A carpeta de Pontón

O pasado mércores iniciábase no Parlamento de Galicia un dos debates –xunto co dos orzamentos– que tradicionalmente consideramos de gran calado político: o do estado da Nación. Unha oportunidade tanto para o goberno como para a oposición de salvar o día a día da política e facer tanto unha reflexión crítica (e autocrítica) sobre o pasado como unha proxección propositiva cara o futuro do País. É tamén ocasión para escenificar talantes e talentos dramáticos das e dos líderes parlamentares do momento xa que ese é un dos eixos sobre os que xira a posteriori a análise que os medios fan (facemos) do que alí pasou. Especialmente sucede nos novos medios de comunicación -antes denominados redes sociais-, nos que se analiza cada xesto que se poida converter en meme e cada frase que se poida reinterpretar en clave bronca-reality.

Dende este punto de vista do espectáculo ou da escenificación, houbo dúas partes marcadas -como adoita pasar nas quincenais preguntas ao presidente dos plenos- sobre todo polo talante e a oratoria do noso Alberto. Na súa primeira intervención, Feijóo leu o documento que estivo a preparar durante días co equipo que o asesora ­–o que lle impediu, por certo, acompañar aos seus no desfile militar de Madrid do 12O– mais, sinceramente, non lle prestou o esforzo. Logo de tantos anos, canto lle costa ler en galego! Nótaselle incómodo, como se estivera desexando pasarse ao español que é o seu: xa o fai decote nas roldas de prensa e vaia fluidez e sotaque madrileño que lle sae!

O presidente da Xunta, Alberto Nœ–úñez Feij—oo, no Debate anual sobre a situaci—ón pol’ítica de Galicia. Foto PPdG

Sobre o contido da primeira lectura, temos a parte de reflexión «crítica»: A Xunta todo o fixo ben, e o que non vai ben “¿Piove? ¡Porco Governo!” é culpa de Sánchez ou ­–un clásico– do Bipartito. Nada novo baixo o sol. E na parte propositiva unha mestura dos dous lemas principais das últimas campañas: «Galicia! Galicia! Galicia!» e «Facer máis con menos». Así parece conseguir a cuadratura do círculo en política: baixar impostos, mellorar servizos e prestacións e infraestruturas. Logo de 12 anos coa mesma ladaíña, xa sabemos que os impostos que baixa son irrelevantes economicamente, que os servizos non van mellorar porque meta máis cartos en externalizacións, e que as infraestruturas non funcionan sen xente.

Dúas das propostas poden ser exemplo do nivel de populismo do discurso do noso Alberto. Unha, o plan de saúde mental. Algo tan necesario e específico, que leva anos a ser reclamado sen resposta da Xunta polas plataformas sanitarias e os partidos da oposición dende que Feijóo paralizou o que estaba en marcha en 2009. De ser verdade este cambio anunciado e realmente o tema pasa a tratarse en serio, creo que a poboación galega teremos unha débeda con Anxo Lugilde e A vella compañeira e coa súa teimosía xornalística de non deixar pasar unha e contribuír a poñer a saúde mental na axenda política. Tamén na axenda do «moderadísimo».

Outra proposta populista moi do estilo «feijoniano» é a anunciada gratuidade universal das «garderías» ou escolas infantís de 0-3 anos. A medida ten «algo» de trampa: nin gratuíta nin universal. Non é universal xa que se refire ás prazas existentes (menos de 25.000), pero non propón ampliación ningunha de prazas públicas que é o gran problema na actualidade, xa que temos máis de 88.000 criaturas de 0-3 anos en Galicia, das que máis de 2/3 non teñen praza nin a terán polo que parece. Tampouco é gratuidade, xa que non inclúe transporte nin comedor, de maneira que estamos subvencionando a escolaridade de quen xa ten praza e pode pagar o transporte e o comedor, e deixamos fora a quen non ten praza ou non ten recursos para eses dous servizos. Trátase dunha destas medidas supostamente sociais que realmente producen un aumento de gasto público e ao tempo das inequidades e a exclusión.

Foto PPdG

Pero volvendo ao tema do talante e o talento. Onde vemos a capacidade de improvisar, de reaccionar con enxeño (ou non), de debater sen guionizar por spin doctors, é nas quendas de respostas. Claro que algo preparadas e previstas estarán, que xa se coñecen, e mediatizadas tamén pola experiencia de quen debate. Pero é o momento de entrever a capacidade e a natureza humana detrás da máscara ensaiada. O momento de verdadeiramente lucirse. Ou non.

É nesta parte do debate onde a maquillaxe coidadosamente preparada de Feijóo sempre se derrama para mostrarnos unha faciana chulesca e faltona. A que sae en cada sesión plenaria a relucir cando «resposta» a oposición. Temas que non veñen a conto, burlas sobre as súas persoas ou organizacións, mentiras e rumores sobre as vidas persoais…

Ana Pontón, na súa intervención no pleno. Foto BNG

Nesta ocasión, cando lle reclama a Pontón que confese que fotos pegaba na súa carpeta escolar –el falando de fotos!– como se fora algo politicamente vital, estilo reality, con xesto esaxeradamente desencaixado, o ridículo que fai é demoledor. Que saiba toda Galicia que Ana Pontón está incapacitada para gobernar este País porque se rumorea algo gravísimo sobre as fotos que levaba de nena na carpeta da escola. Como manobra de distracción para que non se fale das propostas do BNG senón do forro da carpeta, funciona? Aí a Pontón estivo moi ben: máis que dos forros (da carpeta) haise que preocupar dos (amigos) que se forran.

A xente de Madrid que o defende como exemplo da moderación, non ve estes episodios? Tamén é certo que xunto ó equipo de maquillaxe, conta cunha importante vasoira mediática que limpa calquera resto de merda e o manda rápido ao almacén de banalidades. En tres días, nin rastro da carpeta de Pontón, xa veredes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail