Colón 2019: cando Feijóo estaba no centro

Feijóo xa non ía ir á primeira mani de Colón, na que supuxo o nacemento oficial do trifachito. Andaba de viaxe oficial polos Estados Unidos pero, por estas cousas que pasan, decidiu adiantar o seu regreso para estar naquela cita. Hai unha foto icónica daquel día dos populares. Unha, no medio dunha rúa ateigada, na que o centro da imaxe é para o presidente da Xunta. Xusto tras del ondea unha bandeira española. A súa ollada vai máis aló do obxectivo do fotógrafo, como fitando un horizonte cara o que camiñar.

Á súa dereita –física– está Pablo Casado e á súa esquerda, Moreno Bonilla, o outro barón que tamén tivo que cambiar a última hora a súa axenda para non facerlle un feo a Casado. Ás súas costas asoman Adolfo Suárez Illana e José Antonio Monago. Algo máis adiantado, como se non se decatase de que había que parar para a foto, está o presidente do PP en La Rioja, José Ignacio Ceniceros, tras o que asoma –rojigualda no pescozo– o rostro dunha case descoñecida Isabel Díaz Ayuso. Apenas 30 días antes fora designada candidata á presidencia de Madrid. Seis meses máis tarde, sería investida no cargo. Aínda non o sabiamos, pero acababa de nacer unha estrela. Trumpista, pero estrela ao fin e ao cabo.

Dous anos, catro meses e unha pandemia despois, a dereita volverá manifestarse en Colón, neste caso, contra a posibilidade de indultar os condenados polo procés (se agardan un pouco máis, igual teñen que mobilizarse tamén contra algunha decisión do Tribunal de Estrasburgo). Coido que a plataforma convocante, Unión 78, se chama así pola idade media dos seus membros (entre os que hai coñecidos demócratas como Rosa Díez, Paco Vázquez e Roberto Blanco Valdés, todos con pasado remoto na esquerda), porque se é polo ano da Constitución, non me acaba de cadrar ese apoio da Fundación Francisco Franco. Nin o de Abascal, tampouco, claro.

Cando se coñeceu a convocatoria, Feijóo volveu dicir de primeiras que non ía estar, que aquilo lle partía toda a fin de semana: en fino, que llo impedía –outra vez– a súa axenda internacional. Como non daba máis datos, todo soaba de novo a escusa, por iso non quixo manter demasiado a incógnita: o luns 14 tiña cita no Vaticano. En principio, acompañado só polo arcebispo de Santiago. Non sabemos se, como fixera con Bieito XVI, desta vez tamén irá acompañado pola súa parella. É outra, si, pero o Papa tamén…

Ir de Madrid a Roma non é como ir en tren de Vigo a Lugo. É algo que se pode facer. Unha rápida procura en calquera buscador de voos ofrece, polo menos, media ducia de conexións para este domingo pola tarde, nun horario compatible coa manifestación (desbotando as que inclúen varias escalas e dez horas de viaxe). Mesmo madrugando o luns, hai un avión que sae do Adolfo Suárez-Madrid-Barajas-Lagarto-Spock e chega a Fiumicino antes das 9 da mañá.

Por iso, o de non ir a Colón pola reunión con Bergoglio, por moito protocolo vaticano que haxa, é complicado de crer. Polo menos, mentres non saibamos que plans ten Feijóo o domingo na Cidade Eterna. Igual un paseo en Vespa ou un baño na Fontana de Trevi; calquera dos dous infinitamente máis atraentes que collerse do ganchete con esa xente que ata para el é moi de dereitas… E o de non cambiar os billetes… ben, en 2019 xa o fixo, e ben que aclarou que aquilo «non tivera custo ningún para os galegos».

Pero, no fondo, o presidente galego é un tipo disciplinado, e seguramente se Casado lle volvese insistir, el cambiaría de novo a súa axenda. Pero desta vez non se nota o mesmo interese en Génova (porque seguen en Génova, non?). A Moreno Bonilla serviulle para safar algo tan manido coma os «motivos persoais» e o de Mañueco é de traca: as festas de Salamanca. Ao seu carón, o de Feijóo ata semella un argumento currado. Non importa, o PP xa ten amarrado o que precisa: alí, en Colón, estará Ayuso.

Por iso, nesta ocasión, é máis probable que, finalmente, Feijóo non vaia a Colón. Pero aínda que estivese, xa non ocuparía o centro da foto: ese lugar é para a presidenta madrileña. Esta mesma semana, o galego acudiu a un deses almorzos informativos que se celebran na Villa y Corte, nos que ata antonte era recibido como a gran esperanza branca. Porén, desta vez, ninguén lle preguntou polo seu futuro. Ninguén.

Semella que, para Feijóo, o tren de Génova, o que ten parada en Colón e horizonte en Moncloa, xa pasou. Agardar por el, a día de hoxe, é como facelo polo ferrocarril Vigo-Lugo. A Roma, polo menos, pódese ir en avión. E ata en Vespa.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail