As matronas depuradas durante o franquismo

Din que as matronas son as que de verdade desempeñan a profesión máis antiga do mundo. O oficio vai ligado á nosa especie. Desde que os seres humanos camiñan a dúas patas, as mulleres necesitaron axuda para parir, e tamén desde que se ten constancia foron mulleres as encargadas diso. Mulleres que se formaron para realizar este oficio de forma profesional, que non dependían dos seus maridos para gañar a vida, nin doutros homes para facer o seu traballo. A importancia que adquiriron durante os primeiros anos do século XX viuse truncada polo franquismo. Asasinadas, encarceradas e apartadas da súa profesión, as matronas foron un dos colectivos que máis sufriu as depuracións.

O 14 de abril de 1931, no diario ABC de Madrid, destacan polo menos cinco anuncios na sección de «Varios». Todos ofrecen o servizo de consultas de embarazo e partos. E en todos aparecen os nomes de mulleres, as profesionais que garanten unha «consulta reservada». Dúas atenden no centro da cidade. A María Dolores Ruiz-Berdún, matrona e profesora de Historia da Ciencia, gústalle imaxinar a vida posible de Rosa Mora ou de María Mateos. Serían matronas colexiadas, terían rematado os seus estudos universitarios recentemente e acababan de abrir a súa consulta no Madrid máis popular. Desde alí escoitarían os gritos e vivas á República que enchían ese mesmo día a Porta do Sol. Quizá estiveron entre o xentío celebrando a esperanza. E talvez comprobaron durante os seguintes anos como as mulleres adquirían dereitos polos que loitaban desde había moito tempo: o sufraxio feminino, o divorcio, as oportunidades laborais, o acceso á universidade… E respecto ao seu traballo, unha profesionalización que parecía imparable, a posibilidade de avanzar en métodos anticonceptivos ou unha proposta de lei do aborto. Non sabemos se Rosa ou María sobreviviron á guerra. Nin se foron depuradas, como moitas das súas compañeiras, polos golpistas. A partir de 1936, apenas hai anuncios de matronas nos diarios de Madrid nin nos de ningunha cidade española. O silencio e o medo chegou tamén a estas mulleres que, desde a orixe do home, axudaron a dar paso á vida e que, sen sabelo, elixiron unha profesión de risco.

Anuncio da matrona Amparo Valor, xulgada e condenada por pertencer a loxias da masonaría.
Unha profesión feminina e con moitas feministas

Poucos grupos profesionais femininos foron tan importantes como o das matronas e o único de entre os sanitarios no que as mulleres, durante longo tempo, tiveron absoluta hexemonía. En España, nin sequera o dominio dos varóns nas profesións sanitarias logrou terminar co seu prestixio. Foron as primeiras en ter un título universitario (unha carreira de dous anos só para mulleres) e moi pronto decidiron colexiarse. En xuño de 1895, constituíuse o primeiro colexio, o de Profesoras Titulares en Partos de Madrid, cuxo obxectivo era axuntar esforzos e conseguir melloras laborais. Desta forma, converteuse no colectivo exclusivamente feminino con maior nivel de estudos a finais dos anos 30 do século XX. Tratábase de mulleres moi formadas, con frecuencia defensoras da igualdade feminina dentro dunha profesión ameaza polo patriarcado.

Moitas delas eran activistas, intelectuais que asinaron algúns dos artigos máis comprometidos co feminismo da prensa da época, como este fragmento publicado en El Socialista o 20 de xuño de 1931 pola matrona Áurea Louro Villanueva:

«Quen dubida que a capacidade feminina pode igualarse á do home! O que ocorre é que sempre se atendeu á instrución masculina, descoidando lamentablemente a cultura da muller; e así, esta falta de preparación deunos máis mulleres sen vontade e criterio propios, sen discernimento para todo o que non fosen os ‘labores propios do seu sexo’. O triunfo da muller é problema de cultura, pero non só nas clases medias e acomodadas, senón na clase obreira, nas escolas, desde pequeniñas. O día que non haxa unha muller analfabeta será o da súa liberación, porque iso poraa en condicións de coñecer os seus deberes e dereitos».

Este colectivo feminino, e case sempre feminista, foi un dos obxectivos a depurar polo réxime franquista. Moitas delas foron asasinadas durante a guerra. Outras, encarceradas ou apartadas da súa profesión durante os anos posteriores.

O libro froito da investigación coa foto na capa de Catalina Mayoral Arroyo co primeiro bebé nado na prisión de Ventas. Fonte: Mundo Gráfico.

Visibilizar a estas mulleres anónimas foi un dos obxectivos do traballo realizado por Alberto Gomis e Dolores Ruiz-Berdún, ambos profesores de Historia da Ciencia na Universidade de Alcalá, titulado Compromiso social y género: la historia de las matronas en España en la Segunda República, la Guerra Civil y la autarquía (1931-1955). Para os autores, «a violencia política exercida sobre as mulleres foi durante moito tempo a gran materia pendente nos estudos sobre vítimas da guerra civil e da represión na posguerra». O interese por estudar a este colectivo profesional viña motivado polas súas singularidades: trátase do colectivo feminino con maior nivel de estudos a finais dos anos 30, un grupo moi comprometido con causas políticas e cunha formación e nivel de independencia fóra do habitual entre as mulleres da época. «Non foi unha tarefa sinxela levar a cabo esta investigación –aseguran–, existían impedimentos diversos como a ausencia de fontes, a imposibilidade de acceder aos arquivos militares, a menor participación numérica das mulleres na Guerra Civil… pero tamén unha especie de inercia, herdada de tantos anos de franquismo, de relegar as mulleres sistematicamente a un plano secundario».

Os estudos máis recentes permiten afirmar que as mulleres foron obxecto dunha represión específica que, aínda que cuantitativamente foi inferior á dos homes, non o foi cualitativamente, xa que foron castigadas pola súa dobre condición de «rojas» e mulleres. Ata hai poucos anos, considerábanse vítimas pasivas. Críase que a maioría foron represaliadas polos lazos de parentesco que mantiñan cos homes republicanos, non polas súas propias ideas. Os franquistas, empeñados en defender un modelo de muller submisa e da casa, non podían ter en conta a actividade profesional feminina e, menos aínda, considerar que puidesen ter ideas políticas. Por iso, as acusacións máis frecuentes contra as mulleres eran as de inducir os homes a cometer delitos, ou de «responsabilidade subsidiaria», é dicir, eran detidas, xulgadas e condenadas en substitución dos homes, por seren esposas, nais ou fillas de dirixentes republicanos.

Con todo, hoxe sabemos que moitas mulleres foron represaliadas pola profesión que exercían. O caso máis coñecido é o das mestras, mulleres que se formaron para ensinar durante os anos da República, seguindo o impulso renovador da Institución Libre de Ensino. Eran consideradas moi perigosas porque poderían influír nos nenos e adoutrinar en ideais contrarios ao nacionalcatolicismo. Tamén foron depuradas as funcionarias de prisións, as funcionarias de correos e as xornalistas que exerceron a súa profesión durante a República. O papel de muller indutora do mal, desas «rojas» e xa que logo depravadas, opoñíase ao arquetipo de nai e «ángel del hogar» que defendían os golpistas de forma insistente: «O neno mirará cara o mundo, a nena mirará cara o fogar», resumía un dos aparatos propagandísticos da rama feminina de Falange Española, a revista Consigna dirixida por Pilar Primo de Rivera.

Vítimas «activas»

As matronas tiveron unha condición especial. Para Lola Ruiz-Berdún, «non foron vítimas pasivas da Guerra Civil, non foron xulgadas por seren ‘muller de’; ao réxime franquista non lle gustaba ese grupo de mulleres traballadoras que defendían os seus dereitos fronte aos dos médicos, todos varóns».
Ademais, as matronas foron moi activas intelectual­mente: «participaban en Ateneos Libertarios, algunhas eran anarquistas, daban mítines…». E, aínda por riba, ocupábanse en grao sumo íntimo das mulleres, do dereito a elixir ter ou non un fillo, dos problemas de saúde relacionados coa reprodución, coa saúde sexual… A súa influencia sobre as mulleres «podía constituír un risco para a moralidade da poboación», unha ameaza para esa nova España patriarcal e submisa.

Moitas matronas afiliáronse a un partido ou un sindicato. «É certo –afirma Alberto Gomis– que ao tomar posesión dunha praza ou para entrar a traballar nalgúns destinos esixiuse un carné sindical, pero algunhas parecían estar realmente involucradas nos movementos políticos esquerdistas, máis incluso que as propias mestras». Algunhas, como Soledad Ruiz Hernando formáronse durante a guerra nas escolas de cadros do Partido Comunista, outras involucráronse nas revoltas anarquistas que se xeneralizaron durante a II República, como demostra a detención o 30 de maio de 1933 da matrona Antonia Orán Cuello pola Brigada de Investigación Social acusada de tenza de explosivos.

Sesión inaugural do I Congreso Nacional de Matronas en maio de 1929. Fonte: La Unión Ilustrada.
Sospeitosas de coñecer a intimidade

A das matronas era entón unha profesión exclusivamente feminina, con colexios profesionais recoñecidos, o que lles permitiu participar en espazos sociais e de decisión tradicionalmente reservados aos homes. Aínda que o seu principal labor consistía en asistir os partos e axudar durante o puerperio, era sabido por todo o mundo que tamén tiñan os coñecementos suficientes para practicar abortos ou ensinar métodos anticonceptivos. De feito, o goberno franquista coñecía a súa implicación nas medidas de control da natalidade, polo que recearon deste colectivo desde o primeiro momento.

A proposta de Federica Montseny sobre a legalización do aborto non chegou a estenderse en toda España (só se levou a cabo en Barcelona) e terminada a guerra, publicouse a Lei, de 24 de xaneiro de 1941, para a protección da natalidade contra o aborto e a propaganda anticoncepcionista (Boletín Oficial del Estado, 2 de febreiro de 1941, páx. 768-770). Alí dispúñase que «o médico, matrona, practicante, ou calquera outra persoa en posesión dun título sanitario, que causar o aborto ou cooperar con el, será castigado con multa de 2.500 a 50.000 pesetas e inhabilitación para o exercicio da profesión de dez a vinte anos». A prohibición evidencia que as prácticas abortivas e de control da natalidade non eran infrecuentes e para levalas a cabo sen perigo requiríase do traballo das matronas.

A esta capacidade para cometer gravísimos pecados, uníase a posibilidade de coñecer secretos inconfesables das familias. De todas as familias, tamén de afíns ao réxime. O seu traballo realizábase case sempre no domicilio das parturientes, e alí eran testemuñas da súa vida privada. Aínda que no código deontolóxico das matronas figuraba a discreción absoluta, as sospeitas sobre as súas posibles filtracións foron constantes e, en moitos casos, motivo de acusación e condena.

Este foi o caso de Isabel Hernández Aguilar, acusada de provocar a detención dalgunhas persoas de ideoloxía dereitista ás que vira «escuchar las Radios Nacionales» nas súas casas mentres exercía súa profesión. Durante o xuízo non se aclarou se tivera intención de denunciar ou se só se tratara «dunha indiscreción» ao comentalo na súa casa, pero foi condenada a seis anos e un día de prisión maior.

Documento de identidade de refuxiada en Francia de Cinta Font Margalef. Fonte: arquivo de Artur Bladé i Font.
O seu papel nos cárceres

As matronas aumentaron o seu prestixio e a súa formación durante a República. Atopamos moitos anuncios ofrecendo o seu traballo na prensa local e ocupáronse de promover o Seguro de Maternidade que permitía ás mulleres traballadoras gozar do dereito de asistencia nos partos. Foron, ademais, un dos colectivos que accedeu ao funcionarado de prisións grazas ás reformas levadas a cabo por Victoria Kent durante o seu breve mandato (desde o 18 de abril de 1931, ata o 4 de xuño de 1932). Estas reformas pretenderon humanizar e modernizar o sistema de penitenciaría español. Asumíronse medidas tan necesarias como aumentar a ración de comida ou prohibir as cadeas e grillóns. Pero a súa reforma máis significativa tivo que ver coa vontade de conseguir unha rehabilitación social das presas. Para iso, decidiu ampliar o número de funcionarias nos cárceres femininos. Para acceder ao novo corpo «terían preferencia aquelas que presentasen algún título facultativo ou acreditasen o coñecemento dalgún oficio de especial aplicación ás actividades da muller». Moitas das elixidas foron matronas. E moitas foron depuradas anos máis tarde polos franquistas, aínda que o seu labor nas penitenciarías fóra dun valor extraordinario.

Así lle ocorreu a Catalina Mayoral. Conseguiu un posto no novo cárcere de mulleres de Ventas, en Madrid, un edificio con dormitorios asollados e instalacións modernas. O día do traslado das recluídas ao novo penal quedou recollido en varios xornais de Madrid: «Aquela longa fila de mulleres, cos seus fardos miserables nas mans, cos seus fillos pequenos en brazos, daban a sensación desgarradora dunha fuxida en masa, baixo o azoute dunha calamidade», describe o xornalista Juan Ferragut en Mundo Gráfico o 11 de outubro de 1933. Nada máis realizarse o traslado, unha das recluídas púxose de parto, e a matrona encargada de asistila foi Catalina Mayoral. Os xornalistas agardaron para poder fotografar o bebé e a matrona que asistiu o parto.

Sabemos que Catalina Mayoral estaba afiliada daquela ao Partido Comunista e que Dolores Ibárruri, a Pasionaria, tivo unha estreita relación con ela. Segundo as testemuñas no xuízo, era «a súa man dereita». O seu xuízo está cheo de irregularidades, e chegáronse a ditar tres sentenzas diferentes. Acusábana de pertencer ao Partido Comunista; de ocupar postos de responsabilidade durante a guerra, como o de inspectora dos Dispensarios de saúde infantil de Madrid e Castela A Mancha, onde, dicían, espiara os profesionais sanitarios de dereitas; reprochábaselle ser amiga de Jesús Hernández, ministro de Sanidade e Educación durante os mandatos de Negrín e Largo Caballero. «Ata 19 persoas testificaron na súa contra, nun despregue inusitado de testemuñas que demostrasen a súa culpabilidade», confirma Lola Ruiz-Berdún. Con todo, o marido dunha prisioneira de dereitas chamada Matilde Pompey declarou ao seu favor asegurando que Catalina Mayoral doara 500 gramos do seu propio sangue á súa muller, trala hemorraxia que sufrira esta durante o parto en prisión. Este feito evitoulle a pena de morte, pero non 12 anos de prisión.

Catalina foi xulgada xunto a outras tres matronas. Purificación de la Aldea foi unha delas, acusada de ser funcionaria no cárcere de Ventas «durante la dominación roja». Dixeron dela que fora moi dura coas presas que estaban ao seu cargo. Tamén a acusaron de estar afiliada ao Partido Comunista, de pertencer a «Los amigos de la Unión Soviética» e de usar pistola, un das cargos máis graves. A súa condena foi de 20 anos. Volveu ser detida en 1958 polo seu traballo na resistencia clandestina contra a ditadura.

Fotografia de Purificacion de la Aldea. Fonte: ficha de alumna da facultade.
Os primeiros «paseos»

As depuracións contra colectivos perigosos para a España nacionalcatólica comezaron na Guerra Civil. Durante esta etapa, denominada de «terror quente», executáronse varias matronas. En moitas das listas dos «paseos» resulta significativo que as únicas mulleres que figuran sexan matronas. É o caso de Constantina Alcoceba Chicharro, comadroa municipal en Soria, a única muller dun total de 53 asasinados na cidade durante os primeiros meses da guerra. Era unha boa oradora, «a militante máis destacada da CNT soriana» e participara en diversos actos de propaganda anarcosindicalista durante a primavera e verán de 1936. Ao pouco de comezar a guerra, foi detida en Soria e encarcerada. Aínda que no seu certificado de defunción consta que faleceu no Hospital Provincial o 18 de novembro de 1936, os testemuños orais aseguran que foi asasinada no cárcere.
Outras dúas matronas polo menos foron fusiladas polo exército sublevado na provincia de Córdoba: María de la Luz Vázquez Molina e Concepción Cáceres Jurado. Concepción Cáceres Jurado, matrona de Puente Genil, alcumada «a pasionaria de Puente Genil» foi acusada de ser socialista, e condenárona a morte. Dicían, ademais, que bordara a bandeira coa que desfilou o gremio de albaneis o día do Traballo. Dicían, e así consta na denuncia, que ela mesma desfilou por todo o pobo vestida unicamente cunha bandeira tricolor para celebrar a chegada da II República.

Despois da guerra

Os tribunais militares franquistas estableceron na xurisprudencia entre 1936 e 1943 que, todos aqueles que se opuxeran ao «alzamento» coas armas eran culpables do delito de Rebelión Militar, e os que opoñéndose non as empregaron, dos delitos de Adhesión á Rebelión, Auxilio á Rebelión, Indución á Rebelión, ou Apoloxía da Rebelión. Segundo esta redacción, a maioría dos españois da chamada «zona roja» eran susceptibles de seren acusados dalgún destes delitos.

Produciuse entón o que Serrano Suñer definiu como «a xustiza ao revés»: a lealdade á República, o goberno lexítimo, converteuse en rebelión militar. Os militares sublevados tiñan a convicción de que, desde o momento do golpe, adquiriron de dereito o poder lexítimo, xa que logo, todos os que se opuxesen a ese movemento eran rebeldes. A depuración franquista estaba en marcha. A partir desta investigación, descubríronse decenas de casos de matronas condenadas ou encarceradas e, no mellor dos casos, inhabilitadas para volver exercer a súa profesión. Pero seguen aparecendo novos nomes. A lista é, sen dúbida, moito máis longa.

Este colectivo profesional presenta unha complica­ción adicional á hora de procurar fontes. «O persoal sanitario non foi depurado por un só organismo, senón que cada centro sanitario levou a cabo os seus propios procesos de depuración, o que fai moi difícil completar un estudo global do que pasou con este tipo de profesionais», afirman os autores da investigación. A depuración política dos centros sanitarios realizouse con relativa rapidez para que seguisen funcionando con normalidade no menor prazo de tempo posible. «E aquí, na depuración das matronas, é onde volve aparecer un nesgo de xénero, que mostra claramente o espírito de tutela que pensaba utilizar o franquismo coas mulleres españolas. Mentres que cada colexio profesional dispoñía de tribunal depurador afín ao franquismo, a depuración dos colexios de matronas encomendouse aos colexios de médicos (todos varóns) de cada provincia», confirman os autores.

Nas actas de acusación dos xuízos contra matronas pódese observar o interese dos tribunais en acumular moitas evidencias en contra das encausadas. «Aparece a declaración de numerosas testemuñas e, entre os cargos, case sempre figuraba a afinidade esquerdista, normalmente demostrada pola afiliación sindical, o que resultaba un tanto absurdo tendo en conta que a afiliación converteuse nun requisito imprescindible para poder continuar traballando durante a Guerra Civil», aclara Gomis.

Eran moitas as canles que permitían instruír dilixencias previas contra persoas de condutas «reprobables». Admitíase a denuncia directa de alguén que case sempre tiña algún tipo de interese persoal. Moitas veces tratábase de rifas profesionais e constatouse que as matronas foron en gran medida vítimas de problemas de rivalidade. De feito, hai moitas denuncias de practicantes, homes que as verían como posibles competidoras.

 

Ficha informativa da loxa Democracia sobre Amparo Soler.

Matronas, masonas e ateas

Merece a pena destacar un grupo de matronas xulgadas polo Tribunal Especial para a Represión da Masonaría e o Comunismo. As loxas masónicas admitiron moi poucas mulleres, pero sabemos que varias delas foron matronas. Entre elas atopábase Amparo Valor, que tras superar numerosos obstáculos conseguiu ser membro das loxas Democracia e Ruiz Zorrilla de Barcelona e nelas desempeñou o cargo de «Oradora». Foi precisamente o seu título de matrona o que lle abriu as portas das loxas. No informe previo que se encargou para a súa admision na loxa Democracia no apartado de «Ilustración» pódese ler: «Sendo a súa profesión comadroa con título, ten unha cultura superior á xeneralidade das mulleres en España, sendo apta para perfeccionar a súa ilustración». Amparo, que fundara o Patronato Social de Puericultura, Maternoloxía e Protección á Muller Embarazada en 1931, foi condenada por un delito consumado de masonaría o 14 de outubro de 1941. A sentenza foi de 12 anos eun día de reclusión menor e de inhabilitación absoluta perpetua.

Xunto á pertenza á masonaría ou ao Partido Comunista, os delitos contra a relixión foron considerados especialmente graves. Moitas destas denuncias baseábanse en rumores, en conversacións escoitadas no ámbito privado das casa onde desempeñaban o seu traballo. Así, no xuízo de Paula Encinas, asúmese a declaración dunha testemuña que di que demostraba antirrelixiosidade durante a súa actividade laboral «criticando nas casas que asistía pola súa profesión de comadroa, calquera signo ou manifestación de espírito relixioso nas parturientes».

A investigación sobre estas mulleres aínda non está concluída. Os autores seguen buscando vítimas e continúan intentando contactar cos seus familiares. Pero moitos deles nin sequera coñecen a historia das súas parentes. Foron pioneiras, e o fascismo condenounas ao anonimato. Aínda que oitenta anos de silencio imposto non impediron que as súas voces volvan soar, quedan moitas historias por descubrir e contar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail