Albino Prada: «Os valores do hipercapitalismo téñeno penetrado todo como nunca antes»

Vén de publicar Caminos de incertidumbre (Libros de la Catarata), ensaio que remata unha triloxía iniciada en 2017 con El despilfarro de las naciones e que Albino Prada (O Bolo, 1955) continuou en 2019 con Crítica del hipercapitalismo digital. O economista entra no taller dos sociólogos, utiliza ferramentas de antropólogos, psicólogos, filósofos, historiadores, lingüistas, escala a torre de Montaigne e regresa cun mapa para entender e gobernar o mundo. Prada está de volta de moitas cousas, do recoñecemento académico e dos cargos institucionais, de certa celebridade mediática na prensa mainstream do país. Non parece aínda desencantado e anima a construírmos unha «sociedade decente», mais recoñece que a sociedade actual colleu outros camiños. «Desde o nacemento, as xeracións de hoxe enfróntanse a unha guerra ideolóxica e á intoxicación da publicidade masiva e reiterativa. Téñena enriba desde que nacen».

Na sala de conferencias da Biblioteca Pública de Tui as cadeiras gardan a xa coñecida distancia social. Na enorme caixa baleira, ben iluminada de mañá, a voz de Albino Prada resoa impoñente cando fala de como gobernar o mundo: «para razoar sobre isto non vale o economicismo. Precísase moito da historia, da ciencia política ou do dereito. Só así podemos mellorar a un tempo a produción de riqueza, e a distribución e uso da mesma. Mentres o economicismo leva a unha sociedade de mercado, o meu enfoque conduce cara a unha sociedade decente». Comeza a entrevista anotando que a el a pandeima colleuno «ben armado intelectualmente», grazas ao traballo para redactar este último libro sobre a viraxe da sociedade do risco en sociedade da incerteza.

Non estaba pensando nun ensaio sobre o tempo da covid? Non, o libro é anterior. A pandemia sorprendeume xusto rematándoo. Digamos que é froito dun proceso de vinte anos ordenando ideas e rastrexando problemas contemporáneos.

Cales son as incertezas que puxo de manifesto a pandemia? Pois algunhas das que falo no libro. Sinaladamente, as incertezas alimentarias. Por exemplo, as superbacterias, que derivan dun uso excesivo de antibióticos en opcións de alimentación cárnica. Até onde sabemos, a covid-19 vén dunha imprudencia alimentaria. No mercado de Wuhan véndese e cómprase de todo sen pasar controis, e iso faise en moitas outras partes do mundo. Se non hai controis é porque a cobiza e o negocio priman sobre calquera cuestión. Outro problema que se trata no libro é o das supermalezas provocado polo uso de pesticidas ou organismos xeneticamente modificados (OGM) e que poden producir especies fóra de control.

Esa foi a orixe, o descontrol alimentario, mais non houbo tamén descontrol institucional que facilitou a expansión do virus? Wuhan é unha das factorías globais da economía chinesa e por iso, durante tres semanas, as autoridades tremelicaron e non confinaron a cidade. Iso está documentado. Aconteceu o mesmo no resto dos países. Esa man dos gobernos que treme, dubida á hora de tomar decisións, revela a contradición entre a saúde pública e o capitalismo. A máquina de produción capitalista leva moi mal iso de parar. Os propios protocolos da Organización Mundial da Saúde (OMS) sobre pandemias advirten que as decisións tomaranse intentado prexudicar o mínimo a actividade económica. A OMS non toma decisións drásticas porque os intereses económicos llo impiden. No libro falo de como diante de situacións de incerteza imponse o principio de precaución. Aplicado a este caso, o principio consistiría en que non che trema a man.

En que outros ámbitos cumprirá ter man firme? Na enerxía nuclear. Salvo o caso excepcional de Alemaña, non hai precaución ningunha. O principio de precaución aconsella non prender algo que non esteas seguro de poder apagar. Dito de outra maneira, non hai ningunha compañía aseguradora que se meta nas centrais nucleares. Despois de Chernobil e Fukushima, non. É a diferencia entre a sociedade de risco e a sociedade da incerteza. A única decisión posíbel é absterse desa tecnoloxía.
Que implicacións ten unha decisión dese tipo? Pois é unha decisión de moi difícil xestión, dado o dispendio enerxético do mundo. En Alemaña hano intentar.

No libro recuperas o momento no que China, á altura do século XV, tomou unha decisión sorprendente e decidiu parar, decidiu non continuar a navegación dos mares. Que camiño elixiron eles que se poida tomar hoxe? Os nosos sistemas económicos e sociais deben estar deseñados para recuperarse dun shock imprevisto. Resiliencia é precaución. A resiliencia como precaución diante das incertezas mingua coa procura do máximo lucro e da opción sempre mega do xigantismo. Ao mesmo tempo a sociedade decente tamén mingua e a exclusión acelérase. Unha sociedade máis resiliente fronte ás incertezas, e máis decente fronte á exclusión, debe ir da man do Estado, do colaborativo e dos mercados (competitivos). Dos tres. Conxugar proximidade e escala local e non só actuar con ánimo de lucro individual. A sociedade de mercado non é resiliente fronte ás incertezas nin decente fronte á exclusión.

Como se constrúe esa sociedade decente? Diso tratei no primeiro ensaio da serie, de como esas tres patas: as actividades económicas que dependen da pata do Estado, do colaborativo e dos mercados deben estar axustadas e equilibradas. O que non pode ser é que o mercado ocupe todo, e máis se se trata de mercados non competitivos.

Volvendo aos camiños da incerteza. Pódense determinar os momentos históricos nos que se tomaron malas decisións? Máis que un punto temporal ou un momento trátase de quen está ao mando. Neste último ensaio da triloxía compróbase que as tecnoloxías (enerxéticas, informativas, alimentarias, transportes, etc.) son moduladas e conformadas á medida das finanzas e dos inversores con ánimo de lucro. O seu economicismo pasa por riba de todo: da escala e tamaño das sociedades e mesmo das cousas que as ciencias ignoran. Daquela o Foro Económico Mundial (FEM) no seu último informe Global Risks Report, 2020 concreta estes erros, e cito: «fenómenos meteorolóxicos extremos e colapso de ecosistemas en relación ao fracaso na mitigación e adaptación ao cambio climático; ciberataques a grande escala con ruptura de infraestruturas e redes de información críticas; alto desemprego estrutural ou subemprego versus consecuencias adversas dos avances tecnolóxicos; crisis alimentarias asociadas a fenómenos meteorolóxicos extremos».
Como nos axuda iso a debuxar un mapa para reducir a incerteza no futuro inmediato? Pois iso mesmo: considerándoos incertezas e non riscos moi graves, como fai o FEM, pois non sabemos calcular os danos que están en xogo, nin as probabilidades dos mesmos. Non son riscos que unha compañía de seguros puidera asegurar. Daquela só queda actuar co principio de precaución: cunha cultura colectiva para evitar campos minados. Como di o premio Nobel de economía Daniel Khaneman (que, por certo, non é economista) debemos recoñecer as dimensións da nosa ignorancia e as incertezas do mundo no que vivimos.

Di que a clave é quen está ao mando. Quen está o mando hoxe? Ultimamente escoitamos falar moito de BlackRock, un grupo de investimento global que está ao mando de bastantes cousas. Hai outro do que se fala moito menos que é Vanguard Group. Estes fondos teñen posicións tomadas nos principais grupos bancarios do mundo, desde China aos Estados Unidos, o que eu denomino «Chimerica». Nin Microsoft nin Google nin Apple están comandadas por quen aparecen nos medios de comunicación. Cando Microsoft, Google ou Apple precisaron financiamento, apareceron os que mandan, e os que mandan sempre van modular o uso da tecnoloxía de acordo con esa lóxica do lucro, que non ten nada que ver coa precaución nin coa resilencia.

Un inciso, falando de resilencia que tería pasado se o virus chega a ser informático? Todas as redes están centralizadas. Nestes momentos un colapso pode ser simultáneo e a escala global. A resilencia aí é cero. Nula. China chegou á conclusión de que precisa unha tecnoloxía 5G propia para que non se poña en perigo a súa soberanía nacional. Poden estar a darnos outra lección de resilencia, de autonomía e de soberanía.

O colapso informático é unha posibilidade, pero o cambio climático e o capitalismo están aí… fóra de control? Eu falaría xa de colapso climático. Chamarlle cambio climático parece que é un risco que podemos manexar. Pero é unha das incertezas máis graves que temos que parar. O optimismo e a arrogancia temeraria dos que confían na tecnoloxía por crer que o mundo (hoxe China, Rusia ou India) pode replicar o modelo de vida norteamericano (como fixera no seu momento Xapón) fai que por exemplo consideren «limpa» a opción nuclear porque non xera emisións de CO2 sendo como é outra das nosas maiores incertezas catastróficas. E fuxirán cara a adiante con calquera outra pretendida solución que alimente o consumismo e o dispendio enerxético. Agora están niso, co negocio dos automóbiles que van con electricidade ou híbridos, que non se di de onde vén. Tamén seica son «limpos».

Prada, co fotógrafo Manuel Álvarez e o autor da entrevista, Erik Dobaño.

Cando sinala ameazas e precaucións, parece que todas as solucións (precaucións) se articulan ao redor da política (Federación Cosmopolita, control público da tecnoloxía, goberno mundial). Non é esperar demasiado da política? Eu dígoo así: non nos vai liberar das incertezas que nos ameazan a intelixencia artificial, como venden agora outros tecnopolitas, precisamos moita máis intelixencia social, colectiva. A nosa capacidade para organizarnos para un obxectivo común ás veces dá sorpresas. Pois mentres os Gates, Bezos, Zuckenberg, Jobs manexan as TIC para forrarse a Fundación Wikipedia levantou unha enciclopedia dixital hoxe de referencia mundial con traballo colaborativo, sen publicidade e sen ánimo de lucro. E non é un único caso. Pero onde os grupos financeiros globais levan o mando, sempre corrompen a nosa intelixencia social. Chámese Comisión Europea ou Organización Mundial da Saúde.

Aplicar o principio de precaución non supón renunciar ás expectativas de todas as utopías dos últimos séculos, ese principio de esperanza? Só teremos esperanza colectiva e futuro se mantemos a raia as incertezas máis graves que nos ameazan. Eu véxoo ao revés: só a precaución nos permitirá evitar que pretendidas utopías se convertan en distopías. Son as incertezas que rastrexo no meu libro: no caso da intelixencia artificial sobrehumana, das superbacterias ou supermalezas, do colapso climático, da automatización excluínte, do nuclear, da manipulación xenética. Como deixou escrito o economista Alfred Marshall hai xa décadas: «o progreso pode ser apresurado, pero con todo debe ser lento en relación co dominio crecente do home sobre a técnica e sobre as forzas da natureza; dominio que require cada día máis enerxía e precaución, máis recursos e firmeza, máis perspicacia e amplitude de miras».

Tamén reclama humildade, non somos os protagonistas de ningún filme intergaláctico, di. Máis ben, somos unha praga… como axuda iso a disipar incertezas? Como recomenda Marshall. Evitando o nesgo de non precaución, o optimismo tecnófilo e a arrogancia. Recoñecendo a magnitude das nosas ignorancias e sen subestimar as probabilidades de que o peor poida suceder. Porque xa moitas sociedades antes que a nosa foron barridas do mapa por moito menos. Non poñer en marcha nada que non esteamos seguros de poder parar. Acordando nalgúns casos moratorias (OGM) ou abandonos tecnolóxicos (como Alemaña coas nucleares).

Recomenda no libro «aprender a anticipar problemas, detectar ameazas, actuar para atallalas e aprender dos erros do pasado». Quen debe asumir todas esas responsabilidades? As responsabilidades son colectivas, e non o viñamos facendo ben. O reloxo da Apocalipse é un bo indicador. Os a cada paso máis graves síntomas de colapso climático, outro. Agora mesmo, a actual pandemia da covid-19 deixounos co cu ao aire: capitalismo ou saúde pública global. Non temos intelixencia colectiva operativa e activada á altura dos retos do mundo actual. E a intelixencia artificial e o big data está en mans de feirantes sen escrúpulos.

Parte desa intelixencia colectiva son os intelectuais, científicos duros e científicos sociais que alertan dos problemas e non son sempre escoitados. Cal é a súa experiencia persoal cando topa coa política? As relacións entre coñecemento científico e intereses económicos son turbias. Mentres traballas nunha liña parcial con expectativas de producir rendemento económico, non hai problema: terás financiamento. Mais cando tomas un camiño transversal que poida poñer en cuestión a axenda deses intereses, atópaste con que non existes. Xa que me pide un exemplo persoal, dareillo. Recentemente estiven analizando sobre o gasto na obra social de diferentes institucións de crédito en relacións aos seus beneficios. Cheguei á conclusión de que Abanca gasta en obra social un 2% dos beneficios, mentres no caso de Kutxabank gasta un 68%. Mais en Galiza iso é mellor que non o airees por ningún lado. E non fai falta que cho expliquen. Como di Baltar (o vello) «a todo o porco lle gusta o penso, só hai que saber como darllo». Eu só conseguín publicar iso nunha publicación dixital. Pasa cando te metes en asuntos dos que mandan.

No libro propón limitar o número de nacementos nun país (Galiza) onde hai desasosego polo avellentamento e a perda de poboación. Como explicar esa norma a un galego? Propóñoo a escala mundial, como moita outra xente ben documentada que recollo nos meus ensaios. En Galiza creo que deberiamos cambiar de perspectiva neste asunto. A regresión demográfica da poboación nacida en Galiza é unha oportunidade para a inclusión de poboación inmigrante en ocupacións que o demanden, e debera ser desactivadora  –ben sei que non o é polo de agora– dunha emigración dos nosos mozos en ocupacións aquí infradotadas (ensino, sanidade, investigación, …). Alemaña isto teno máis claro. Ese desasosego ten non pouco de campaña natalista –«creced y multiplicaos»– alimentada por reaccións xenófobas polo mundo adiante.

Propón «desexar pouco», «negarse a crear necesidades», nun país onde a preocupación é o desemprego, ter que emigrar… xa nos imos acostumando a non-desexar. Como explicar esa norma a un galego? Acostumados? Algúns máis que outros… As pausas publicitarias dos medios de masas seguen a ser unha bomba consumista que se vive como fracaso por aqueles que non poden participar da tómbola do último modelo de cada marca e aparello. Fronte a iso, unha crecente exclusión social e unha imparable insustentabilidade ambiental como dúas bombas de incerteza. Os galegos da miña xeración vimos dun mundo de hai 50 anos no que con menos consumismo as expectativas de emprego e benestar social foron mellorando. Ese debe ser o punto: menos crecemento do PIB e do consumismo con máis desenvolvemento social. Debemos reequilibrar esa ecuación. En Galiza e na China. E non digamos nos Estados Unidos.

Tamén propuxo unha renda básica universal mentres aposta polo decrecemento. É posíbel combinar as dúas políticas a un tempo? Vivimos en países que cada ano que pasa xera máis PIB con menos horas de traballo directo. Pero temos, ao tempo, emigración, desemprego, precariedade, exclusión, pobreza, etc. Tamén aquí o un por cento non fai máis que engordar. Non se entende que se teña detido a redución da xornada laboral… ou mesmo aumentado. Ou que se considere inevitable traballar máis anos. Co mesmo PIB podemos ter renda básica, só fai falla que as rendas e bases non salariais (de particulares, das empresas) acheguen, como pouco, a mesma porcentaxe que xa fan hoxe as salariais aos impostos e cotizacións. Tamén se debera contar cunha achega crecente de obra social de fundacións privadas sen ánimo de lucro para dinamizar actividades colaborativas e do pro-común.

Para cando a reforma fiscal en España? Non lles interesa aos que mandan. Eses grandes fondos que o controlan todo e dos que falabamos ao principio, cada ano envían unha circular a todas as súas empresas na que lles din que teñen que reducir custes fiscais, e a todos os gobernos lles treme a man… a ninguén se lle pasa pola cabeza nestes momentos recuperar a taxa do 70% que se aplicou ás rendas nos Estados Unidos e noutros países nos anos sesenta, como lembra Piketty. Recuperar a cota de esforzo que facían as rendas altas e as rendas non salariais é case imposíbel, porque os que mandan están crecidos. Saben que calquera goberno que se saia do paradigma da rebaixa fiscal vai ser penalizado con deslocalizacións. Escapar dese paradigma require dun axente institucional moi poderoso que aquí só podería ser a Unión Europea.

Por que Bezos, de Amazon, ou outros empresarios millonarios son partidarios da renda básica? Morozov ten advertido sobre isto. Di que estes empresarios o que necesitan son consumidores. A renda básica, si, financiada polo Estado; pero sen eles ter que financiar o Estado. É dicir, renda básica para que a xente se conecte, consuma e pague.

A pandemia acelerou procesos, esa dixitalización, por exemplo. Mais tamén volvemos gañar tempo, paramos… Certo, comprobamos que o consumismo físico é en boa medida unha adicción. Que hai cousas que o diñeiro non pode mercar. Que hai servizos (sanitarios, xeriátricos, saúde pública) que non se poden xestionar co economicismo austericida da rendibilidade monetaria. Que así mesmo se afogan. Pero a pandemia tamén está a ser aproveitada polas GAFAM (Google, Amanzon, Facebook, Apple, Microsoft) globais, e as súas plataformas e apps, para penetrar moito máis aínda nas nosas sociedades e deslocalizalo todo. Son unha trampa mortal de resiliencia. Os distribuidores locais, transportes, comercio, finanzas, turismo, servizos xeriátricos, medios de comunicación… deberan contar con plataformas dixitais propias. E a UE co seu 5G e big data.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail