Vilariño de Conso, sobrevivir na Galicia do PP profundo

A oposición da localidade ourensana, de 500 habitantes, acusa a alcaldesa de adxudicar ao seu marido a vivenda municipal na que residen por cen euros ao mes, de discriminar os veciños non afíns ao PP e de non convocar plenos ordinarios desde hai un ano para non explicar a súa xestión.

A Coruña.- A lenda que converteu a Alberto Núñez Feijóo no imbatible adaíl da dereita elude mencionar que o presidente da Xunta perdeu hai anos o poder local nas grandes cidades, onde a suma da esquerda tamén o superou nas últimas autonómicas. As súas maiorías absolutas susténtanse en boa medida nas vilas medianas e pequenas.

É grazas a elas, nas zonas rurais, onde o PP se apoia sobre unha sólida estrutura territorial que se armou sobre unha tupida rede clientelar que chega ata o último recuncho do interior da comunidade.

Un exemplo é o municipio de Vilariño de Conso, a cen quilómetros ao leste de Ourense. Cunha poboación de 513 habitantes, o pobo está dividido pola xestión de Melisa Macía Domínguez, avogada de 32 anos que chegou ao cargo no 2017 tras a saída do anterior alcalde, un tránsfuga do PSOE captado polo PP e que levaba 38 anos no cargo cando foi condenado por corrupción.

Se alguén se pregunta como pode corromperse o rexedor dun pobo de 500 habitantes, debe saber que Vilariño ten un orzamento de máis de 1,6 millóns de euros grazas aos tres encoros que alberga no seu territorio, e polos que as eléctricas deixan bos ingresos ao tesouro local.

Macía chegou á alcaldía no 2017 substituíndo a Serra, e no 2019 obtivo a maioría absoluta: 258 votos e catro concelleiros fronte aos 186 sufraxios e tres edís do seu único rival, a Agrupación Independente de Vilariño de Conso (Aivic), que acolle a simpatizantes de PSOE, BNG e o resto das esquerdas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha xuntanza coa alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía Domínguez,en abril do ano pasado / Foto: Xunta.

«Contra nós emprendeu unha estratexia de acoso e derriba», asegura Luisa Alonso Lamas, simpatizante de Aivic que leva co seu marido o único supermercado local e que exerce ademais de xuíza de paz do pobo. «A alcaldesa ameaza a xente para que non veña, e fai que o Concello faga as pequenas compras de ferrretería e produtos de limpeza para o centro médico e o centro de primaria no pobo de á beira», asegura.

O pobo de á beira é Viana do Bolo (2.800 almas), onde Macía protagonizou un polémico incidente en abril do ano 2020, en pleno confinamento e cando gobernaba alí o BNG. Saltándose os peches perimetrais e as normas do Estado de Alarma, a rexedora colleu a pick up de Protección Civil, disfrazou a dous simpatizantes de castañas e conduciu ata Viana para repartir caramelos entre os nenos, atraéndoos nas aldeas con sirenas, música e altofalantes desde a furgoneta. Un veciño fotografouna sen máscara en plena faena.

Ao seu regreso, a Garda Civil parou o vehículo e denunciouna. Nas redes chovéronlle memes por semellante exercicio de populismo imprudente, e o caso chegou ao Parlamento de Galicia e tamén ao Congreso dos Deputados, onde o portavoz do BNG, Néstor Rego, se interesou polo caso en dúas preguntas escritas ao Goberno. O Executivo respondeu á primeira en xuño do 2020, afirmando que, efectivamente, tiña incoado expediente sancionador a Macía. Á segunda, en xullo, contestou máis ou menos o mesmo. Ata hoxe non houbo noticia de resolución algunha.

«Non teño nin idea de en que quedou todo iso», afirma a rexedora. «A min non me informaron de nada», sostén.

O que podería soar a chirigota, para a oposición de Vilariño é «unha mostra clara do despotismo do que fai gala a alcaldesa». «Crese intocable», asegura Esther Alonso, portavoz de Aivic no Concello, quen lembra que «non celebrou un só pleno ordinario no último ano». «Non podemos nin sequera fiscalizar a súa xestión, como nos corresponde», asegura, sobre o uso dos 1,6 milllones de orzamento anual.

Macía deféndese e subliña que «ningún alcalde de Vilariño promoveu tantos servizos sociais e axudou a tanta xente» como ela, e que se non convocou plenos é porque non puido, porque a secretaria titular do Concello está de baixa desde abril do ano pasado. O certo é que a chegada da suplente que enviou a Deputación de Ourense, gobernada por Manuel Baltar, tampouco fixo que se renovase a periodicidade dos plenos. Segundo a oposición, a rexedora convocou o último, de carácter extraordinario, na tarde do 28 de decembro, para celebralo o 29 pola mañá e poder aprobar o envío da rendición de contas municipais ao Consello de Contas de Galicia.

Concello de Vilariño de Conso / Foto: Street View.

Entre as irregularidades que sinala a oposición, Alonso considera «inaudito» que o Concello adxudicase ao marido da alcaldesa a vivenda de propiedade municipal, a uns 500 metros da sede consistorial, na que ambos residen en réxime de alugueiro desde o 2020, que foi amoblada con fondos do Concello e pola que pagan pouco máis de cen euros ao mes. O  Concello adxudicoulla ao matrimonio sen que ninguén máis optase a ela, e a rexedora asegura que cumpriu a lei ao absterse de participar no concurso, cuxa decisión final delegou no seu tenente de alcalde.

A xestión de Macía tamén chegou aos xulgados, despois de que a alcaldesa se querellara contra unha muller á que acusa de inxuriala e de calumnial nas redes sociais. Os críticos, por contra, explican que a muller, nai solteira e en paro, tivo que abandonar o pobo despois de soportar ameazas e insultos no que Esther Alonso describe como «un caso de acoso institucional continuado».

O día en que se celebrou o acto de conciliación previo ao xuízo con esa persoa, Maciá non se presentou, pero enviou a súa avogada. Tamén acudiu desde Ourense un fiscal, un feito insólito se se ten en conta que, segundo fontes xudiciais, os acusadores públicos teñen verdadeiros problemas para cubrir todos os xuízos que se celebran en Galicia por delitos graves. Cantos máis se se trata de asistir a un mero acto de conciliación nun xulgado de paz, por un caso de supostas inxurias vertidas en Facebook nunha localidade a máis de tres horas en coche, ida e volta, da capital provincial.

«A xente ten medo. Levarte mal co Partido Popular neste pobo supón unha presión social tremenda. E se a resistencia é proactiva, entón a presión é institucional e xudicial», sostén Alonso.

De novo, a alcaldesa deféndese e asegura que está farta de que a insulten e a calumnien. Mesmo por vivir por cen euros nunha propiedade do Concello. «Non cometín ningún delito, todo é legal. Son vivendas para novos, teño 32 anos, o meu marido 35, temos un fillo e xurdiu a oportunidade», explica. «Que quede claro que non lle quito a vivenda a ninguén, porque o Concello ten outros tres pisos sociais», engade.

Baltar e Melisa Macía / Foto: Deputación de Ourense.

No último cuarto de século, Vilariño perdeu o 40% da súa poboación, un 8% desde que Macía é alcaldesa. No pobo hai case dez veces máis persoas maiores de 65 anos que menores de dezaseis. E quen a critica pregúntase por que escorrenta da localidade a quen se instala nela.

Así o fai E. N., socio dunha empresa do sector do turismo de aventura que decidiu facerse coa xestión do albergue municipal, o único aloxamento hostaleiro co que conta Vilariño, e quen prefire aparecer con iniciais neste artigo. «Desde o primeiro momento démonos conta de que non lles interesaba que funcionase. Pero polo menos pensabamos que nos ían a deixar traballar. Non foi así», lamenta o empresario, que abandonou o seu proxecto hai tres meses.

E. N. explica que os seus problemas coa alcaldesa comezaron cando acudiron ao concurso para xestionar campamentos infantís de verán da Xunta: «Decatouse e díxonos que diso nada, que os campamentos os organizaba ela». Cando a emerxencia sanitaria obrigou a pechar o albergue, a empresa pediu ao Concello que suspendese o pago do canon de contrata do albergue -3.600 euros anuais-, pero Macía negouse.

A perda do poder local que sufriu o PP de Feijóo nas grandes cidades e nas deputacións ten a súa excepción no organismo provincial de Ourense, que preside Manuel Baltar. Fillo, por certo, do anterior presidente, o que captou ao predecesor de Macía na Alcaldía de Vilariño para que se pasase do PSOE ao PP.

Os deputados provinciais elíxense polo número de edís de cada partido, e Baltar sostense na Deputación por unha escuálida maioría, que pode poñer en perigo calquera movemento nos municipios pequenos, como Vilariño de Conso, onde hai case dous concelleiros por cada cen habitantes -na Coruña son un por cada 9.000-. E hai fontes de entre os propios populares que advirten de que se Baltar cae e esa rede do PP profundo empeza a tremer, a lenda que describe a Feijóo como imbatible adaíl das maiorías absolutas tamén pode cambalearse.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail