A simboloxía franquista máis alá de Meirás

Múltiples cruces, estatuas, títulos nobiliarios, rúas e todo tipo de distincións a golpistas e franquistas perduran na sociedade e as institucións galegas 46 anos despois da morte do ditador Francisco Franco.

Aínda que é certo que os espolios por parte da familia Franco do Pazo de Meirás e a Casa Cornide son os vestixios franquistas máis coñecidos de Galicia, cabe sinalar que persisten variedade de cruces, estatuas, títulos nobiliarios, rúas e todo tipo de honras e distincións a golpistas e políticos da ditadura repartidos polo territorio 46 anos despois da morte do ditador Francisco Franco.

A Lei de Memoria Histórica de 2007 sinala no seu artigo 15 que «as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura». O Parlamento Europeo aprobou, debido á normalización do fascismo na UE, retirar todos os símbolos ou monumentos que exalten o alzamento, a Guerra Civil e o fascismo trala decisión do Congreso dos Deputados de exhumar os restos do ditador fóra do Valle dos Caídos. Aínda así, existe certa reticencia por parte dos concellos -goberne un partido conservador ou progresista- para retirar esta simboloxía.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

En 2017, o Parlamento galego aprobou unha moción presentada polo BNG para instar o Goberno de Feijóo a negociar coa xerarquía católica a retirada de inscricións franquistas. Polo demais, Galicia non conta cunha Lei de Memoria Histórica como si ocorre noutras comunidades, como Andalucía, Valencia, Castela León ou Euskadi, que está en proceso de elaboración. Tampouco existe un estudo que recompile a totalidade dos símbolos franquistas en Galicia, por iso, descoñécense con exactitude a cantidade de honras á ditadura, golpistas e criminais que aínda perduran nos edificios e espazos públicos.

A Cruz de O Castro, en Vigo, ten 12 metros de altura e foi inaugurada por Franco en 1961 en homenaxe aos caídos. En 2015 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revogou o fallo do Xulgado Contencioso Administrativo nº2 de Vigo, polo que obrigaba a derrubar a cruz ao considerala un monumento franquista. A xustiza estimou que podería ser «contemplado como un elemento relixioso» ao desaparecer «a carga política e de exaltación franquista». A cruz foi denunciada pola Asociación Viguesa de Memoria Histórica, pero foi o goberno de Abel Caballero o que recorreu a sentenza. Apareceron pintadas en varias ocasións denunciando os asasinatos franquistas, así como a bandeira republicana.

Outra cruz de pedra de 16 metros de altura e 60 toneladas levántase na Avenida Montero Ríos en Pontevedra, un terreo que foi cedido á Falanxe en 1941 para unha construción. «Para que perpetúe o recordo dos heroes que sucumbiron en defensa dos santos ideais de relixión e patria na xesta heroica da nosa liberación», recolle a acta desa cesión. Despois da do Valle dos Caídos, esta é a cruz máis alta de España. Houbo peticións para a súa retirada, pero quedaron desestimadas. Un día de 2012 a cruz apareceu precintada e cun aviso de demolición, pero o Concello non tiña que ver e nunca se soubo quen o poñía. Tamén, no municipio pontevedrés Vilagarcía de Arousa, unha ampla cruz na fachada da igrexa parroquial fai honra a José Antonio Primo de Rivera.

Hai unhas semanas o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, en Ourense, facía público un manifesto para a retirada dun «monumento fascista da cruz dos caídos levantada en 1939 polos falanxistas en Outeiro da Obra». Para o comité este símbolo é «unha exaltación pública e visible do golpe de estado de 1936 contra a legalidade republicana, a guerra e a represión política durante a ditadura franquista, polo que está afectado pola Lei estatal de Memoria Histórica, e pedirá a súa retirada polo órgano competente que sinala a mesma lei, o Concello de Celanova». Tamén hai uns días, o BNG de Viveiro (Lugo) pediulle ao Goberno local retirar unha placa de Antonio Pedrosa Latexes en cumprimento coa lei estatal, que segundo a concelleira Miriam Bermúdez, «foi xefe da falanxe en Lugo e que a tantos viveirenses intimidaba a punta de pistola».

O presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), Fernando Souto, conta que para os gobernos locais hai un «cálculo electoral» á hora de ordenar a retirada de simboloxía franquista. «É un tema que rechía, aos que apoian o franquismo moléstalles que lles toquen eses privilexios». Ademais, tamén explica que hai distintas consideracións acerca do que é ou non un símbolo franquista, por iso sostén que a lei estatal é «insuficiente» e que ten que establecerse unha normativa galega que axude aos concellos para levar a cabo este labor. «A lei de memoria histórica non marca prazos, nin penalizacións, fala de forma xenérica e non precisa o que é un símbolo franquista. Por iso algúns alcaldes defenden que un símbolo fascista é un elemento católico», matiza.

Segundo o sociólogo e tamén expresidente da CRMH, Manuel Monge, na Coruña quedan máis de cen símbolos franquistas por retirar, entre rúas, distincións honoríficas, retratos, monumentos… Como a rúa Hogar Calvo Sotelo, ministro da ditadura de Primo de Rivera ou a Avenida Pedro Barrié de la Maza, íntimo da Familia Franco e que organizou a poxa do Pazo de Meirás coa intención de regalarlla posteriormente a Carmen Polo. Monge sinala, ademais, a cruz de Neda, coñecida como o «xardín dos caídos»; a cruz de Coto de Guichar, en Cerceda; outra no interior da igrexa de Ferrol, coa inscrición «caídos por Deus e por España», e tamén, outra en Coirós, cunha inscrición a José Antonio Primo de Rivera e sete nomes dos caídos.

Co paso dos anos vaise eliminando esta simboloxía franquista no Estado e en Galicia corresponde a nomes de rúas ou retratos de políticos da ditadura, con todo, aínda o franquismo sobrevive á Lei de Memoria Histórica. Os expertos apuntan a que é unha cuestión de pedagoxía retirar estes recoñecementos públicos xa que os servizos que emprenderon estes personaxes do franquismo e polos que se enxalzan non deberían ser admitidos nunha democracia, habendo outras personalidades que si se merecen ser loadas. O contrario é desmemoria histórica.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail