Os milagres de Herr Wunder

Moitas veces as repeticións non teñen sentido, pero axúdannos a entender e resolver algunhas cousas. Hai uns días lin que o Estado español levaba décadas pagándolles un salario, en forma de subvencións, a uns monxes do Valle de los Caídos, cuxo traballo aparente é acender candeas e orar pola alma do ditador, que arruinou o futuro de tantísimos españois. Durante anos, uns beneditinos rezaban carísimas oracións ao bo cristián fascista, mentres outros curas posiblemente especulaban en diversos negocios para triplicar os diñeiros que, ata hai nada, lles regalaba o Goberno. Beneficios que, se a historia se repite, acabarán nas arcas da extrema dereita, ou sexa VOX.

Este asunto da Igrexa católica e o Estado español é un bucle de despropósitos. A Igrexa española é unha sambesuga vestidiña de domingo, que non cansa de repetir o mesmo rosario de vilanías. Ten todo o dereito, a condición de que non reciba apoio financeiro do Goberno. Nunha democracia real a igrexa dedícase a dar as súas misas e bendicir fascistas, e o Goberno a gobernar. Pero España é diferente. É grotesca, é absurda e por iso é tan difícil non querela. A sorte desta institución relixiosa que parece formar parte do ADN do país, que aplaude o franquismo, o odio e que leva chupando do Estado durante séculos, é que non se topou cunha cirurxiá escéptica de escalpelo afiado, que nola ampute dun tallo e a separe do Goberno para sempre (ía escribir cirurxián, pero non coñezo a ningún home cirurxián e si a unha muller que o é).

A mención da miña amiga cirurxiá tráeme á memoria unha das historias que me contou cando ela facía prácticas nunha sala de urxencias. Por unha tempada, case cada mes, ingresaban a un suicida, un borracho cristián ao que alcumaron Herr Wunder, porque o tipo insistía en abrirse as veas de mala maneira (literalmente) e a súa persistencia era tan asombrosa como a súa boa sorte. Ao principio a miña amiga, nacida na DDR, socialista convencida, cuxo único Deus era a penicilina, atendíao escoitando as súas desculpas, resolucións e agradecementos a Xesucristo, coséndolle as bonecas cun fío cuberto de empatía e serenidade. Tras meses de remendalo farta de oílo agradecéndolle outro milagre ao Señor, mentres ela estaba sentada ao seu lado salvándoo, a miña amiga comezou a perder a paciencia coas imprudencias daquel milagreiro. Un domingo de madrugada antes da pandemia, coa sala de urxencias chea ata arriba, ingresaron de novo ao vello Herr Wunder. Esta vez mentres lle cosía o desaguisado, silenciando a súa verborrea alcolizada, a miña amiga explicoulle puntillosamente, repetíndollo paso por paso, como tiña que cortars as veas se realmente quería ter éxito. Foi a última vez que o viron.

*A foto da apertura é de Stefan Kunze (Unsplash).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail