Da invención do rexionalismo franquista

En Nus (Xerais, 2021), novela de iniciación que aborda o tema da liberalización dos costumes na Galicia dos anos oitenta, Manuel Gago fai dicir ao protagonista, tras o visionado en grupo dun filme caseiro de temática gai ambientada no país:

Varios dos meus amigos miráronme sorprendidos. Como ía ser Galicia? Pola experiencia das nosas vidas, Galicia só podía aparecer na pantalla con imaxes de carros de vacas, labregos felices mallando na eira, alegres mozas vestidas de galegas bailando diante das forzas vivas e estampas de procesións e romarías. Nós mesmos non eramos capaces de concibir que fose posible outro xeito de filmar Galicia, por iso non entendiamos nada. (P. 48).

Retrata ben Gago a sorpresa dos galegos de clase media que se abrían ao espertar da liberdade individual nese sesentaeoito autóctono que foron os anos da Transición (tamén na súa fácil cooptación polo poder). Dá fe o escritor da perplexidade de quen, ávido de novas perspectivas, medrara enchoupado da ollada filmada sobre Galicia construída a través do romo rexionalismo franquista.

Fotograma do NO-DO con Evita Perón en Santiago. Arquivo: RTVE.

Do estudo desa ollada tan reducionista ocupouse a investigadora compostelá Beatriz Busto Miramontes na súa tese doutoral tras horas de visionado dos materiais de propaganda audiovisual producidos polo réxime de Franco. Busto tira agora do prelo este Um país a la gallega. Galiza no NO-DO franquista (Através, 2021), libro no que se ocupa de socializar, xa en formato ensaio, as claves da construción dunha imaxe de Galicia e do galego estereotipada, subalterna, artificial e funcional aos intereses da ditadura.

O libro de Beatriz Busto súmase a outros traballos historiográficos recentes dedicados a semellante tema. Así, o premiado co Ramón Piñeiro de ensaio de 2020, Manoel Núñez Seixas, asina o aínda non publicado De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975); mentres que en castelán acaba de publicarse El regionalismo bien entendido. Ambigüedades y límites del regionalismo en la España franquista (Comares, 2021), cuxa edición a cargo de Jaume Claret e Joan Fuster-Sobrepere acolle diversas achegas arredor da construción polos poderes franquistas dun rexionalismo «ben temperado» cuxa pretensión era, —en palabras de María Dolores Jiménez-Blanco, unha das autoras— «enfriar, reinventar e epidermizar as diferenzas culturais existentes entre os distintos territorios españois, resituándoas nun nivel de maior debilidade a pesar da súa constante (e inevitable) visibilidade.» (P. 182). Esta empresa de política cultural institucional potenciaría un rexionalismo que «non quebrantaría a nova orde que quería impoñerse para deixar claro que España entraba nunha nova era». Un rexionalismo, por tanto, destinado a ser «unha pequena válvula de escape que á larga impedise que a presión (ou o límite de aguante da poboación) producise un estourido innecesario.» (P. 183).

Incialmente concebido, como apuntamos, coma tese doutoral, Um país a la gallega ten a virtude de non repetir os defectos habituais na transposición de teses a xénero ensaístico. A propia autora sinala que o libro, malia aproveitar o traballo académico, foi refeito na súa totalidade para acadar o novo formato, algo que ben se nota e se agradece.

Fotograma do NO-DO, «Galicia y sus gentes. Ayer y hoy de las tierras gallegas». Arquivo: RTVE.

A dicir de Busto, os documentarios do NO-DO ofrecían do noso país «uma estampa cultural, étnica, exótica, primitiva (inclusive no seu ser indígena ou selvagem) que essencializava tudo aquilo e toda pessoa que fosse mostrada na imagem» (p. 41). Para a elaboración desta proxección, o folclore, exprimido na propaganda dos Coros y Danzas e da Sección Femenina cumpriu un papel decisivo —especialmente nos anos corenta— no que ten que ver coa lexitimación do réxime tanto a nivel interno coma internacional (cuestión esta moi importante ata o Pacto de Madrid de 1953 que normalizou as relacións do franquismo cos Estados Unidos). Así mesmo, durante a década dos cincuenta esta estratexia será decisiva na subalternización dos nativos «rodeados de porcos e galinhas» e convertidos en inofensivos bos salvaxes para chegar, nos anos sesenta, ao empaquetamento da cultura folclorizada para a súa mellor venda na incipiente industria turística. Que Manuel Fraga xogase xa daquela un papel principal nesta apropiación da diferenza cultural apunta a que a fagocitación e cooptación do galeguismo cultural emprendida posteriormente, durante o seu longo mandato como presidente da Xunta, contaba detrás con moita experiencia acumulada.

A nivel de aparato crítico, Bustos bota man de conceptos como o de disciplinamento dos corpos de Bourdieu, que a investigadora ve reflectido, sobre todo, no tratamento moralizante do corpo da muller (nas primeiras décadas do franquismo, xa que nos sesenta o corpo feminino sería sometido a un proceso de exposición non menos opresivo) e na espectacularización marcial das danzas e músicas populares. Unha intervención desde os aparatos estatais na que a tradición popular era reconfigurada e devolta ao pobo como imaxe alienada de si mesmo, o que leva á autora a diferenciar o concepto de folclore do de folclorismo, sendo este último un produto escanciado polo poder. Ademais, Busto emprega a categoría emanada da crítica poscolonial de Edward Said do «orientalismo» para acuñar o termo «galaiquismo» segundo o cal o país sería sometido a un proceso de violencia simbólica mediante o que se reducía unha realidade cultural complexa a un conxunto de ideas comúns e estereotipos nos que o pobo galego aparece coma un fato de semisalvaxes analfabetos que xustificarían, coa súa mera presenza, a súa colonización. Este galaiquismo que apunta Busto gozaría de tan boa saúde que a autora observa a súa pegada en proxeccións do «ser galego» actuais como poidan ser os anuncios dos supermercados Gadis. Lembra tamén Beatriz Busto á teórica india Gayatri Chakraborty Spivak e a súa idea de que o subalterno non pode falar, cando apunta que nos documentarios do NO-DO «nunca ninguém falou» (p. 105), isto é, que no «saber produzido» polo NO-DO os e as indíxenas retratadas nunca falaban por si mesmas, senón que eran empregadas ben coma fondo visual dunha voz narradora, ben como ilustración de diálogos recreados por locutores que os interpretaban imitando certa idea de acento galego. Por último, Busto tamén cita a Helena Miguélez-Carballeira para reflectir sobre a feminización da imaxe do país ofrecida polo franquismo —en contraposición ao espírito aguerrido e viril de España— como xeito de despotenciación política.

Fotograma do NO-DO, «Galicia y sus gentes. Ayer y hoy de las tierras gallega». Arquivo RTVE.

Con estes presupostos ideolóxicos, a imaxe xeral producida sobre Galicia era a dun lugar conxelado nun tempo anterior á modernidade, que contaba cun pobo humilde e laborioso, sinxelo e patriarcal, pobre e agradecido e que, malia posuír un mítico pasado celta, ficaba asimilado a unha empresa superior e universal cal era España. Unha construción consciente do outro subxugado que, nos albores do aperturismo ao turismo de masas dos sesenta se aderezará cos tópicos da abundancia e calidade gastronómica para ofrecer ao visitante a experiencia do «parque etnotemático» da diferenza homologada —que en boa medida segue vixente nas políticas turísticas da Xunta actual— onde o idioma se someterá a un proceso de dialectoloxización e redución a curiosidade indíxena que convivirá sen problema coa súa represión noutros ámbitos sociais coma o educativo.

Estamos, pois, ante un libro que nos axuda a identificar mellor a ollada construída sobre nós desde o españolismo e, máis importante, a detectar no presente —no seo xa da sociedade galega— as pervivencias desa ollada paternalista, autoritaria e subalternizadora que, por veces, pasa desapercibida ou, peor se cabe, é reproducida mesmo en propostas culturais elaboradas desde unha pretendida e refinada consciencia nacional.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail