A xustiza ameaza o gran proxecto urbanístico do Celta de Mouriño

A xuíz tomba as licenzas do proxecto que o club do empresario galego-mexicano levanta en Mos, e cuxa primeira fase inaugurou Feijóo o pasado novembro.

O Real Club Celta de Vigo, o principal club de fútbol de Galicia tras a caída do Deportivo aos infernos da Segunda B, tense enmarañado nun proceso xudicial que ameaza con eternizar nos xulgados: a construción do proxecto estrela do seu presidente, Carlos Mouriño. Trátase da inmensa Cidade Deportiva Afouteza, con tres campos de fútbol, un edificio de 2.000 metros cadrados de superficie para instalacións recreativas e deportivas, e un macrocentro comercial doutros 180.000 metros cadrados, o equivalente a case trinta veces a superficie do Estadio de Balaídos.

O proxecto planeouse sobre terreos cualificados como solo rústico de especial protección forestal e son propiedade de particulares e dunha comunidade de montes, e requiriu unha modificación parcial do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Mos, o municipio pegado a Vigo no que se sitúan esas terras e que está gobernado por Nidia Arévalo, do Partido Popular.

A primeira fase da Cidade Deportiva foi inaugurada hai sete meses polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen aproveitou o acto para defender a capacidade dos galegos para fortalecerse e enfrontar a crise económica derivada da epidemia de Covid-19  coa «afouteza» –«ousadía» ou «audacia», segundo a Real Academia Galega– que os caracteriza. Pero a loita dos comuneiros e dos veciños que se opoñen a que lles expropien para instalar nas súas terras a Cidade Deportiva do Celta poñen en dúbida a verdadeira afouteza do proxecto.

O pasado 14 de xuño, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra estimou o recurso que interpuxo a Comunidade de Montes Veciñais en man común de Tameiga e anulou a licenza de obras outorgada polo Concello para a construción dos vestiarios e instalacións auxiliares da Cidade Deportiva. Ademais, ordenou ao Concello que revise a licenza de construción de dous dos campos de adestramento de máis de 16.000 metros cadrados de superficie, e dun aparcamento anexo de 5.500 metros cadrados.

Obras nun dos campos de entreno de Afouteza / Foto: RC Celta.

A xuíza considera que as obras se executaron «nuns termos alleos aos que esixiría a normativa urbanística de aplicación» -a Lei do Solo de Galicia- e incumprindo a obrigación do Concello de redactar e aprobar previamente «un Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas». O que se prevé en Mos, alega a sentenza, non é só un campo de adestramento coas súas duchas e os seus vestiarios, senón algo de moito máis calado que require unha prevención urbanística moito máis garantista, e que non pode realizarse ás partes para que resulte máis fácil licencialas a nivel municipal.

«Esta sentenza vén demostrar que os veciños afectados por esta operación especulativa tiñan razón. O sentido común e a xustiza puxeron as cousas no seu lugar», di Román Rodríguez, concelleiro de Podemos en Mos. A súa formación presentou no Congreso unha pregunta dirixida ao Ministerio de Fomento, lembrando que tanto ese departamento como o Ministerio de Transición Ecolóxica e Aeroportos Españois e Navegación Aérea informaron desfavorablemente sobre o proxecto, que afecta ao gasoduto Vilalba-Tui, que atravesa a zona, así como á distribución de electricidade e á traída que abastece a Mos de auga potable. Ademais, está na área de influencia do aeroporto de Peinador, apenas a seis quilómetros de distancia.

«A expropiación forzosa e a recualificación deses terreos só reporta beneficios aos promotores do proxecto, é dicir aos grupos empresariais e investidores propietarios do Celta de Vigo, sen ningunha repercusión positiva sobre a mellora da calidade de vida da veciñanza de Mos nin na mellora dos servizos» da localidade, alegan.

Fontes da oposición ao proxecto apuntan que detrás da construción de Afouteza estaría a intención do propietario do Celta de capitalizar o club para facilitar a súa venda a un investidor estranxeiro.

Imaxe dos edificios xa rematados en Afouteza / Foto: RC Celta

O Celta é propiedade de Carlos Mouriño, un galego emigrado a México propietario do Grupo Económico do Sueste, que levantou case da nada comprando unha pequena cadea de gasolineiras a principios dos anos oitenta do século pasado e que converteu nun emporio da distribución de combustibles que lle permitiu expandir as súas actividades con investimentos en hoteis, grupos financeiros e cadeas de alimentación.

Mouriño fíxose co Celta no 2006, o mesmo ano en que o seu fillo Juan Camilo era nomeado Xefe da Oficina do entón recentemente elixido presidente de México, Juan Carlos Calderón. Juan Camilo chegaría dous anos despois a secretario de Gobernación -ministro do Interior-, pero a súa brillante e meteórica carreira política rematou cando o seu avión caeu, con outras trece persoas a bordo. Un accidente que o comité que se encargou de investigalo atribuíu a fallos humanos do piloto e dos controladores. Varios medios mexicanos, con todo, relacionaron a derriba do aeroplano coa intención dos cárteles do narcotráfico de asesinar ao fillo de Mouriño e aos responsables da loita antidrogas que viaxaban con el.

Luzes-Público tentou falar cun portavoz do Celta para aclarar se a intención de Carlos Mouriño é capitalizar o club coa construción da cidade deportiva de Mos para poder vendelo en mellores condicións, pero o Celta remitiuse ao comunicado que fixo público tras a sentenza no que sinala que «acata e respecta» a decisión xudicial e no que afirma a súa convicción de que «actuou e seguirá actuando ata lograr a totalidade do proxecto en Afouteza, respectando co máximo rigor a legalidade vixente». Malia atoparse en zona de chan rústico, sinalan os servizos de comunicación do Celta, as obras son, ao seu xuízo, «totalmente compatibles e autorizables urbanisticamente».

Pola súa banda, o Concello de Mos indica que vai recorrer a sentenza, que as reticencias da xuíza débense tan só a unha «cuestión de forma», e que se mantén «firme» no seu argumento de que as obras pódense aprobar mediante unha licenza municipal. Ademais, asegura que xa ten «moi avanzado» e á espera de tan só dous informes técnicos o Plan Especial que reclama a maxistrada.

Mentres tanto, Podemos reclama a dimisión da alcaldesa «por criminalizar» aos veciños que se opoñen ao proxecto e anima a aqueles que no seu día chegaron a un acordo co Celta para vender as súas propiedades «para pedirlle explicacións» ao Concello «por promover e permitir a construción de algo ilegal».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail