Os defensores dos acusados de matar a Samuel, dous penalistas expertos en casos mediáticos

Ramón Sierra foi avogado do asasino de Diana Quer e Luís Salgado defendeu o do inmigrante romanés do crime de A Esmorga.

A Coruña.- Os avogados que defenderán os acusados da morte de Samuel Luiz son dous experimentados criminalistas galegos, expertos en casos tan complicados e mediáticos, como o do enfermeiro coruñés ao que unha manda linchou fai catro semanas a puñadas e patadas entre insultos homófobos.

Trátase de Ramón Sierra Sánchez, un prestixioso penalista coruñés con lustros de experiencia ás súas costas e que se fixo máis coñecido aínda por ter como cliente o asasino de Diana Quer; e de Luís Salgado Carbajales, socio desde hai máis de vinte anos dun despacho de Ourense especializado en dereito penal e quen tamén exerceu a defensa de acusados de crimes con gran repercusión social, como o de A Esmorga e o de El Álamo.

Ambos os avogados deberán enfrontarse a un proceso longo e complicado que acabará nun xuízo con xurado, o que adoita enrevesar aínda máis os casos con transcendencia mediática. E tamén deberán facer fronte ao vórtice das noticias falsas que os vinculan persoalmente cunha suposta carga ideolóxica ultra, que as redes sociais teñen rebotado sen contraste nin pudor ningún. A última fake montouse ao redor dun chío en Twitter que relacionaba as familias dos detidos co Opus Dei, e aos seus letrados con organizacións de extrema dereita como Abogados Cristianos e Hazte Oír.

Luís Salgado confésase «arrepiado» pola morte de Samuel e pola forma na que morreu. «Eu tamén teño sentimentos, teño fillos e teño a miña opinión sobre as cousas, pero a miña opinión resérvoma para o meu ámbito íntimo e familiar», afirma . Defende que a súa tarefa como avogado, coma o do resto de xuristas que participan no asunto, é contribuír «a que se esclareza a verdade» sobre o sucedido a noite do sábado 3 de xullo na Avenida de Bos Aires da Coruña.

O asunto segue baixo secreto de sumario no Xulgado de Instrución número 8 da Coruña case un mes despois da morte de Samuel, o que chama a atención tendo en conta que o suceso foi gravado por varias cámaras da policía local e por teléfonos móbiles de particulares, e que decenas de testemuñas o presenciaron e contaron a súa versión á xuíza.

Esta levantou o secreto o pasado 14 de xullo, pero a Audiencia Provincial da Coruña estimou seis días despois o recurso do fiscal pedindo que se prolongase. Segundo algunhas fontes, podería deberse a que a investigación aínda non puido achar indicios probatorios para acusar o resto de implicados nin desvelar aínda o grao exacto de participación de cada un deles na morte do rapaz.

Fotografías, mensaxes e peluches no lugar onde morreu Samuel, o pasado martes na Avenida de Bos Aires da Coruña / J.O.

A Samuel Luiz matárono a golpes despois de que un dos acusados lle chamara «maricón» e lle pegara unha primeira puñada ao crer que o estaba gravando cando facía unha videochamada. Só o socorreron dous inmigrantes senegaleses, que non puideron evitar que os amigos do primeiro agresor acabasen coa súa vida minutos despois tras unha malleira multitudinaria con máis insultos homófobos.

As cámaras mostran que polo menos doce persoas golpearon e perseguiron a Samuel. Pero ata o de agora só hai seis detidos: tres homes ingresados en prisión provisional, dous menores internados nun centro e unha muller en liberdade condicionada. Nun principio a policía descartou que a suposta motivación homófoba do crime figurase entre as súas liñas de investigación, o que motivou, en plena semana do Orgullo, unha onda de indignación social. Os seus amigos si aseguraron aos medios que Samuel morreu mentres o insultaban. LuzesPúblico puido saber que nas primeiras declaracións diante da propia policía e da xuíza ao pouco da morte do mozo ninguén fixo alusión a ese extremo.

Quizais non llo preguntaron, ou quizais é que as testemuñas estaban en shock. Pero deseguido empezaron a levantarse os rumores que relacionaban aos agresores e aos seus avogados e mesmo aos investigadores coa extrema dereita, máis aló de que o discurso de Vox e as súas organizacións satélites si poida considerarse o caldo de cultivo da violencia machista e homófoba.

Luís Salgado desmente calquera vinculación coas organizacións coas que se lle relacionou en Twitter, e engade que non tería inconveniente ningún en recoñecelo se fose ao contrario. «Se me chamase a familia da vítima, tamén asumiría o caso coa mesma dedicación», engade. E insiste en que o dereito á defensa é esencial nun sistema democrático e de Dereito, por moi lacerantes e condenables que poidan ser os feitos que se imputan aos investigados.

O letrado está afeito á prensa, pois hai sete anos defendeu a un dos acusados da morte de Alexandru Walter, un inmigrante romanés que morreu afogado no Carballiño (Ourense) despois doutra malleira e de que o lanzasen ao río malferido. A prensa o chamou «o crime de A Esmorga», polas similitudes coa novela dese título de Eduardo Blanco Amor que Gonzalo Suárez e Ignacio Vilar llevaron ao cinema en 1977 e 2014, respectivamente.

Salgado tamén levou casos de corrupción policial relacionada co narcotráfico e é o defensor do único encarcerado polo dobre homicidio de El Álamo, a localidade madrileña onde unha liorta entre dúas familias de feirantes que asistían a unha pedida de man terminou con dúas persoas mortas e unha ferida de gravidade. Ese asunto tamén está pendente de xuízo, que, como o de A Esmorga, celebrarase con xurado.

Un dos chíos que relacionan en Twitter os avogados e familias dos acusados con organizacións de ultradereita.

Non hai nada que vincule cos ultras aos detidos pola morte de Samuel, os seus avogados ou a investigación. Pero ao día seguinte varias persoas achegáronse a comisaría para insultar os detidos e tamén os seus defensores. A Ramón Sierra mesmo o increparon por exercer a defensa dun deles. Coma se por ser detidos por un crime homófobo –e iso, en calquera caso, terá que establecelo un xuíz– os acusados non tivesen dereito ao mellor avogado que poidan atopar, e coma se o avogado non debese facer o seu traballo.

Sierra asegurou que o seu cliente é inocente. LuzesPúblico tentou contactar con el para coñecer a súa opinión sobre o asunto, ata o momento sen éxito. A través doutros avogados da Coruña si puido saber que se trata dun experto en dereito penal de recoñecido prestixio no mundo xudicial e especializado en casos moi complicados. Foi o avogado de José Enrique Abuín, O Chicle, asasino de Diana Quer, ata que deixou a seu defensa ao considerar que o seu cliente o enganaba. Tamén defendeu condenados por violencia de xénero e policías e empresarios implicados en casos de corrupción.

«Ramón é un dos mellores penalistas que coñezo, e o seu traballo consiste en defender a acusados de crimes con enorme relevancia penal. Relacionalo cunha ideoloxía coma se fose a súa motivación para defender a un dos acusados da morte de Samuel é unha sandez», di un compañeiro seu.

Tamén parece selo relacionar as familias dos detidos co Opus Dei. LuzesPúblico non atopou nin un só indicio contrastado desa vinculación, e nun dos casos, fontes próximas a unha desas familias desménteno categoricamente. Tampouco a hai na investigación do caso. A fake nútrese quizais dunha circunstancia probablemente casual: o xefe da brigada da Policía Xudicial da Coruña, Pedro Agudo, foi xefe do Gabinete de Ignacio Cosidó, director xeral da Policía e un dos rostros do Opus Dei máis influíntes de España en tempos do ministro do Interior Jorge Fernández Díaz, militante tamén desa organización relixiosa.

Luís Salgado afirma que non sabe nada da instrución do caso de Samuel, nin sequera de que se acusa exactamente ao seu defendido, porque o sumario segue sendo secreto, o que significa que ningunha das partes ten acceso a el. É dicir, ás probas e testemuños que incriminarían o seu cliente E iso, di, cáusalle indefensión, «evidentemente». Pero tampouco cre que o feito de que os acusados conten con bos avogados vaia a servir para libralos da pena que merecen se son culpables e declarados así pola xustiza, nin que el e Sierra vaian poñerllo máis difícil á Fiscalía e á acusación particular para obter ese veredicto que calquera outro letrado que exerza a súa profesión como debe.

«Quen o pon fácil ou difícil é a verdade», subliña. E explica que ser un mal avogado non libra o sistema xudicial da obrigación de demostrar a culpabilidade do reo, o que non poderá facer se é inocente. E que dá igual que sexas o mellor avogado se o teu cliente é culpable, máis aínda se hai cámaras que gravaron o crime e testemuñas que o presenciaron.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail