«A Televisión de Galicia non é un sitio seguro para as persoas LGTBI»

A historia que vas ler é dura, pero paga a pena. Fito Ferreiro (A Coruña, 1962) é reporteiro gráfico da Televisión de Galicia e sempre estivo vinculado á defensa dos dereitos civís e dos traballadores, ata hai quince anos desde o lado menos visible da noticia. Ese que sempre está detrás das cámaras. Pero no 2005, cando se aprobou a lei que recoñeceu o dereito de toda persoa a casar con quen queira, sexa do sexo que sexa, decidiu poñerse baixo os focos e significarse en defensa dos dereitos do colectivo de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI). Desde entón, asegura, a dirección do ente público autonómico que manexa o Goberno de Alberto Núñez Feijóo púxoo no punto de mira e amoloulle a vida.

Ferreiro, que foi concelleiro no Concello da Coruña polo PSOE, denunciou á TVG por vulnerar os seus dereitos fundamentais. Alega que o acantoaron pola súa condición sexual, pola súa actividade sindical e pola súa adscrición política, que arruinaron a súa carreira profesional e que puxeron en perigo a súa saúde, a súa autoestima e a súa estabilidade emocional. O xuízo celébrase este martes nun xulgado do Social de Santiago, e el sabe que poñerse outra vez fronte á cámara vai supoñerlle un enorme custo persoal. Pero o asume: «Quédanme seis ou sete anos na empresa e quero vivir esta etapa con dignidade. Sei que arrisco moito, pero necesito arriscalo».

Ata que comezou o acoso que denuncia, era un profesional recoñecido e á alza, especializado en guerras e crises internacionais. «Viaxaba a cubrir conflitos en Bosnia, en Timor Lste, en Afganistán, en Iraq, no Kurdistán turco…», conta. En abril do 2005, con todo, cambiou o seu papel de narrador de noticias polo de protagonista, e apareceu xunto á súa parella na reportaxe sobre os matrimonios gais co que Tele5 abriu o seu informativo de mediodía. Tamén nunha entrevista no País. «Xa saíra na Opinión da Coruña e na Voz de Galicia, pero aparecer en medios estatais dáche unha visibilidade enorme. E ademais, nesa época empecei a ser moi visible tamén na miña militancia socialista. Coñecíanme como sindicalista, pero creo que todo iso meteulles medo e lles fíxo pensar: ‘O Fito sindicalista que de cando en vez nos toca as pelotas, agora é socialista e activista LGTBI’».

Tras aparecer nos medios estatais, a dirección da TVG destinoulle a cubrir noticias secundarias para o informativo de mediodía e deixou de asignarlle viaxes e coberturas relevantes. «Claro que notei que pasaba algo. Pero a TVG é un sitio estraño, unha cidade sen lei, e a xente que estamos no movemento LGTBI estamos demasiado afeitos a que nos pasen cousas como esa», explica. «Tiña que telo denunciado entón, pero non o fixen. Aínda que no 2005 a palabra ‘acoso’ estaba moi escondida aínda», reflexiona.

Instalacións da Corporación da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) en San Marcos / Foto: CRTVG

Conta que foron anos e anos de sufrir miradas e rexoubeos, de escoitar murmurios nos corredores con expresións como «maricón» e «vai tomar polo cu», de ver aos xefes rirse del a través das lúas dos despachos acristalados fronte a un computador cunha entrevista súa con foto… E sobre todo, de constatar que a súa carreira se apagaba. «O 60% das noticias que gravo agora nunca chegan a emitirse. Cubro cousas como ‘O día do sorriso’ ou ‘O día dos grans’. Eu esforceime moito pola miña profesión, son un traballador responsable e preocupeime de formarme pola miña conta. Iso é o peor, que acaban transmitíndoche a idea de que non es un bo profesional. E aínda que sexa mentira, arruínan a túa autoestima».

Ferreiro di que non pode facer directos porque lle negaron o curso de capacitación necesario para usar mochila para transmisións, e que tampouco puido facer outras formacións básicas de prevención de riscos, como as de altura e de incendios. «Dinme que se non os fixen é por culpa miña. Non é así, pero, se o fose, por que entón non me sancionaron?», pregúntase.

Ferreiro denunciou a súa situación á Dirección de Recursos Humanos da empresa e á súa Comisión de Acoso, pero non lle fixeron caso. E acabou nun psicólogo, que hai uns meses lle propuxo facer unha listaxe cos aspectos negativos de varias facetas da súa vida: o traballo, a familia, a política, o activismo, o lecer… «En cada columna había dúas ou tres cousas malas, salvo na do traballo, que tiña dezaoito ou vinte. Entón deime conta do que me estaba pasando, e ao día seguinte fun ao avogado». Na súa demanda, só pide tres cousas á dirección da TVG: «Que me restitúan a miña carreira e nivel profesional, que me trasladen á delegación da Coruña e que se comprometan a facer cursos de formación obrigatorios para todos os traballadores sobre LGTBIfobia».

O do traslado á delegación da Coruña ten a súa explicación, porque forma parte do acoso que denuncia. Pediuno hai uns anos cando, tras a morte da súa nai, tivo que encargarse de coidar do seu pai, que tiña unha discapacidade do 65% e vivía nesa cidade. Denegáronllo en reiteradas ocasións, nunca por escrito e sen ningunha explicación, malia que os traslados son unha práctica habitual na casa e de que hai compañeiros con menos experiencia e antigüidade que si os obtiveron. A el tampouco lle permiten optar a un destino temporal na Coruña para cubrir baixas e substitucións, que si realizan outros cámaras, e nin sequera lle aprobaron unha permuta de posto de traballo con outro colega que estaba na delegación coruñesa e que pedira o traslado a Santiago.

Pola súa banda, a CRTVG nega o acoso e asegura que ten o «máximo respecto coa orientación sexual de todas as persoas, traballen ou non» na casa. «Este é un feito que estimamos está fóra de toda dúbida», indica a compañía. Fontes dos seus servizos de Comunicación sosteñen ademais que «non existe ningún caso de acoso laboral por cuestións de orientación sexual», que «unha demanda non é un caso», a pesar de que un xuíz imputase nel como acusada á compañía, e que esta é «extremadamente sensible a todo o relacionado coa liberdade sexual das persoas e, por suposto, por canto máis, dos seus traballadores e traballadoras». A dirección de Comunicación tamén pide expresamente ao xornalista que mostre nesta información «un trato respectuoso e ecuánime tanto co traballador demandante como coa propia CRTVG».

Ferreiro está convencido de que vai gañar. Foi acumulando carga probatoria todos estes anos -«Sempre fago todo por escrito e funo gardando», sinala- e conta con varias testemuñas que corroborarán o que di diante do tribunal. Ademais, lembra que nos xuízos laborais por vulneración de dereitos fundamentais a carga da proba recae na empresa, e non no traballador. É dicir, que é a TVG a que ten que demostrar que non houbo nin hai acoso, e que este, ademais, non está relacionado coa condición sexual do demandante. A coincidencia entre a data na que el se significou como activista LGTBI e como militante socialista, e o inicio da persecución que denuncia, así parece indicalo, e moitos xuíces do Social adoitan entender esa concorrencia temporal como proba suficiente de discriminación ilegal por parte das empresas. A que sofre el e, asegura, a que padecen tamén outras traballadoras e traballadores da CRTVG por motivos sindicais, políticos e de opción sexual. «Non podo dicirlle nomes nin situacións porque poñería en perigo a eses compañeiros, pero asegúrolle que non son o único», afirma.

Na nota de prensa conxunta na que Ferreiro informou do seu xuízo co apoio do seu sindicato -CCOO-, da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans e Bisexuais e da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (ALAS), lémbrase que un 70% das persoas LGTBI padeceron ou padecen acoso dentro do ámbito laboral, que un 60% se viron rexeitadas polos seus compañeiros e compañeiras e que só un 10% ousaron denuncialo. Cando se lle pregunta que pasaría se todos e todas desen un paso como o seu, Ferreiro pensa uns segundos e responde: «Conseguiriamos que a TVG sexa un lugar seguro para as persoas LGTBI. Agora non o é».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail