S02E03: Colonización

O día 12 de outubro celébrase no Estado Español o chamado Día da Hispanidade. Co gallo desta efeméride en que nós non temos nada que celebrar, rememoramos o famoso «¿Por qué no te callas?» do rei emérito, as xoias de Aznar e Casado celebrando a hispanidade fronte ao «indixenismo» ou o orgullo de Almeida pola colonización de América.
Neste episodio cruzamos virtualmente o Atlántico para falarmos coa Karina Espinoza, historiadora costarriqueña que actualmente reside no México e é unha das neofalantes máis queridas da comunidade galituiteira. Coñecemos a perspectiva con que se aborda este período histórico nas escolas de Costa Rica e como se senten as persoas de Hispanoamérica respecto da conmemoración desta data.
Fixemos especial fincapé na importancia do vocabulario empregado para narrar estes sucesos históricos, pois as palabras poden determinar a nosa percepción dos feitos. Por que se utiliza o termo «invasión» para referirse á chegada dos árabes á Península ao mesmo tempo que se emprega a palabra «descubrimento» para falar da colonización de América?
Karina informounos tamén sobre a marxinación que sofren as comunidades indíxenas do seu país, así como da realidade lingüística en Costa Rica e no México, onde a presenza das linguas nativas en ámbitos coma a sanidade ou a educación universitaria é practicamente nula.
Por outra banda, debatimos sobre diversos temas: a figura do «salvador branco», a retirada da simboloxía de Colón e doutros conquistadores, a imposición dos estándares de beleza europeos e a necesidade de atopar unha representación propia en series, películas, publicidade e mesmo nos xoguetes das crianzas.

As Womansplainers S02E03: Colonización

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail