Podemos falar de Compostela?

  Na política galega hai un enorme tabú. Unha cuestión que non se trata, que en caso de abrirse paso sácase da axenda con proclamas patrióticas de esmagadora simpleza. Está consolidado este fenómeno ata o punto de que, para evitar o tema, o progresismo leva décadas aceptando un marco cultural conservador que non lle convén. Un erro rectificable. Tempo hai. Triste país seríamos se non podemos ter un debate adulto.

Aínda que sexa algo inxusto, ao tabú podemos poñerlle nome de cidade, de queridísima cidade. Chámase Santiago de Compostela. Tanto pensar sobre o auto-goberno de Galicia en relación a España quizais impediu facelo a fondo sobre como nos organizamos entre nós. E así, seica non se debe falar de cal é o papel que xogou e xoga a instituída capital. Hai quen considera pecado de malgalicio adoptar un discurso crítico coa política de concentración da galeguidade que alí se configurou nos últimos 40 anos. Tabú, dogma, santificación, conservadorismo. No entanto, as costuras ás veces rachan. Hai pouco, foi o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín o que denunciou o centralismo compostelán, pedindo ademais a capitalidade para Vigo. Sumouse isto a algunha recente discusión nas redes sociais, entre as que apenas entran os chíos sobre o tema deste autor, de limitada influencia. Eppur si muove.

E se resulta que construír un autogoberno tradicionalista e hiperconcentrado en Compostela foi mala idea? Correspóndese esa decisión coa realidade dun país que non conta cunha Barcelona? E non será que ese marco cultural conservador anima ás constantes vitorias do PP? Houbo algunha vez unha proposta institucional para Galicia que non deixara demasiado de costas ás dúas grandes cidades? (Talvez o tripartito). E se os fenómenos políticos protagonizados por Francisco Vázquez primeiro e Abel Caballero despois simplemente aproveitaron o espazo que lle habilitou unha coalición transversal -desde AP á UPG- que deixou A Coruña e Vigo nun segundo termo e apostou por un centralismo de perfil esencialista, que non conecta con amplas capas urbanas, sobre todo as de esquerda. Por que as festividades cívicas do 25 de Xullo, Día Nacional de Galicia, non teñen nunca como punto central Castrelos ou María Pita?

Só fai falta mirar os diarios, nos que un corte de auga en Santiago considérase noticia para a sección de Galicia, pero se o mesmo ocorre na Coruña ou Lugo queda para o caderno local. Só fai falta fixarse en cales son os dous grandes emblemas creados pola autonomía nestas catro décadas: Gaiás e Xacobeo, con epicentro onde sabemos, onde tamén están o 80% dos recursos da Xunta. Por que non se tratan como cuestión nacional infraestruturas tan relevantes para a nosa economía como o Porto Exterior da Coruña (pecado orixinal á parte), ou organismos tan decisivos como a Zona Franca de Vigo? Cal é a razón para que unha iniciativa de futuro como a Cidade das TIC na Coruña sexa descoñecida no país, algo que de seguro non pasaría se estivese situada en San Lázaro no canto de Pedralonga. Debe a Galicia de 2022 resignarse a esa imaxe de moitos peregrinos e bos agraristas que tanto gusta na Xunta? Son preguntas que hai que responder, que atinxen a todo o territorio pero moi especialmente ás dúas grandes cidades, cuxo rico e galeguísimo imaxinario téimase en expulsar da narración oficial da comunidade, na que ata amplos sectores da esquerda aceptaron ter máis coñecemento histórico sobre ßPedrayo que sobre os anarquistas que facían soar as bucinas dos seus barcos en xullo de 1936 para combater o fascismo.

A alternativa ao PP xógase moitísimo nisto. Os datos comparativos entre as eleccións galegas de 2020 e as estatais de 2019 deixan conclusións ben representativas sobre a potencia da abstención de esquerdas nos ámbitos urbanos, sobre todo en Vigo e A Coruña: só neses termos municipais uns 45.000 votantes progresistas quedaron na casa nas autonómicas, (para situar, eses abandonos duplican aos votos rexistrados polas esquerdas en Santiago, onde a perda foi escasa). Cousa dos candidatos? Non parece. Ana Pontón obtivo un rexistro histórico para o BNG (cun discurso nada tradicionalista), namentres que –sen entrar noutros evidentes erros- tanto o socialista Gonzalo Caballerocomo Antón Gómez Reino, de Galicia en Común, viñan das dúas grandes cidades, de Vigo e A Coruña respectivamente. En efecto, todo apunta ao marco político-cultural, a que hai milleiros de persoas con voto de esquerda nas grandes urbes que teñen a sensación de que as autonómicas non van con eles, que non atinxen á súa vida, que deciden cousas que poden interesar, por exemplo, en Santiago ou Burela, non nas súas cidades de residencia. Non é certo, pero callou. Marco cultural conservador, insisto.

Cal é a solución a isto que propoñen demasiadas persoas que se din progresistas? O desprezo individualizado. Que se «malditos localistas», que se «peste españolista». Bravo. Moi maduro. E sempre partindo dunha premisa ridícula, a de que certas identidades urbanas son incompatibles co galeguismo. Ou mellor dito, que ser tamén coruñesista, viguista, (mesmo ourensanista) supón alta traizón aos valores propios, ao reino medieval, ao apóstolo e incluso a galeguistas históricos, a pesar de que entre eles xa tiñan este debate. Que o localismo foi ferramenta de elites contrarias ao auto-goberno? Xa o sei, vaia se o sei. Que deixaron terra queimada para este debate? Si. Pero ten moito de infantilismo esquecer a estas alturas que milleiros das persoas que se manifestaron en 1982 pola capitalidade da Coruña eran as mesmas que o fixeran masivamente os 4 de decembro de 1977 e 1979 por unha autonomía nacional.

Estou falando do debate da capitalidade? Igual un pouco, pero xa non ten moito sentido poñer o foco aí. Refírome a algo novo, a repensar Galicia asumindo, como di Antón Baamonde, que xa non somos un país pobre e rural e que os vectores de progreso están onde están: máis do 40% de nós vivimos nos eixes urbanos Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo (e a maioría temos raíces e conciencia fóra deles). Pero, é isto unha apoloxía urbanita? Para nada, oxalá deixáramos de chamarlle rural ao que non é ou se prohibise decidir sobre o que si o é desde a chaisse longue da AP-9. Estou criticando a Santiago? Tampouco, hai que ser moi parvo para non admirar esa cidade ou para non ver que seguro que a Compostela que ten como símbolos o Banquete de Conxo, as Marías ou os estudantes do 68 sería tamén beneficiada, ao librarse da atadura rancia e/ou turística que lle outorgou o modelo hexemónico de auto-goberno. De que estou falando? De desconcentración, de descentralización se queremos chamarlle así, de que Galicia non pode vivir de costas ás súas dúas grandes cidades, que non pode minusvaloralas ao crear relato común; de que o total dominio do PP no auto-goberno non se pode entender sen o marco cultural conservador que atopou onde o apóstolo. Desconcentrar non é sinónimo de maxia, pero hai razóns para pensar que, por exemplo, unha Consellería de Cultura situada na Coruña nunca avalaría tan gratuitamente a espantosa mímese entre Cultura e Xacobeo. Ou que se nos queixamos de que unha cidade sen mar como Madrid acolle as institucións marítimas estatais tamén ten sentido que a Consellería de Pesca estea en Vigo, co salitre nos pés.

E agora chámenme «localista» ou o que gusten. Pero eu pensaba que ser, como mínimo, progresista e galeguista supoñía estar moi presente onde máis progreso e galegos hai. Non é quitarlle a ninguén senón completar. Apostar por todas as Galicias.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail