Homes que quitan punto e outras anomalías

Cando xustificamos os roles de xénero actuais nunha suposta tradición conservada no non-mundo das aldeas, estamos cometendo un grande erro. É un prexuízo que xurde dunha fantasía de aceptación do mundo do capital e posfranquista e, polo tanto, no mundo da creación de identidades nacionais pensando que os binarismos e subalternidades veñen da tradición. Ollar os vídeos das recollidas de campo músico-danza realizadas nos anos 1980, e observar como esas formas colectivas foron fixadas no folclore e que modificacións de xénero foron introducidas, dános un material extraordinario para entender dinámicas de disciplina e coloniais.

A masculinización da músico-danza

Cando comecei aos trece anos a ir polas aldeas a facer recollidas de campo da música e as danzas tamén comecei como pandeireteira no grupo Xacarandaina. Mentres participaba da vivencia do transo colectivo e das relacións comunitarias, paralelamente vía como os eidos de poder músico-danza estaban blindados para o xénero masculino, tanto o mundo dos gaiteiros como o liderado do baile.
Utilizo o termo «tradicionalismo» referido a unha ideoloxía que pretende manter estáticas as formas ou as representacións dunha comunidade. Como concepto de «tradición», ben distinto, propoño a transmisión da cultura de creación colectiva de xeración en xeración, sen liderados, en comunidade e dunha maneira sistémica, sen pretensións de uniformidade nin de poder agás, no caso da música e baile, o de poder ter un transo en base a uns códigos que foron postos a proba por centos e miles de persoas e dos que só permanecen o que realmente lles valeu a todas para esa comuñón entre elas e a natureza.

No eido do folclore tradicionalista, a representación de xénero ten varios puntos naturalizados coa escusa de que «sempre se fixo así». En primeiro lugar, os homes teñen que liderar o baile. Sempre sacan punto, e as mulleres e o resto de homes da fila seguen o líder esperando que remate o punto cun pé, e logo todas xuntas fan o resto de compases. Sempre hai unha dualidade masculino-feminino. As filas están unificadas por xéneros. Ademais, os homes poden facer calquera expresión artística na escena e a muller (en singular) represéntase como «sacralizada», como obxecto de cousificación referido á beleza, lucimento, dozura, sacrificio. Doutra banda, o mundo da gaita é dos homes. Nos grupos folclóricos de elite ás mulleres impídenlles tocar xa que non está considerado do eido feminino. No campo das partituras, cancioneiros etc.. tanto as coplas escollidas coma as partituras están adaptadas ao androcentrismo heteropatriarcal e a formación clásica musical, dándolle máis valor á transcrición que a linguaxe.

Os vídeos que recollemos nos anos 80 e 90, mirados sen prexuízos, mostran una realidade ben distinta.

A composición inicial de Os Maravillas de Cartelle: Castor, Áurea (que actuaba de ‘manager’), Felisindo, Manuel e Eliseo José. Fonte: Alejandro Míguez (Anuario da Gaita galega).

A fantasía de aceptación

Na Galiza dos anos 80 os grupos folclóricos viñan dunha complexa influenza do romanticismo como construción do sentimento nacional, da implantación da Sección Femenina franquista (e dos conseguintes Coros y Danzas), e dos ritmos e bailes que se atopaban nas aldeas como fonte de inspiración e que, no seu momento, tocaron as e os coreógrafos que unificaron o estilo, propagárono por todas as provincias e, por suposto, impuxéronlles tamén unha representación de xénero.

Desa mestura de elementos fóronse enxertando prexuízos, como a imposibilidade de ser unha gaiteira o un gaiteiro xurdida da creación colectiva, sen normas nin formación clásica, para o cometido de acompañar corpos de baile, e digo corpos con toda a intención: corpos deportivizados. Ese imaxinario de imposibilidade é o que afastará radicalmente as mulleres da súa representación social e da súa aceptación como gaiteiras no eido dos grupos folclóricos de elite, porén isto non acontece fóra desa doxa de poder.

Felisa Vidal Nogueira (1903-1993) «A gaiteira de Bendilló» (Quiroga) co seu cuarteto. Deixou a gaita cando casou, en 1931.

Poño o meu corpo como referencia. No ano 1993 fun premio Macallan en Lorient. Nese mesmo intre todos os gaiteiros galegos que participaban tornaron furiosos contra Geranio Torreiro Antón, representante do festival en Galicia, dicíndolle que era inconcibible que o gañara eu (unha muller) e que non podía ser. Malia a todo fun premio Macallan. Un día chámame a miña tía Meluca dicíndome que estaban falando de min nun programa de radio dedicado ao concurso, poñendo en tela de xuízo o meu liderado nesa competición. E malia todo isto, eu decidín e aprendín a tocar a gaita grazas a gaiteiros da tradición oral e visual das aldeas, homes que me trataron sen tipo ningún de androcentrismo heteropatriarcal. Con isto quero achegarvos ao non-mundo harmónico e ecolóxico das aldeas, dos micro hábitat que existían nesta terra, como se de fragas mestas vos falara. Estes homes e mulleres non tiñan prexuízos de xénero, cousa que na doxa paralela contemporánea si.

Antes de todo isto, nas representacións dos anos 1950-60 acontecen curiosidades como que nos grupos da Sección Femenina non se lle permitía bailar aos homes (así o recolle Carolina Hernández Abad na súa tese doutoral La agrupación de danza de Sección Femenina de A Coruña: dimensiones políticas, sociológicas, folclorísticas y vivenciales) polo que colateralmente as mulleres de Sección Femenina, en tanto que pertencentes ao réxime franquista, e sendo o máis baixo do aparato da ditadura en tanto que mulleres, tiñan unha representación sen o binarismo home-muller. Por outra banda, cando o corpo de baile xa en Coros y Danzas estaba composto tamén por homes, o xeito de bailar en tanto que corpos era semellante. A diferenza fundamental, creo eu, foi que a dirección recaía nunha muller, Felicitas San León. A representación da música recaía no gaiteiro en masculino nas dúas propostas.

Non é gratuíto que os nenos sexan reticentes a bailar e pensen que, en certa medida, poden relacionalos con identidades subalternas. Mais volvendo ao que nos ocupa, quero dicir que o lugar proposto para os homes era o de músicos, e as mulleres estiveron nos corenta anos da ditadura fóra desa función, subtraídas e eliminadas do imaxinario da sociedade española e galega en particular.
Aquí podería falarvos dun exemplo revelador co flamenco a nivel estatal. Sábese, a día de hoxe, que a guitarra a tocaban maioritariamente mulleres, despois do estudo feito pola documentalista e investigadora Alicia Cifredo. Ela fala de que dende o século XVII sempre tocaron mulleres a guitarra, ata case que máis que homes, feito que non é para min relevante, pero si para a doxa actual de poder capitalista, ao poñer en evidencia a manipulación conceptual imposta e como a fantasía de aceptación fai mudar os corpos (recólloo de Jordi ClaramonteLo que puede un cuerpo. Cendeac, 2009)  en tanto que deixan de tocar maioritariamente.

Nos anos 80-90, a resistencia dos gaiteiros a verse desprazados do centro da escena era radical, estaban a perder o lugar referenciado do franquismo. A fantasía de aceptación de cal era a súa función e de cal tiña que ser a das mulleres en tanto que subalternas, creaba unha disonancia cognitiva. Sentían que perdían o centro da dirección musical no baile para verse substituídos por grupos de pandeireteiras que menosprezaban. Xurdiu aí un fío argumental sen réplica por parte das agraviadas, facíase mofa de como pronunciaban, do xeito de recrear esas voces das aldeas, etc. Afirmo, sen lugar a dúbidas, que os gaiteiros da tradición oral, os que non estaban tocados polo capital, os e as que participaban ou levaban as foliadas e seráns a momentos de éxtase colectiva, non tiñan nin unha faragulla de misoxinia nin de normas estancas con respecto ao xénero.

As tocadoras pasaron a un segundo plano. Nas filas dos grupos deportivizados todo está supeditado á coreografía e á técnica corporal. Só cabe expresarse dun xeito no seu conxunto. Por exemplo, como expliquei, sempre é un home quen marca o punto para que o sigan. Mais hai mil formas que se poden dar na tradición sistémica, como por exemplo tres pandeireteiras e só unha parella de mulleres bailando, un home e unha muller sacando punto ela ou el segundo lles cadre. Na maioría dos casos a graza está en que sexas quen de adiviñar o movemento que vai facer a túa parella, sendo esa a verdadeira comunicación dos corpos, e ese é o xogo e é o que te fai ser bo ou boa bailadora.

Nos grupos folclóricos fanse as montaxes no escenario dende un punto de vista económico-social. Búscase ata debaixo das pedras homes que bailen, porque aínda que a realidade é que hai moitas mulleres que se apuntan a bailar, non semella abondo e parece que queda pobre unha montaxe sen esa exaltación do masculino que reflicten todos os grupos. A actitude das mulleres é feminina baixo a conceptualización moderna do xénero, así cho indican e non se cuestiona, porque esa fantasía de aceptación está totalmente asumida nos roles modernos, xustificados por unha especie de tradicionalismo incuestionable.

Repítese ata a saciedade unha especie de represión simbólica e, por contra, unha incursión «natural» dos homes a calquera función por moi maioritariamente que se fixera por mulleres, como son os grupos de pandeireteiros. En toda a miña experiencia de 25 anos polas aldeas, nunca vin un grupo de pandeireteiros. Nunca. E claro que tocaban eles tamén a pandeireta, normalmente moito peor, porque polo que fora non estaban tan afeitos a coller o liderado das festas para cantar, e moito menos en grupos de tres ou catro homes como se vía nelas. Eu non o vou cuestionar, pero si propoñer esa representación que entraña a mesma violencia simbólica que os medios de comunicación, publicidade, etc. que neste caso suponse que representan unha cultura colectiva, que temos a sorte de poder falar dela sen un traballo arqueolóxico, senón que centos de persoas puidemos e podedes ver, a pouco que furedes, a orixe de algo tan auténtico e peculiar como a verdadeira creación colectiva de micro sociedades.

Non se pode xustificar esta doxa moderna en base á tradición, senón todo o contrario, porque as posibilidades de organización son diversas e sobre todo sostíbeis se as facemos colectivamente, porque a súa funcionalidade ten que ser ecolóxica, e no caso de Galicia é moito máis esaxerado ao podelo constatar.

A musicóloga suíza Dorothé Schubarth, no seu proceso de recollida do Cancioneiro tradicional galego cunha das súas informantas.

Posdata

Galicia é un lugar único, coma todos os lugares, pero a súa singularidade está á vista, é tan recente todo isto que nos permite valorar, reflexionar e observar cal é a forza das fantasías de aceptación e de como axeitamos o que vemos ás verdades impostas pola doxa. Unha imposición é que as mulleres non tocaban a gaita, que non pode tocar igual de ben alguén que non ten formación musical clásica, e que ademais por moito que se lle chame música tradicional por riba de todo están a formación e o capital social. Aquí quero facer unha reflexión co apartado de música tradicional de Músicas ao Vivo nos premios Martin Códax 2020. Neste apartado presentáronse as señoras de Gargamala, da man de Xulia Feixoo. Déixenme dicirlles que elas son ao que calquera musicóloga do mundo, e a mesma Dorothé Schubarth, lle dedicaron a vida polo incrible que lles resultou atoparse coa música delas, e que no caso de Dorothé lle fixo ficar 10 anos malvivindo para non perder unha nota, nin unha experiencia destas persoas da creación colectiva. Se referenciamos a Schubarth pensemos que estamos a facer co noso imaxinario. Ou é que só interesan as partituras e o que se deixa escrito? Seguimos a non entender que isto está vivo? Que son elas as que aportan un xeito de vida e que crean esas músicas? Todas as e os folcloristas desta terra fomos a recollerlles cancións para usar e lucrarnos delas, das sen voz. Resulta que cando teñen voz non somos capaces de recoñecer que nada é comparable a elas, nada se pode achegar á perfección do que fan, nada é tan galego e tan tradicional como elas. Chegaron á final do concurso, pero non lles deron o premio ao mellor grupo de musica tradicional. De feito afirmo que eran o único grupo de música tradicional atendendo á acepción do concepto.

Están a desaparecer os micro hábitat de creación colectiva, nada será nin se achegará a esa perfección e marabilla de saberse auténticas e referenciais.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail