se consideran só as pensións de viuvez, recibidas maioritariamente por mulleres, o 67,8% non chegan a esa cantidade. Un 22,1% dos e das pensionistas galegas cobran menos de 458 euros, o listón baixo o que se sitúa a pobreza severa.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail